Sindicatos e patróns neste Primeiro de Maio

Hai un ano, no Primeiro de Maio en Galicia, UGT, CIG e CC OO confesábanse conscientes de que debían facer
Sindicatos e patróns neste Primeiro de Maio

Hai un ano, no Primeiro de Maio en Galicia, UGT, CIG e CC OO confesábanse conscientes de que debían facer algo contra o paro desbocado e a falta de expectativas –daquela falábase dunha folga xeral– pero a cousa non foi moi alá. UGT e CC OO constataban que se alguén non ía ceder contra o abaratamento do despedimento e unha maior flexibilización, como xa reclamaba entón a dereita, era o presidente Rodríguez Zapatero. Antes e agora, a posición máis crítica da CIG pode ser comprensible, aínda que por operatividade require ser consensuada con UGT e CC OO.

Este ano, os sindicatos saíron á rúa máis ben á defensiva: doce meses despois, as centrais maioritarias seguen nas mesmas, ou ata peor, e centran o debate en reclamar un acordo sobre a reforma laboral antes de que acabe este mes, por iso é polo que consideran que os próximos días serán decisivos. Aparte de resistir, a esquerda política e sindical non foi capaz de expoñer unha estratexia económica de fondo, máis aló de tirar do gasto público, mentres que a dereita política e económica lanzouse ao ataque en busca da xeralización do contrato de 33 días de indemnización, fronte aos 45 actuais.

Perdeuse moito tempo e avanzouse pouco, mentres os problemas do déficit se foron acumulando ata o punto de que agora só se fala de axuste no sector público e de ERE e abaratamento do despedimento no sector privado. Por iso as manifestacións do Día do Traballo celebráronse á sombra da incerteza económica e laboral –polo emprego con dereitos e a garantía das pensións–, ao tempo que Suso Seixo, secretario xeral da CIG, poñía o acento desde Galicia en que a patronal pretende aproveitar a situación de recesión para recortar poder adquisitivo, mentres a crise xera un déficit público importante que non se pode corrixir pola vía de incrementar os impostos indirectos ou reducir o gasto social.

Hai quen se sorprende ao ver que os sindicatos nin sequera falan dunha folga xeral ante unha situación tan grave desde o punto de vista social, con cifras de paro alarmantes. Todo ten a súa explicación: se o fixesen, correrían o risco de alentar a chegada dun Goberno que tome as medidas que están pedindo os empresarios e non os traballadores, por iso é polo que resulta tan complicada a posición dos sindicatos ante esta crise, cuxa natureza e xeito de xestionala por parte do Goberno ten pouco ou nada que ver coas grandes folgas xerais da democracia, onde houbo un común denominador: os ataques aos dereitos dos traballadores.

Así, a primeira gran folga xeral foi a do 88 contra a política económica do Goberno de Felipe González polas súas medidas liberalizadoras. Tamén foron importantes os paros do 92, contra o real decreto sobre fomento de emprego e protección por desemprego, e do 94, por mor da reforma laboral do Goberno. A outra gran folga foi a de 2002, xa con José María Aznar, debido ao real decreto sobre a protección ao desemprego e as medidas de fomento do emprego, o chamado decretazo, que foi retirado. Houbo máis folgas xerais a nivel autonómico, sen ir máis lonxe en Galicia, pero ningunha en tempos de Rodríguez Zapatero.

Comentarios