Retos do bipartito

Estamos no tempo de analizar os 3 anos do bipartito e coincide nas datas coa celebración do 50 aniversario da cre
Estamos no tempo de analizar os 3 anos do bipartito e coincide nas datas coa celebración do 50 aniversario da creación da bossanova. Un dos pais deste xénero musical, o fantástico poeta Vinicius de Moraes, falaba nun dos seus poemas da morte como metáfora dunha transformación, dun cambio de etapa, e dicía nun verso: “Por iso temos brazos longos para os adeuses”. Aquí en Galicia non temos os brazos tan longos porque cóstanos bastante iso dos cambios e as despedidas, pero un bo día o fixemos. Erguemos o brazo, sacamos o pano e dixemos adeus a tres lustros de fraguismo, que se dí pronto pero que non pasaron tan rápido.

Dixemos adeus non xa como final dunha etapa de difícil valoración para o país, senón como principio doutra etapa, a etapa do cambio, da renovación, o momento de deixar atrás un convulso século vinte para entrar con mellor pé no vinteún.

E como en Galicia somos algo bravos buscamos esa transformación como nos gusta facer as cousas. Pola vía do contraste. Despois dun Goberno claramente de dereitas escollimos un de maior sensibilidade social; despois dun partido de certa vocación españolista escollimos máis Galicia (aínda que no sei se todos coincidarán con esta apreciación). E en troques dun goberno monocolor escollimos un de varias cores: un bipartito.

Os bipartitos teñen cousas boas e malas. Son, de entrada, unha garantía para o cidadán, xa que á vixiancia sobre o poder que exerce a oposición súmase unha vixiancia interna que exercen os socios un sobre o outro. Pero ten como inconveniente os roces naturais derivados das peculiaridades, obxectivos e idiosincrasia de cada unha das forzas que o compoñen e que as vaces parecen dar unha sensación de certa descoordinación.

Lembraredes as dificultades que tivo o nacemento do pacto de Goberno. Cáseque máis ben foi un “parto” de Goberno. Con cesárea e todo.

E é que PSdeG e BNG son forzas políticas moi diferentes, con obxectivos e xeitos de facer as cousas diferentes, con principios diferentes, con votantes diferentes. E co fácil que sería subliñar esas diferencias, o reto estaba en poñelas en nun segundo plano e construír un goberno baseado nesas cousas que teñen en común, que é como iso das meigas, que hai quen non cré nelas, pero habelas, hainas.

Pero, sobre todo, había que construír ese goberno pensando en sacudirse o pó 16 anos de fraguismo e meter a Galicia no tren do futuro.

(Isto do tren saime así pero non ten dobre fondo ningún, que conste)

Se o primeiro reto, o de formar un programa común, era xa difícil, imaxinádevos o segundo: mudar a estrutura fonda e arraigada do anterior goberno para poder empezar a traballar, e por en marcha novas políticas en función dos obxectivos pactados.

Iso leva tempo. E por iso non imos ser moi críticos coa velocidade coa que se fan as cousas no bipartito, que a todos (seguro que aos conselleiros tamén) nos gustaría que foran algo máis rápido.

Como non gosto demasiado de falar do pasado, máis que facer un balanzo do que foron estes tres anos de goberno transformador gustaríame traer o debate algúns dos máis importantes retos de futuro para este goberno.

O principal, tal vez o máis inmediato, é saír da crise.

Para iso, primeiro hai que recoñecela. Chamarlle as cousas polo seu nome. Xa sabemos todos que técnicamente non estamos nunha crise porque para iso fai falla non sei cantos meses de crecemento negativo e todas esas lerias, pero cando se reduce un tema a un debate lingüístico, cando os responsables políticos fuxen das palabras e buscan eufemismos, iso crea un sensación de inquietudena cidadanía. Parece que, en troques de afrontar o problema, o que queren é agochalo.

Seguro que vos lembrades do Rajoy cando en plena crise do Prestige tentaba evitar chamarlle a iso “marea negra” e dicíalle: “hilillos de plastilina”.

Eu lembro o conto que oín contar a un compañeiro sobre unha profesora que, no comezo do curso, preguntou a un dos pícaros que tiña na clase como se chamaba.

Chámome Lleison, escrébese Jasón pero os meus amigos me din “Miñoca”.

Aí o tendes. É igual que lle queiras poñer un nome exótico: desaceleración, recesión... gaitas. Ao final a xente chamaralle “miñoca”. O sexa, crise.

E o caso é que o importante non é como se chama, senón como saímos dela. Aquí os do BNG teñen una receita que non soa mal, aínda que parece ter un chisco de oportunismo, se me permitides a crítica. A receita é máis autogoberno.

Ben, parece lóxico que canto máis cerca da xente se xestionen os cartos públicos, máis se atinará coas necesidades desa xente.

Pero tamén é certo que, se xa tivéramos máis autogoberno, non nos teríamos zafado desta crise. Alomenos non totalmente.

En calquera caso, algo de marxe de acción temos, e haberá que habilitar medidas máis concretas e directas para o momento actual.

Ese é un dos retos que debe afrontar o bipartito, e que penso que aínda non se terminou de concretar.

Outro reto: o financiamento autonómico.

Non sei se lembrades o anuncio ese de Brumel: “En las distancias cortas es donde una colonia de hombre se la juega”. Pois estamos nun momento Brumel co financiamento autonómico. Estamos xa na distancia curta e aquí ímonola xogar. Vainos o futuro nisto. Ou acadamos un financiamento axeitado ou estaremos noutra longa noite de pedra.

Para iso, para un financiamento axeitado, hai que ter en conta a nosa situación, debe ser un financiamento non só cuantitativo, senón tamén cualitativo, é dicer, que teña en conta non só o tamaño do territorio e o volume de poboación, senón o impacto ambiental que soporta ese territorio e as características da súa poboación, como a idade ou a dispersión. E non porque nos conveña a nós, os galegos, senón porque é o xusto.

Máis retos: acadar un novo estatuto.

Penso que é unha mágoa que acudamos a ese debate de finaciamento sen ter aprobado un estatuto, digámolo así, potente. Xa non digo un estatuto de nación, porque parece que reducimos o debate a se ten que levar ou non a palabra nación. O importante, de novo, no é que leve ou non esa palabra, senón que responda realmente as necesidades de autogoberno e de financiamento de Galicia.

Velai vai Catalunya, que ten un peso dificilmente igualable na negociación gracias ao seu texto estatutario. Eles van armados a esa guerra e nós, coas mans cáseque valeiras.

Debemos plantexarnos sacar adiante este novo estatuto. Moitos non tivemos oportunidade de votar o actual estatuto. Digo eu que, o ritmo que evoluciona a sociedade, é tempo xa de renovar as nosas bases fundamentais e darlle voz a esas xeracións educadas na democracia pero que aínda non puideron falar sobre ela nas urnas.

E, por último, e por non estenderme desmasiado, cómpre seguir avanzando no benestar social, na articulación do país con mellores infraestruturas, na posta en valor e na dignificación do ámbito rural, no reequilibrio territorial, na eficiencia enerxéctica e a xestión dos nosos recursos neste eido, na vivenda pensada para o benestar dos cidadáns e non no dos construtores, que agora parece que están a recoller o que sementaron...

En fin, que como comezamos con Vinicius de Moraes, remataremos tamén co mestre da Bossa Nova, cunha cita dese mesmo poema que ben podería aplicarse ao instante en que mudamos de goberno en Galicia, e que dí así:

“De repente nunca máis esperaremos
hoxe, a noite e xoven
da morte a penas nacemos... inmensamente”.


---
Intervención na mesa redonda "Tres anos de Goberno, tres anos de cambio transformador" da Galería das Ideas no Festigal.