As linguas de España

A pesar de todas as dificultades de partida que o rodeaban, en Euskadi e Navarra fálase cada vez mais o é

A pesar de todas as dificultades de partida que o rodeaban, en Euskadi e Navarra fálase cada vez mais o éuscaro, sen que iso merme o uso e coñecemento do castelán, que é dominante. Mentres, o catalán avanza como lingua materna, aínda que de maneira lenta, en Cataluña; lonxe de retroceder como na Comunidade Valenciana, onde a esta lingua se lle chama valenciano.

En Galicia, a súa lingua propia, o galego, está tendo problemas de uso, fronte á expansión do castelán, sobre todo en grandes cidades como Vigo ou A Coruña, se ben é un idioma coñecido por unha inmensa maioría. En vez de protexer a debilidade do galego, algo que fixo incluso o ex ministro de Franco Fraga Iribarne nos seus tempos de presidente da Xunta, o actual PP de Galicia está a levar a cabo unha política contraria ao desenvolvemento do galego, cuxos ideólogos están máis en Madrid que en Galicia, onde si actúan o seus executores.

O principal encargado do exterminio do galego chámase Jesús Vázquez e era, ata hai moi pouco tempo, un absoluto descoñecido, agás no seu contorno persoal. É un peculiar personaxe ao que o presidente Alberto Núñez Feijóo lle encargou a Consellería de Educación, desde onde desenvolve eficaces estratexias de propaganda sobre as que asenta políticas concretas contra o galego, algo que é de máis que dubidosa constitucionalidade, xa que a Carta Magna protexe todas as linguas do Estado, e que está en contra do Estatuto de Autonomía de Galicia, que recoñece o galego como a lingua propia da súa comunidade, e tamén da Lei de Normalización Lingüística aprobada pola Xunta de Manuel Fraga. O que agora está en marcha, entre outras moitas actuacións, é cargarse un decreto do anterior Goberno bipartito que intentaba equiparar o galego e o castelán no ensino, onde na práctica segue predominando o castelán.

É discutible se o PP cumpre toda a lexislación vixente, mesmo cando tolera que Vázquez discrimine a Xornal de Galicia. O que non o é, é que está en contra do galego, e que iso non debe maquillarse con propaganda capaz de enganar a moita xente de fóra de Galicia que teme polo castelán, unha das grandes linguas do planeta.

O castelán non corre o máis mínimo risco en Galicia, onde si está en franca decadencia social a lingua materna da maioría dos seus habitantes. Se alguén que viva fóra de Galicia o dubida, este verán ten unha magnífica oportunidade de comprobalo. Ao tempo que aclarará en contacto coa xente unha das máis grandes manipulacións políticas dos últimos tempos, gozará dunha comunidade con infinidade de atractivos turísticos, culturais e gastronómicos. Que sexa para ben.


-- --

>> Este artigo, escrito orixinalmente en castelán e adaptado e traducido ao galego para Xornal de Galicia e Xornal.com, publícase en castelán noutros medios de toda España, distribuído pola axencia OTR, coa que José Luis Gómez colabora dúas veces por semana desde hai varios anos.

Comentarios