Unha fiestra aberta

Desde Xornal de Galicia, partimos da idea de Galicia como comunidade de intereses comúns e, ao mesmo tempo, reco
Desde Xornal de Galicia, partimos da idea de Galicia como comunidade de intereses comúns e, ao mesmo tempo, recollendo o ideario da Xeración Nós, como célula de universalidade.

A prensa periódica foi desde os seus inicios o instrumento imprescindíbel da modernidade: foi quen de crear espazos públicos de debate que trascendesen o salón aristocrático ou o casino burgués: a sociedade dos coñecidos. Ten o mérito de difundir a cultura escrita máis alá das elites latinizadas, propiciando o ascenso de numerosas linguas vulgares, moitas delas sen cultivo escrito anterior. Por iso moitos estudosos sinalan que a aparición dos xornais debe ser considerada un factor decisivo na formación das identidades nacionais modernas, no sentido en que son capaces de crear un espazo imaxinario de intereses comúns. Alén disto, os diarios tamén desempeñaron un papel determinante na consolidación dos sistemas políticos democráticos. Xornal de Galicia aspira a crear ese espazo imaxinario de intereses comúns a todos os galegos e as galegas e a dinamizar o debate social e político desde o respecto e o diálogo. En liberdade.

A implantación do xornalismo fixo tamén posíbel que certas capas da sociedade, como as mulleres e as clases artesás e campesiñas, minimamente alfabetizadas, puidesen achegarse á cultura escrita e se interesasen polos acontecementos e discusións divulgados nos xornais. Unha auténtica revolución cultural que terá axiña repercusións a nivel social, cando estes sectores reclamen o seu dereito a participar nas decisións políticas. Non se debe esquecer que, canto maior é o grao de competencia en lectura e escritura –literacidade- dunha sociedade, maior é o consumo de prensa escrita e maior a posibilidade de participar activamente na vida pública.

Na era de Internet, un xornalismo participativo

Unha sociedade moderna coma a galega debe dotarse de medios de comunicación cercanos que fagan posíbel a participación e, ao mesmo tempo, desempeñen un papel de divulgación e análise das novas tendencias culturais, políticas, económicas e sociais. Neste sentido, Xornal de Galicia proporcionará aos seus lectores a posibilidade de opinar e participar activamente nas seccións diarias e nos suplementos, tanto na edición impresa como na edición on-line a través dunha iniciativa novidosa: o plan [email protected] Mediante este plan proponse un intercambio fluído coa cidadanía favorecendo un xornalismo activo capaz de recoller as inquedanzas e achegas dos lectores.

No caso de Galicia os xornais foron, nos periodos de liberdade de expresión, o medio privilexiado desde o que se podía asistir ao debate político, á articulación de propostas ideolóxicas e, mesmo, ao ascenso da historia, da lingua e da cultura autóctona ao centro de interese erudito e literario. Mais os casos en que a aposta pola lingua galega como vehículo principal de transmisión de pensamento en Galicia se plasmara nun periódico foron excepcionais. Temos dous casos singulares: O Tío Marcos da Portela, o primeiro periódico escrito en galego, fundadado en 1876 por Valentín Lamas Carvajal en Ourense e que acadou unha gran difusión no medio rural, e A Nosa Terra, o órgano de expresión do ideario das Irmandades da Fala, fundado en 1916 e pechado abruptamente en 1936 logo da sublevación militar contra a II República. O idioma galego é unha das asignaturas pendentes da prensa galega e será un dos valores principais de Xornal de Galicia: a utilización do galego, xunto co castelán, en todas as seccións, independentemente da temática, será o noso primeiro compromiso para a normalización da cultura propia e a creación dun espazo común cultural e político.

Con todo, non debemos esquecer que a través das colaboracións en periódicos e revistas foi como se deron a coñecer moitos dos principais protagonistas do Rexurdimento e como chegaron a popularizarse algunhas das súas composicións poéticas. Efectivamente, durante o século XIX e boa parte do XX era frecuente na prensa publicar composicións poéticas, relatos ou capítulos de novelas.

Firmas como as de Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Curros Enríquez, Castelao, entre outros, son frecuentes nos xornais da súa época. De tal xeito que é doado seguir a evolución do galeguismo a través da prensa ata 1936: a constitución das Irmandades da Fala e da articulación dun proxecto político que daría lugar ao Partido Galeguista, o labor cultural da Xeración Nós, as tensións entre a renovación literaria e as inercias da tradición dos anos 20-30. E logo o silencio, a represión, os libros e documentos queimados, os mortos apresuradamente enterrados non se sabe onde e, por último, o exilio, que abre un novo capítulo para a historia da prensa galega libre, agora en América, exemplo de resistencia e amor profundo polo que se tivo que deixar. "(¡Unha lapa lene, unha cadalexa!) / da conciencia desta patria / conservada en pequenos corazóns / ardentes con fogo doce que non morre", escribiu Ferrín e non se pode atopar mellor xeito de expresar o milagre de que esta tradición da que vimos falando seguise viva despois de tan longa noite e rexurdise poderosa nunha nova xeración que se abre paso no suplemento cultural do xornal compostelán La Noche (outra vez os xornais traendo a boa nova!).

Novo xeito na tradición da mellor prensa galega

As páxinas do noso xornal aspiran a ser en Galicia unha fiestra aberta tanto á reflexión política, económica e social coma á creación literaria e plástica, seguindo a tradición da mellor prensa galega.

Xornal de Galicia, asumindo plenamente todo o legado histórico e cultural transmitido pola prensa periódica democrática, propón un novo xeito de facer xornalismo na nosa terra co obxectivo de crear un escenario de referencia para todos os galegos que trascenda o lugar de publicación do xornal: partimos da idea de Galicia como comunidade de intereses comúns e, ao mesmo tempo, recollendo o ideario da Xeración Nós, como célula de universalidade.

Facémolo tamén sabendo que hai perspectivas galeguistas e progresistas que queremos proxectar no noso país sin desmerecer a ningunha outra corrente de opinión, pero cando menos en pé de igualdade con outras tendencias claramente dominantes noutros medios.