A cooperación exterior galega en tempos de crise

A José Ignacio Salgado, cooperante galego falecido o 21 de setembro en accidente en Perú A acci&oacut
A cooperación exterior galega en tempos de crise
A José Ignacio Salgado, cooperante galego
falecido o 21 de setembro en accidente en Perú


A acción das administracións públicas no ámbito da cooperación internacional, presenta unha característica especial: que unha parte moi importante do gasto é executado a traveso de entidades alleas á administración, as ONG de cooperación internacional para o desenvolvemento (ONGD).

Así, segundo o último informe da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, Seguimiento del Plan Anual 2007, as ONGD executaron o 25% da axuda oficial bilateral do conxunto do Estado. Pero no ámbito autonómico, as ONGD executan de media o 73% do orzamento, con autonomías como Navarra e País Vasco onde as ONGD executan máis do 90% do orzamento da solidariedade exterior.

Disto se deriva que a administración está obrigada a ter un diálogo estreito coas ONGD, moi superior ao habitual noutros ámbitos; se na cultura, na acción social, no ecoloxismo, etc., este diálogo é desexable, na cooperación internacional convértese nun requisito básico. Isto é unha novidade para persoas alleas ao sector, non sempre preparadas para asumir esta situación.

Un exemplo disto foi no ámbito estatal a actuación de Miguel Angel Cortés, secretario de Estado de Cooperación Internacional nos gobernos Aznar, para quen as ONG eran meros comparsas na acción exterior.

>> Situación actual da cooperación en Galicia
No noso país, o partenariado coas ONGD segundo o informe citado, supuxo, en 2007, só o 45% da axuda da Xunta, a proporción máis baixa de todas as comunidades. Isto é: a Xunta é a administración autonómica que menos confía nas ONGD. É isto necesariamente negativo? Respostando con honestidade: non! Ás ONGD non teñen porque aspirar a executar a meirande parte da axuda oficial galega; o que desexamos –e esiximos– é que o esforzo total da Xunta sexa proporcional a súa capacidade (e que se faga con eficiencia). Cal é realidade?.

En 2005, o PP deixou a Xunta cun total de axuda oficial ao desenvolvemento (AOD) de 6,2 millóns de euros, o 0,07% dos orzamentos, o nivel máis baixo de todas as autonomías. Pero en xaneiro de 2006, o novo presidente Touriño declaraba que “se acadará o 0,4 por cento dos orzamentos da Xunta ao cabo desta lexislatura” o que, segundo sinalaba, “supón multiplicar por máis de oito a achega anterior”.

Esta mensaxe esperanzadora contrasta coa realidade dura das cifras: en 2006 a Xunta de Galicia mantiña o “faroliño vermello” das autonomías no esforzo en AOD; en 2007 tamén, e en 2008 ídem, chegando só a un exiguo 0,11%, moi lonxe da media autonómica do 0,25%.
É certo que a cantidade absoluta pasou nestes 4 anos de 6 millóns de euros a algo máis de 12 millóns. Pero tamén que o orzamento total da Xunta case se duplicou!

Con botar unha mirada ao redor comprobamos como autonomías cun nivel económico inferior ao galego (Extremadura, Canarias, Andalucía…) teñen un compromiso moi superior. A comunidade contigua, Asturias, adica o triplo, o 0,31%. E xa non citemos a comunidades como Baleares ou Castela-A Mancha (con gobernos ou presidentes socialistas, como o noso caso), a anos luz en compromiso solidario. Sic transit gloria mundi!

O prestixioso informe La realidad de la Ayuda 2008-2009 presentado esta mesma semana por IntermónOxfam, ven reiterar un ano máis estas cifras, que ruborizan aos cidadáns galegos.

>> Tempos de crise económica
Que pasará nos próximos anos? Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2009 conxelan na práctica o esforzo en cooperación exterior. A crise esixe adicar os recursos a outras iniciativas, máis visibles para os cidadáns…. É certo que non é fácil explicar aos cidadáns que imos adicar varios millóns de euros para, por exemplo, combater a pobreza en Guatemala (unha iniciativa real), cando centos de galegos quedan sen traballo; pero o mesmo poderiamos dicir dos gastos en cultura (poderiamos citar o exemplo de sempre), do fomento do cabalo galego ou da promoción da pesca deportiva.

Resulta así comprensible que cidadáns pouco informados, como unha señora hai poucas semanas en Ferrol, na inauguración da exposición “Achégate” (unha iniciativa interesante da Xunta que está recorrendo toda Galicia), berren “…en Ferrol también hay pobres!”, ignorando que a pobreza en Ferrol significa ter asistencia sanitaria gratis, educación e transporte escolar gratuíto ata os 16 anos, pensións non contributivas… detalles que en Nicaragua soarían como de outro planeta. Por iso hai que ter cintura política, como o alcalde Irisarri, que na citada ocasión acollía con benevolencia o berro, en lugar de chamar ignorante á señora, que era o que merecía.

Pero que xustificación damos a que en épocas pasadas, de bonanza económica, a aposta decidida da Xunta pola cooperación brillase pola súa ausencia? Vexamos as cifras que proporciona a Consellería de Economía: en 2005 o superávit das contas públicas galegas foi de 100 millóns de euros; en 2006, de 400 millóns de euros (!!) e en 2007, de 100 millóns. Que se fixo neses anos?

>> Xestión da axuda á cooperación galega
Por último, como se fixo a xestión da axuda? Pois con luces e sombras; con avances interesantes e con sucesos que é mellor esquecer.
Entre os primeiros poderíamos citar: a execución completa do orzamento nos 3 anos xa rematados (2005, 2006 e 2007), cooperación directa centrada no ámbito da pesca artesanal e acuicultura, novas iniciativas (proxectos integrais, microproxectos, programas…), adicación do 20% dos recursos a países menos adiantados (PMA).

En canto aos retos pendentes: persoal escaso, e sen consolidar; diálogo co sector, en especial coas ONGD, moi mellorable; transparencia e rendición de contas insuficiente; iniciativas innecesarias (calificacións de ONGD) ou mal enfocadas (microproxectos), e falta de revisión de instrumentos existentes (Rexistro de Axentes).

Pero non critiquemos só ao goberno bipartito. Fronte a un investimento de case 40 millóns de euros en 4 anos, cal foi o interese dos grupos políticos? Cantas veces compareceu a Directora Xeral de Cooperación Exterior na Comisión Primeira Institucional do Parlamento Galego en 4 anos? Pois a petición propia, nunha única ocasión, para presentar o Plan Director Cuadrienal. Pero se iso non sucedeu con máis frecuencia, cantas veces foi convocada pola Comisión? Cero veces ! Isto é, o Parlamento tampouco fixo os seus deberes!

Agardamos que o novo ciclo político que se abra tralas eleccións de marzo sitúe á cooperación galega no lugar que lle corresponde. As ONGD seguiremos confiando en acadar a pobreza cero e pensando que outro mundo é posible!