Benvidos ao futuro

Hoxe celebramos o décimo aniversario de Xornal.com e o primeiro de Xornal de Galicia, a nave que en pouco tempo &

Hoxe celebramos o décimo aniversario de Xornal.com e o primeiro de Xornal de Galicia, a nave que en pouco tempo é, e pretende seguir a ser, o símbolo do xornalismo progresista e galeguista de Galicia.

Hai dez anos, cando crían que eramos uns atrevidos por mergullarnos nas augas incertas de internet, pensabamos no futuro. Botámonos á rede e pescamos lectores críticos e participativos, o noso gran patrimonio, o mellor capital que pode ter un medio que naceu independente e continúa na mesma liña. A catástrofe do Prestige amosou que eramos un xornal sen servidumes políticas, feito con máis ilusión e compromiso que medios. Os lectores axudáronnos a pasar a crise das puntocom, cando todos recuaban. E os lectores son os que teñen que seguir a ser o faro que guíe o noso camiño porque cada día pensamos neles e non no que os poderosos queren que calemos.

En Galicia, acostumada a uns medios de comunicación acomodados e dependentes das axudas da Administración, naceu hai un ano Xornal de Galicia, unha nave con máis ferramentas que apareceu no horizonte para reivindicar o progresismo e o galeguismo desta gran terra. A única atadura, o único porto de amarre, é o lector, e pretendemos que o siga a ser. Prezado lector, convídoo a que reflexione sobre o que escriben os persoeiros de Galicia, dende o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, a Xoán Vázquez Mao, secretario do Eixo Atlántico, o noso nó natural de convivencia.

Os que escriben en Xornal de Galicia son voces autorizadas –como as principais figuras políticas do país– que o fan sen consignas nin indicacións, como ocorre neste caderno de aniversario.

Non me fagan caso a min, que son o director de orquestra dende hai dez anos e podo estar influenciado. Lean atentamente o que din de Xornal de Galicia como lemos cada comentario que cae en Xornal.com. En Xornal de Galicia pretendemos darlles voz a todos. Grazas.

Comentarios