A TVG ofrece en directo o Festival Intercéltico de Lorient

Logo de TVG. / TVG
Logo de TVG. / TVG

Entre a destacada representación galega, cómpre salientar a participación de Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo.

A TVG ofrece en directo o Festival Intercéltico de Lorient

O perfil de Facebook da Televisión de Galicia ofrece, en directo, ata o 12 de agosto, de xeito íntegro, os concertos e actuacións que se van vivir durante o Festival Intercéltico de Lorient, a máis importante cita cultural entre os pobos de tradición celta.

A TVG faise eco deste certame dentro da alianza que mantén coas televisións do Celtic Media Festival, que promove a cultura e a lingua dos países celtas en cine, televisión, radio e novos medios, e como membro da asociación das televisións públicas rexionais, denominada Circom.

Dentro da destacada delegación galega, formada por máis de 130 músicos, cómpre salientar, como pratos fortes, as actuacións da cantante Uxía (xoves 9), que presentará o seu último disco Uxía-o; do músico Rodrigo Romaní (sábado 11), que estará acompañado pola tamén arpista Beatriz Martínez e pola percusionista Xulia Feixóo, e do gaiteiro Anxo Lorenzo (martes 7), premiado solista e compositor moañés. Os concertos ofreceranse a través do Facebook Live da TVG, cada día, desde as 20.15 horas.

No Festival Intercéltico de Lorient, músicos, bandas de gaitas e agrupacións de bailes tradicionais reúnense na Bretaña para facer homenaxe as súas tradicions, cultura e sons, desde Cornualles, Gales, illa de Man, Irlanda, Escocia, Bretaña, pasando por Galicia e Asturias e coas últimas incorporacións desde os Estados Unidos, Australia, A Arxentina e mesmo México.

O enderezo da páxina de Facebook da TVG é https://www.facebook.com/televisiondegalicia. @galiciamundiari

A TVG ofrece en directo o Festival Intercéltico de Lorient
Comentarios