Ser ou non ser: Ramón Chao e Romà Gubern

Con GUBERN e CHAO 2013. : Moncho Paz
Con GUBERN e CHAO 2013. : Moncho Paz
Os estudos de Gubern sobre a cinematografía mundial, a guerra civil española, a linguaxe do cómic e a pornografía, foron totalmente pioneiros nos anos da transición.
Ser ou non ser: Ramón Chao e Romà Gubern

En 2013 mantivemos un entrañable encontro con Romà Gubern, na Casa de Velázquez en Madrid, poucas semanas despois de ser distinguido coa Creu de Sant Jordi, outorgada pola Generalitat de Catalunya. Ramón Chao exercía de mestre de cerimonia aquela tarde, tras lembrar nunha conferencia previa a súa amizade co filósofo Agustín García Calvo. “Coñecino despois da revolta do 1968 en París, onde se estableceu cando a ditadura franquista o separou da súa cátedra na Universidade Complutense por apoiar as protestas estudantís de 1965, xunto a Tierno Galván, López Aranguren e Santiago Montero, que correran a mesma sorte. O exilio levouno ao país galo, e alí exerceu como profesor na Universidade de Lille e no Collège de France. Tamén traballou de tradutor para a editorial Ruedo Ibérico. Na capital francesa coordinaba un faladoiro político no café La boule d'or, no Barrio Latino, ao que íamos todos”, afirmou Chao. 

A conversa posterior seguiu con García Calvo como protagonista, pois aínda estaba recente o seu pasamento, en novembro de 2012, debido a unha doenza cardíaca. Aquel singular parladoiro (do que formabamos parte Chao e máis eu, con Romà Gubern e Gonzalo Abril, entre outros) rescataba da memoria o intre no que o profesor fora restablecido na súa cátedra madrileña, tras a morte de Franco, e na que ficaría até a súa xubilación en 1992. “Durante a etapa final como docente universitario moderou unha interesante tertulia política no Ateneo da capital, á que tiven a sorte de acudir como oínte nun par de ocasións. Alí era fácil atopar a Félix de Azúa, Javier Marías ou Amancio Prada, quen se inspirara na súa obra poética para crear varias versións musicais”, apuntei eu, que era o máis novo na xuntanza intelectual, onde tivemos a oportunidade de presentar o proxecto cultural de ‘Amigos de Prisciliano’, moi ben acollido polos asistentes.

Mais regresemos á pasaxe inicial desta crónica, cando Ramón Chao recuperaba a personalidade polifacética de García Calvo: gramático, poeta, dramaturgo, ensaísta, tradutor e pensador necesario. Contounos os detalles da entrevista surrealista que lle fixera en París, a raíz da publicación do seu poemario “Sermón de ser y no ser” en 1972. “O primeiro que me sorprendeu foi ver que o libro era totalmente inclasificable e non tiña ningunha relación coa poesía española do momento, ao que me respondeu que el tampouco sabía moi ben o que era, e que coa súa publicación cometera unha especie de pecado, por contribuír ao torrente da industria cultural. E que por ese motivo quería que o libro se independizase del o máis cedo posible”, ironizaba Chao, quen sempre amosou unha especial complicidade e simpatía polo personaxe.

De seguido, Ramón referiuse ao pensamento político de García Calvo, empeñado en dar voz a un sentir anónimo, popular, que rexeita os manexos do poder. “Dicía que na Democracia, con maiúscula, o Estado e o Capital son en realidade a mesma cousa. E que a loita popular debe dirixirse contra ambos, sen converterse nunha reivindicación, xa que iso supón recoñecer lexitimidade ao Poder, nin tampouco nunha alternativa de goberno. E afirmaba tamén que esa loita non podía ser individual, pois o individuo -construído a imaxe e semellanza do Estado- é esencialmente reaccionario e constitúe o primeiro inimigo do pobo”. As sucesivas reflexións sobre a figura do desaparecido filósofo fixeron que Romà Gubern, máis interesado pola cultura audiovisual ca pola metafísica, cambiara inmediatamente de rexistro, traendo a colación as súas estadías en París, cando coñecera a Chao mentres asistía ás asembleas organizadas pola Association française pour la recherche sur l´histoire du cinema. 

Os estudos de Gubern sobre a cinematografía mundial, a guerra civil española, a linguaxe do cómic e a pornografía, foron totalmente pioneiros nos anos da transición. É un verdadeiro referente para a xeración de xornalistas que nos formamos nas aulas de Ciencias da Información a finais da década de 1980, tanto en Madrid como en Barcelona. Nos estertores do franquismo militara no Partit Socialista Unificat de Catalunya, de ideoloxía marxista, sendo un destacado membro da “gauche divine” barcelonesa. A piques de cumprir 88 anos (o vindeiro 8 de agosto), na súa traxectoria destaca o seu labor como investigador no Massachusetts Institute of Technology e como profesor de historia do cinema na University os Southern California.

A admiración por Romà Gubern arranca da miña etapa como estudante na Universidade Complutense. Descubrino na biblioteca da Facultade, consultando a colección da revista Bang!, centrada no estudo do mundo do cómic. Naqueles anos fora un dos asinantes dos manifestos “Ante un conato de degradación del significado cultural del cómic” e “Contra la exposición Tintín y Hergé”. Neste último, reivindícase a banda deseñada como forma de arte adulta e exprésase a preocupación polo confusionismo ao que inducía a devandita mostra, programada na Fundación Joan Miró da capital catalá. Aínda que non discutían a importancia do fenómeno Tintín, os autores afirmaban que "nas nosas latitudes -onde os cómics aínda non conseguiron o merecido prestixio oficial e popular que alcanzaron noutros países cultos- resulta sumamente perigoso para o recoñecemento da novena arte que esta entidade elixa, para a súa primeira exposición monográfica de cómics, unha obra con destinatarios infantís e sen o rango estético suficiente”. A existencia destas reivindicacións culturais foime revelada unha fría tarde en Vilalba, no nadal de 1989, por Agustín Fernández Paz, outro gran amante do universo da historieta; pero esa xa é outra ané[email protected]

Ser ou non ser: Ramón Chao e Romà Gubern
Comentarios