Renovar o compromiso co galego

Bandera de Galicia. / RR SS
Bandeira de Galicia. / RR SS

Trinta e sete anos despois da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia decatámonos de que aínda estamos moi lonxe de acadar a meta.

Renovar o compromiso co galego

O pasado mes de xullo -coincidindo co proceso electoral na nosa Comunidade- cumpríronse trinta e sete anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia. Tivemos, pois, tempo dabondo para avanzar bastante máis do que o fixemos até agora no uso progresivo do galego nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva. 

Pertenzo á primeira xeración de rapaces que recibimos con ledicia a chegada da lingua galega ao ensino, un feito que nos fixo tomar conciencia de que a súa aprendizaxe é un dereito e un deber para calquera cidadán, e así debería entenderse tamén por parte dos poderes públicos e de todas as forzas políticas. Con esta idea, cómpre definir accións dinámicas que fomenten o seu uso nos diferentes sectores (educación, xustiza, sanidade, economía...), de tal xeito que estea máis presente nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras.

Moitas persoas da miña xeración adoptamos un forte compromiso coa lingua; pero trinta e sete anos despois decatámonos de que aínda estamos moi lonxe de acadar a meta. Hai que aprobar materias pendentes, entre elas a actitude dos medios de comunicación respecto ao noso idioma, pois o castelán segue a ser a lingua predominante para ver a televisión, escoitar a radio ou ler a prensa. Non se trata só de publicar portadas en galego coincidindo con datas sinaladas, coma o Día Nacional de Galicia ou o das Letras Galegas. Iso é un folclorismo. Así o reclamamos dende a Asociación de Medios en Galego, e lamentamos a discriminación da Xunta de Galicia sobre os medios escritos na nosa lingua en relación aos que o fan en castelán. A existencia destes medios é decisiva para a pervivencia da propia cultura, da información en chave galega e tamén para a creación de postos de traballo de xornalistas na nosa terra.

Na actualidade o castelán é a idioma maioritario en Galicia, segundo os datos recollidos nos informes publicados pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura. Chama poderosamente a atención o feito de que nos últimos anos disminuíse o número de galegofalantes nas grandes vilas e cidades, sobre todo entre as novas xeracións. Isto débese, en boa medida, ás modificacións lexislativas postas en marcha polos sucesivos gobernos de Núñez Feijóo, en especial o decreto do plurilingüismo, que entrou en colisión co natural desenvolvemento da lei de normalización lingüística e o fomento do uso progresivo do galego, rachando co consenso político conseguido no seu día entre todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia.

Trinta e sete anos despois, leo as noticias na prensa e, en liñas xerais, soamente vexo declaracións de intencións cheas de palabras baleiras de contido. Non hai un plantexamento serio e rigoroso. O dano feito con aquel decreto incluso foi recoñecido indirectamente polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cando se referiu en varias ocasións a necesidade dun “plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade”. ¿Estamos aínda a tempo de salvar ao noso idioma? A responsabilidade de esixirllo á Xunta é de todos, chegou o intre de rematar coas políticas erráticas e actuar con decisión e firmeza para reivindicar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, evitando a desintegración da nosa identidade coma pobo. É o momento de erguer esta bandeira sen complexos e de fomentar o discurso galeguista cara ao conxunto da sociedade. @mundiario

Renovar o compromiso co galego
Comentarios