A rebaixa da peaxe da AP9: a quen loubar e a quen reprender

Puente de Rande en la autopista AP-9. / Mundiario
Puente de Rande en la autopista AP-9. / Mundiario
O BNG que soubo xogar con intelixencia as súas cartas no debate de investidura, pero os Orzamentos Xeráis do Estado inexplicablemente tampouco recibiron o apoio do BNG.
A rebaixa da peaxe da AP9: a quen loubar e a quen reprender

Xa podemos beneficiarnos da rebaixa da AP9, unha boa noticia. Pero, a quen temos que loubar e a quen temos que reprender?

Aló polo ano 2.000 remataba a concesión da autoestrada, cumpríase o prazo concesionado e polo tanto considerábanse compensados os gastos de explotación da concesionaria. Nese momento gobernaba Aznar en Madrid e Fraga en Galicia. Podían optar por liberarnos das peaxes para sempre, abrir un novo concurso para unha nova concesión ou prorrogar a existente.

Decidíronse pola terceira opción e regaláronlle a un consorcio liderado por Sacyr 48 anos máis de concesión. Como curiosidade direi que Luís del Rivero, Presidente de Sacyr, está implicado no caso dos papeis de Bárcenas, quen naquel momento formaba parte do Consello de Administración de AUDASA.

Evidentemente pura casualidade, de tolos sería insinuar que o propio Bárcenas, dende dentro do Consello de Administración, promovera a ampliación da concesión a cambio de financiamento “B” para o Partido Popular, tolerías.

Remata o mandato de Aznar e chega Zapatero, entón o PP comeza unha campaña de presión sobre o Goberno Central en contra das subidas dos peaxes e a favor de que a titularidade da infraestrutura pasase á Xunta de Galicia. Dúas reivindicacións elas ben axeitadas, pero que non serían necesarias si non se tivera ampliado o prazo de concesión.

Logo o Goberno de Rajoy, con Feijóo de Presidente na Xunta, botaron un manto de silencio sobre o tema. Nin rebaixas das peaxes, nin transmisión da titularidade á Xunta, nin nada de nada, que era por aquel entón a liña estratéxica imperante.

Pero velaí vai que igual que as flores da mañá abren os seu pétalos ó chegar o sol foi chegar o Goberno social-comunista de Sánchez, e nos despachos de San Caetano as carpetas das reivindicacións fronte ó Goberno central cobran vida de novo.

Desta volta hai en escena novos elementos; un Presidente cunha visión federal do Estado, un PSdeG disposto a loitar por Galicia coa determinación que caracteriza a Gonzalo Caballero e un BNG que soubo xogar con intelixencia as súas cartas no debate de investidura.

Isto da paso a un acordo parlamentar que se debe incluír nos Orzamentos Xerais do Estado, que non son apoiados polo PP, obviamente, pero que inexplicablemente tampouco recibiron o apoio do BNG. Cada quen ten as súas razóns e a eles corresponde explicarse, pero sin os orzamentos non sería posible o cumprimento do acordo parlamentario.

Chega a hora de sacar conclusións e cada un sacará as súas, eu saco as miñas. O PP puido ter liberalizado a AP9 e non o fixo, polo que calquera reivindicación posterior e pura pantomima. O Goberno de Pedro Sánchez está a cumprir coa súa promesa sobre as peaxes e ten pendente o traspaso da titularidade. O PsdeG de Gonzalo Caballero cumpriu o seu papel de defensa dos intereses de Galicia e deberá seguir demostrando que o fai se quere mellorar o apoio cidadán, e o BNG, xogando ben a carta da negociación, perdese logo no debate orzamentario botando por terra a súa capacidade de influencia sobre Goberno Central.

En fin, mañá terei que percorrer a AP9 outra vez, pero desta volta pagarei menos. @mundiario

Comentarios