Buscar

GALICIA DEBATE

O ensino que temos, o ensino que queremos

El cierre de las aulas por la pandemia nos mostró una realidad poco halagadora: donde debería haber modernidad había intraestructuras atrasadas y encontramos una comunidad educativa mal formada, y una debilidad de nuestro programa de atención y diversidad.

O ensino que temos, o ensino que queremos
Alumnos.
Alumnos.

O peche das aulas de marzo a xuño foi un momento de catarse para o ensino público galego; vimos todos como a nosa normalidade esfarelábase até desaparecer diante dos nosos ollos, como de súpeto pechaban os colexios, e cos colexios pechaba tamén o ruído da infancia e da mocidade.

Tamén vimos a nosa estrutura educativa absolutamente espida, ao descuberto, e non foi de cobizo o que nos tocou ver. Onde pensabamos que habería modernidade vimos infraestruturas atrasadas e insuficientes; onde contabamos con actualidade, vimos unha comunidade educativa mal formada, todos os seus membros, e maiormente inadaptada ao mundo dixital; onde se presumía colaboración, vimos grupos pechados incomunicados. 

Vimos o feble que era o noso programa de atención á diversidade, que ficou desaparecido ao non haber aulas; a inexistencia de apoio real ás necesidades específicas de apoio educativo; a fenda dixital -infraestrutural, económica e intelectual- que atinxía transversalmente a toda a cidadanía galega; vimos que a “autonomía de centros” non era máis que a escusa permanente da consellaría de educación para non lle facer caso a ninguén, e para non ter artellado un proxecto educativo galego seguro e de calidade.

A consellaría non fixo nada, pero iso non quere dicir que o resto da comunidade fixera o mesmo, houbo profesorado que traballou arreo, houbo familias que sacaron de si propias habilidades que descoñecían, houbo alumnado entregado que continuou aprendendo, e houbo axuda social e colaboración. Pero con iso non abonda. Aplaudamos as boas intencións, pero non as confundamos con bos resultados. Houbo moito traballo, pero foi moitas veces un traballo estéril.

O que a pandemia nos deixa é a foto dun ensino galego sen guía nin obxectivo, sen proxecto común, sen gañas de modificar o futuro, non actualizado, sen a formación abonda para formar ás novas xeracións tal e como precisan,  repetitivo, memorístico, anticuado. Un ensino que non responde ás necesidades actuais da sociedade, da galega ou de calquera outra, e que non sobreviviu á non presencialidade.

O ensino que queremos non pode ser unha reedición do que vimos caer hai seis meses entre a desesperación de profesorado, familias e alumnado, e a pasividade inútil da consellaría de educación. Ten que ser outro, no que a colaboración da comunidade sexa peza central do desenvolvemento educativo, para que todas eduquemos no mesmo camiño; no que o coñecemento non se transmita por un sistema monótono de repetición e memorización; no que a actualización tecnolóxica non quede nunca á vontade de ninguén, para que chegue sempre a todas.

O ensino que queremos debería asegurar:

> Que haberá igualdade entre todo o alumnado galego, co fornecemento de medios niveladores que corrixan as desigualdades poboacionais, xeográficas, infraestruturais e económicas.

> Que haberá un plan uniforme para a atención dese alumnado,  que asegure que calquera persoa vai ter as mesmas posibilidades, independentemente de onde viva e da intencionalidade particular do seu centro educativo; e que garanta que as novas iniciativas van ter sempre vocación de universalidade.

> Que a atención á diversidade vai ser o eixo fundamental do deseño educativo, como única seguranza dunha educación en igualdade para unha sociedade moderna.

> Que a modernización técnica e pedagóxica vai ser o horizonte permanente da administración educativa, e que vai vir acompañada dun plan de actualización de infraestruturas, e dun plan de formación obrigatoria do profesorado e alumnado galegos.

> Que se van reducir drasticamente os rateos nas aulas: non é posíbel ter unha atención suficiente mentres teñamos tal cantidade de alumnado nas aulas galegas.

> Que se vai abrir o ensino público á presenza de novas profesionais nos centros, que cubran novas áreas de traballo e de atención educativa.

Quizais entón comecemos a entender que o ensino público forma parte da educación global, que non é formación laboral, e que segue a ser o que dicían os nosos maiores: a mellor herdanza que podemos deixar ás nosas fillas e fillos. @mundiario