Que debería facer Galicia cós recursos do Fondo de Recuperación Europeo?

Banderas de Galicia y de Europa.
Banderas de Galicia y de Europa.

Galicia non pode desaproveitar a oportunidade que supón o Fondo de Recuperación fronte á crise do Covid-19, en contra do que no seu día ocorreu cos Fondos Estructurales, que non soubo aproveitar, como si souberon facer outros, como o Norte de Portugal.

Que debería facer Galicia cós recursos do Fondo de Recuperación Europeo?

A aprobación dun fondo de recuperación fronte á crise económica provocada polo Covid-19 por parte da Unión Europea supón unha oportunidade, como no seu día foron os Fondos Estruturais. Naquela ocasión Galicia non estivo á altura das circunstancias e non fomos quen de dar o salto en converxencia con Europa, que si souberon dar outras rexións europeas como por exemplo o Norte de Portugal.  Recibimos inxentes cantidades de cartos, pero as cidades galegas seguiron sen estar conectadas por autovía e tren, as nosas rías seguiron sen sistemas de saneamento, o sector agrario e o pesqueiro viron reducidas as súas capacidades, non desenvolvemos o sector forestal máis aló da fabricación de pasta de papel e a industria reduciu o seu peso relativo no PIB galego.

Desaproveitada a oportunidade dos 90, no que vai de século tampouco avanzamos. Segundo recolle o informe “Por unha Alianza no Sector Industrial Galego” elaborado recentemente polo CES, entre o 2008 e o 2014 o VEB industrial galego retrocedeu un 16% mentres o Norte de Portugal subiu un 21,5% no mesmo período. Debemos ter en conta que o sector industrial presenta importantes efectos de arrastre no conxunto da economía, tanto en termos de xeración de actividade económica como en emprego. Ademais, o emprego no sector industrial é de maior calidade. Precisamente nesta crise estamos a ver como o sector servizos é moito máis vulnerable que o industrial ou mesmo que o sector primario.

A industria, clave  

Para que a economía dun país sosteña sen tensións un sistema de protección social equiparable ós estándares europeos, debe contar cunha estrutura económica na que o sector industrial non sexa inferior ó 25% do PIB. Esta pandemia, e tamén o Brexit, puxeron a Europa nunha encrucillada. Se queremos ser un actor relevante no contexto mundial debemos ser estratexicamente autónomos. Iso conleva repensar a localización de industrias e centros de investigación, que nos últimos anos foron deslocalizados de Europa buscando custos laborais máis baixos.

Neste contexto Galicia debe aproveitar as súas potencialidades. Non podemos fiar o noso futuro unicamente a políticas de acollemento de empresas foráneas que poidan estar interesadas en instalarse en Galicia. Necesitamos unha política industrial activa, con raíces firmes, que partindo do actual tecido produtivo e das nosas potencialidades e recursos, desenvolva un sector industrial que se achegue ó 25% do PIB galego.

Grupos de actividade

En función das súas potencialidades poderíamos dividir o sector industrial galego en dous grupos. No primeiro o máis maduro: Automoción, Téxtil, Sector Naval, as Centrais Térmicas, Alcoa e Ferroatlántica. Todas elas xuntas representan máis do 70% do sector industrial en Galicia, pero, máis aló da súa problemática concreta, teñen en común unha limitada capacidade de crecemento. 

No segundo grupo as actividades con grande capacidade de crecemento: fabricación de equipos para a xeración de enerxías renovables, produción e transformación de produtos agrarios e pesqueiros, transformación da madeira, fabricación de produtos farmacéuticos ou a fabricación de equipos electrónicos, informáticos e ópticos.

A gran pregunta é, que facemos para desenvolver estas actividades económicas? Desgraciadamente a resposta non é breve nin sinxela, cada actividade ten necesidades propias e sería un erro pensar que cunha política xeral de incentivos ou financiamento se resolve todo. 

Hai que artellar unha estratexia sector a sector, con instrumentos e recursos coordinados. Por exemplo, a fabricación de equipos para a xeración de enerxías renovables necesita da colaboración público privada. O sector lácteo necesita unha concentración empresarial que permita superar o minifundismo actual, e poñer en marcha industrias transformadoras do leite en produtos de alto valor engadido. O sector pesqueiro necesita resolver o saneamento das rías e desenvolver a acuicultura, o sector da madeira necesita investigar na utilización do eucalipto noutros usos a maiores da fabricación da pasta de papel, así como promover a plantación doutras especies aptas para usos industriais e manufactureiros. O sector farmacéutico unha estreita colaboración coa Universidade e coa Sanidade Pública etc.

Chegará Feijóo? 

Para desenvolver todas estas accións hai que contar coas ferramentas axeitadas: unha entidade de crédito pública, con capacidade para captar recursos públicos e privados, que financie accións concretas, e unha entidade de xestión con participación dos sectores afectados que deseñe as estratexias e accións sectoriais.

Nada disto está feito e o tempo vense enriba. A Xunta de Galicia non ten dado paso algún para, agora si, aproveitar esta oportunidade histórica que se nos presenta. A posibilidade de frear o despoboamento, de converter esta Galicia minguante nunha Galicia crecente preséntase ante nós, e desta volta non valen escusas. O Presidente Pedro Sánchez ven de anunciar a celebración, para finais deste mes de outubro, dunha Conferencia de Presidentes autonómicos coa presencia da Presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, precisamente para abordar os obxectivos e os mecanismos de reparto dos fondos europeos. Chegará Feijóo cós deberes feitos a esta cita? @mundiario

Comentarios