O camiño da igualdade

Camino de Santiago. / Facebook
Mulleres no Camiño de Santiago. / Facebook
A través dese camiño milenario que é o Camiño de Santiago chegaron innovación, cultura, novas ideas… Como cidadanía de Compostela, sorbémolas todas, interiorizámolas e con elas moldeamos o noso percorrido vital. Pero agora, cunha crise a nivel mundial, atopámonos con un carreiro difícil de percorrer. E máis se somos mulleres.
O camiño da igualdade

Compostela é meta dunha das rutas máis importantes do mundo. A través dese camiño milenario, que é o Camiño de Santiago chegounos innovación, cultura, novas ideas… Como cidadanía de Compostela, sorbémolas todas, interiorizámolas e con elas moldeamos o noso percorrido vital. Pero agora, neste momento, cunha crise sanitaria a nivel mundial, atopámonos con un carreiro difícil de percorrer. E máis se somos mulleres. 

Desde a concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, estamos traballando, de xeito transversal e coordinadamente cos distintos departamentos municipais, e tamén co resto da corporación, para que esa igualdade sexa real e efectiva a todos os niveis. Pero, a pesar de todos os esforzos, segue a ser unha materia pendente. Sobre todo nun momento en que, desde determinadas forzas políticas, e dende determinados sectores se cuestionan continuamento os avances en materia de igualdade. 

O pensamento machista segue a impregnar gran parte do actual contexto social, con graves consecuencias para as mulleres. A máis visible é a violencia machista en todas as súas vertentes, tanto psicolóxicas como físicas. No pleno do pasado 29 de outubro todos os grupos da Corporación Municipal compostelá, aprobaron unha moción conxunta na que, entre outros puntos, se acorda  manter a loita contra as violencias de xénero como unha das máximas prioridades na axenda política local, ampliando os recursos municipais destinados a loitar contra as violencias machistas, e desenvolvendo políticas de prevención e educación para a igualdade entre as veciñas e veciños de Santiago.

Porque, como se di na moción, este ano 2020, “a conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día internacional para a eliminación das violencias contra as mulleres ten unha especial significación. As consecuencias socioeconómicas derivadas da crise da pandemia da covid-19, que afecta a millóns de persoas, agravaron os efectos das desigualdades que atinxen particularmente ás mulleres, tanto dende o punto de vista da sobrecarga de traballo, a maior pobreza e a precariedade laboral, como do aumento do risco de sufrir violencias de xénero”.

Segundo a documentación aportada polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Santiago o confinamento que se adoptou dende marzo a maio de 2020 coma medida sanitaria preventiva, visibilizou a crueza e acrecentou a situación de dificultade en que se atopan moitas mulleres e fillos que conviven cos seus agresores, provocando que teñan maiores impedimentos para conseguir recursos de autoprotección. Isto, unido ao empeoramento das condicións laborais, lastran calquera posibilidade de independencia económica en caso de quereren optar por deixar a relación co maltratador. A pandemia sementa desigualdade, e as crises que estamos a vivir son xeradoras de desigualdade; e iso obriga a intervir e a ser máis proactivas que nunca. 

Segundo os datos estatísticos publicados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, durante o primeiro trimestre de 2020 os xulgados en Galicia recibiron un 19,4 por cento menos de denuncias por violencia machista que no mesmo período do ano pasado. Ese mesmo informe recolle que durante o segundo trimestre deste ano presentáronse na nosa comunidade 1.489 denuncias por violencia machista, un 7,3 por cento menos que no mesmo período do 2019. Tamén caeu o número de ordes de protección. Incoáronse 489 (un 6,7 % menos) e adoptáronse un total de 313, o que supón un 3,7 % menos que doce meses antes.

Estes datos reflicten unha importante incidencia do estado de alarma e do confinamento nas estatísticas relacionadas coa violencia machista. Pero en contra do que puidera parecer, é unha incidencia negativa.  Porque, a lectura destas cifras por parte de profesionais da avogacía; de profesionais dos servizos especializados en atención ás vítimas de violencia de xénero; e dos Corpo e Forzas de Seguridade do Estado reflicten que, a pesares de ser unha realidade constatada, o descenso de denuncias e solicitudes de atención especializada por situacións de malos tratos físicos ou psicolóxicos debeuse ao confinamento. En boa parte do primeiro e segundo trimestre do 2020, as mulleres maltratadas estiveron confinadas e non puideron denunciar, ao ter ao seu agresor baixo o mesmo teito en todo momento. O maltratador, cando está as 24 horas do día coa vítima, durante uns meses, non é que poida explotar ou non, é que explota.

É a partir do desconfinamento do mes de xuño de 2020, cando os profesionais que prestan os seus servizos nos dispositivos especializados en atención a mulleres en situación de violencia de xénero; perciben un aumento das demandas de atención por parte das vítimas, o que conleva, paralelamente, un aumento das denuncias por violencia machista. Isto debeuse a que, despois de tanto sofrimento, as vítimas puideron recuperar a liberdade de movemento, en moitos casos relativa, que lle permitiu denunciar a súa situación, ou demandar información e asesoramento ante esta lacra. 

Un aumento de denuncias non só motivadas por malos tratos físicos, senón tamén psicolóxicos aos que se enfrontaron as vítimas. E agora, coa segunda onda, quizais iso se multiplique, pola situación económica, máis agravada. Por iso é tan importante o consenso no rexeitamento da violencia machista. Non deben quedar fendas polas que se coen os argumentos da cultura machista. Non pode haber dúbidas, nin desacordos. Non poderemos avanzar en igualdade mentras a nosa sociedade non se conciencie de que a única maneira de rematar coa violencia de xénero e a tolerancia cero contra a mesma. 

No concello imos avanzando paso a paso nese camiño. Desde este mes de outubro está operativo e funcionando o grupo da Policía Local de atención ás vítimas de violencia machista, o equipo VioGén; despois do Convenio asinado polo Concello e a Secretaría de Estado de Seguridade. Durante o confinamento, puxemos en marcha, desde o departamento de Igualdade, a campaña “Rompe o silencio” animando a denunciar situacións de violencia machista. E, malia ás dificultades ocasionadas pola crise sanitaria, durante o estado de alarma o Centro de Información ás Mulleres mantivo o seu número de usuarias en relación á mesma época de anos anteriores. 

Erradicar a violencia machista é un gran paso nese percorrido cara a igualdade. Pero debemos avanzar máis: concienciando, educando, socializando, normativizando e achaiando o camiño para que, ese dereito fundamental que temos como seres humanos, sexa real e efectivo. 

Non podemos dar pasos atrás nun tema tan importante e con tanta implicación a nivel social. Agora máis que nunca é necesaria unha sociedade máis equitativa e máis integradora, co obxectivo de camiñar dun xeito efectivo e real cara a igualdade. Dun xeito transversal, a nivel educativo, nas políticas sociais, nas políticas de emprego. E sempre en colaboración coas distintas asociacións, entidades e administracións implicadas na igualdade. Porque este é un camiño que temos que percorrer xuntas e xuntos, mulleres e homes, en todos os niveis e en todos os estadios da vida. @mundiario

O camiño da igualdade
Comentarios