O Banco Central Europeo como problema

Banco Central Europeo. / ecb.europa.eu
Moitos consideremos que as actuacións do Banco Central Europeo (BCE) responden mais aos intereses da grande banca europea que aos dos cidadáns.

Alemania para aceptar a creación da zona euro (UEM) puxo varias condicións que se resumen na creación dunha moeda única forte  (euro) ao nivel do marco alemán, un banco central (BCE) que adoptara o modelo do Deutsche Bundesbank e seguila ortodoxia monetaria alamana (ordoliberalismo).

O Banco Central Europeo (BCE) pasou así a selo encargado de “definir e executa-la política monetaria da Comunidade” (Artigo 3.1 Estatutos BCE), cuxo “obxectivo principal será mante-la estabilidade de prezos” (Artigo 2). Unhas responsabilidades para as que dispón dunha autonomía total xa que “nin o BCE, nin os bancos centrais nacionais, nin ningún membro dos seus órganos reitores solicitarán ou aceptarán instrucións procedentes das institucións ou organismos comunitarios de ningún Goberno dun Estado membro nin de ningún outro organismo” (Art.7). En relación as necesidades financeiras dos Estados membros quedaba “prohibida a adquisición directa ós Estados de instrumentos de débeda polo BCE ou polos bancos centrais nacionais” (Art.21.1).

Esta renuncia a prol da banca e os fondos privados no financiamento directo dos estados levaría a que estes (moi especialmente os chamados despectivamente PIIGS: Portugal, Irlanda, Italia, Grecia e España) foran vítimas dos ataques especulativos e tiveran que pagar por financiarse uns tipos de xuro moi altos que dispararon as débedas públicas: a banca privada pedía diñeiro ao BCE ó 0,05% e o 1% que logo prestaban aos Estados necesitados de financiamento ó 5,5 ou 7,6% (España), incluso nalgúns casos (Grecia) ó 10%. Con este tipo de política o BCE non so estaba contribuíndo a que as débedas públicas se disparasen xa que esta institución, xunto coa Comisión Europea e o FMI (a troica), para a concesión de préstamos aos Estados necesitados puxo unhas sumarísimas condicións: austeridade fiscal radical, privatización de activos públicos, redución de salarios e pensións, despidos masivos na función pública..., que prolongaron a agonía destes Estados que entraron en recesión pola forte caída da demanda interna. 

Responsabilidade que se ampliaría a situación do sistema bancario europeo. Unha política de abondosa liquidez xunto a enorme avaricia da banca privada conduciría a que esta se apancara de xeito suicida. Unha situación que explica a constante inestabilidade na que se move o sistema bancario europeo que non remata de explotar por mor das constantes axudas do BCE sen as cales moitos grandes bancos europeos terían quebrado. 

Fronte a estas responsabilidades o BCE tamén acumula outros fracasos como por caso no seu obxectivo de inflación. Así si oficialmente fixou para os anos posteriores a crise bancaria o obxectivo de inflación do 2%, a realidade foi que entre os anos 2008 e 2020 a eurozona tivo unha inflación anual na maioría dos exercicios por baixo do 1,5% e incluso valores negativos (-0,2%, -0,3%) que debuxaron unha situación deflacionista, de caída de prezos. Posteriormente cando a inflación se disparou (5% no 2021, 9,2% no 2022, 7% abril 2023) o BCE procedeu a subilos tipos de xuro impedindo así que o que parecía unha lixeira melloría económica se paralizara e contribuíndo a que a eurozona, con Alamana a cabeza, entrara en recesión técnica.

Por todas estas razóns resulta natural que moitos consideremos que as actuacións do Banco Central Europeo (BCE) responden mais aos intereses da grande banca europea que aos dos cidadáns aos que, como entidade pública, debería servir. Unhas actuacións que son posibles tanto polo enorme déficit democrático que agocha como polos erros na súa construcción como dimos conta anteriormente. @mundiario