X aniversario do Taller Atlántico Contemporáneo: arquitectura musical dunha pandemia

Taller Atlántico Contemporáneo
Músicos no Taller Atlántico Contemporáneo.
Taller Atlántico Contemporáneo tentou ao longo destes dez anos ser reflexo da sociedade que o rodea, convidando os máis excelsos intérpretes cos que contamos no país e partillando os concertos/performances coa cidadanía.
X aniversario do Taller Atlántico Contemporáneo: arquitectura musical dunha pandemia

Atto primo. Primeira crise. Ao remate da Gran Guerra a estrutura cultural europea quedara practicamente destruída, levando a música clásica a peor parte, xa que as orquestras estables naquel período quedaran moi seriamente danadas debido ás enormes perdas de vidas humanas durante o conflito bélico.

Foi neste contexto no que moitos compositores comezaron a arranxar grandes obras do repertorio romántico e post-romántico para grupos reducidos de músicos coa finalidade de poder seguir a disfrutar do que eles consideraban “chef d’oeuvre” sen que, aínda sendo unha pequena formación, a música perdese nada da súa identidade, emoción ou carácter. Compositores da talla de Schoenberg, Berg, ou Webern (Segunda Escola de Viena) realizaron grande cantidade de transcricións. 

Este foi o camiño que decidiu emprender o Taller Atlántico Contemporáneo -TAC (en adiante TAC) para pechar o ciclo de tres concertos conmemorativos do seu décimo aniversario. Para esta ocasión, elixiu a Sinfonía nº 7 de Bruckner no arranxo de  Hanns Eisler, Erwin Stein e Karl Rankl para dez instrumentos en lugar dos noventa orixinais. 

Atto secondo. O TAC tentou ao longo destes dez anos ser reflexo da sociedade que o rodea. Para iso partiu dunha escrupulosa búsqueda da excelencia musical, convidando os máis excelsos intérpretes cos que contamos no país e partillando os concertos/performances coa cidadanía: “Eine Brise”  Concerto para 111 bicicletas, “Vexatións” de É. Satie, 18 horas de piano ininterrompidas no Faro de Fisterra, colaboracións con actores, humoristas, científicos, cociñeiros, deportistas, escritores, directores e solistas de prestixio mundial, músicos de rock, compañías de teatro...

Tamén primeiras interpretacións en Galicia de obras mestras do século XX, Mahler, Bruckner, Schoenberg, Berio, Ligeti, Crumb, así como máis de vinte compositores do noso país: Garcia- Picos, Pereiro, Durán, Groba, Buide, Soutullo...E unha atención especial ás mulleres con concertos específicos, colaboracións con ONGs como Implicadas no Desenvolvemento, proxectos educativos...

Atto terzo. Segunda crise. O xenocidio nazi na Segunda Gran Guerra levou a moitos dos grandes músicos aos campos de concentración, como foi o caso de O. Messiaen, quen escribiu o famoso “Cuarteto para a fin do tempo” (Quatuor pour la fin du temps)  no campo de prisioneiros  de guerra alemán de Görlitz. A obra, que fora escrita para clarinete, violín, chelo, e piano, estreouse o15 de xaneiro de 1941 ante uns 5.000 reclusos do propio campo. 

As terribles condicións daqueles anos levaron os compositores a buscar novas formas de expresión cos elementos que tiñan a man: nace así a musica para ensemble. A segunda metade do século XX viría marcada pola búsqueda e experimentación sonora a través das  innumerables combinacións instrumentais que ofrecen os ensembles, formacións heteroxéneas que podían adoptar as novas formas de expresión.

Boulez, Nono, Cage, Crumb, Ligeti, Dallapiccola e un longuísimo etcétera de compositores crean gran parte da súa obra para estas agrupacións  e en 1966 o director francés Diego Masson crea o ensemble “Musique Vivante” que podemos considerar como o primeiro grupo estable. Tivemos a fortuna de que Diego Masson dirixise o TAC nun concerto en Santiago de Compostela con música de García-Picos, entre outros.

Epílogo. Terceira crise? A pandemia está movendo os alicerces da arquitectura musical a nivel global e o noso país non será alleo á devastación que xa se albisca no horizonte. A terrible crise social, económica, psíquica e identitaria que se aveciña fará que mude o xeito de consumir cultura. Pero, que é a cultura?. Para que serve?. Podemos vivir sen ela?. Nuccio Ordine explícao moi ben a través dun conto no seu imprescindible ensaio “A utilidade do inútil”:

Había unha vez dous peixes noviños que nadaban polo fondo do mar e cruzaron un peixe adulto que os saudou deste xeito: “Bo día, rapaces. Cómo está hoxe a auga?”. Os dous peixes noviños seguiron o seu camiño sen dicir ren e, ao pouco, un preguntoulle ao outro. “Que diaños é a auga?”. A auga é a cultura, está aí pero non a vemos. A cultura fai que a cidadanía adquira as ideas de liberdade, democracia, xustiza, laicidade, tolerancia, pensamento propio, igualdade, dereito á crítica etc.

Entramos na era da cultura en streaming? Rematou a cultura “face to face”?. Vai crear a pandemia as novas formacións musicais do futuro? Todo isto irémolo vendo nun mañá que xa está aquí.  O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) quere seguir mirando aos ollos á sociedade que o rodea. @mundiario

Audición recomendada: Sinfonía nº 7 de Bruckner en Mi Maior.

Bruckner nº 7. / Sinfonieorchester ∙ Christoph Eschenbach

Comentarios