Xustiza imparcial do Supremo sobre a prórroga de Ence?

Cando os maxistrados do Tribunal Supremo resolven a favor da petición da empresa privada Ence e ignoran os datos e argumentos aportados polas entidades públicas –Concello de Pontevedra– e organizacións cidadáns as que diu no seu momento a razón a Audiencia Nacional, algo parece que non cadra, e a decisión para moitos cidadáns parecerá até agresiva, inxusta, gratuíta e innecesaria cando a empresa xa fixera aprovisionamento para desmantelar a factoria actual e localizarse noutro lugar si desestimaban o seu recurso.
O Supremo parece non entender ou non quere ver que a actividade de Ence vólvese hoxe incompatible coa presencia en dominio público marítimo-terrestre, como xustificou a Audiencia –fallo de xullo 2021– anulando a prórroga e considerando que pola sua natureza pode desenvolver a súa actividade noutro lugar, que mesmo pode ser deste ou doutro territorio.
A sala do Contencioso-Administrativo do Supremo considera e xustifica a súa decisión porque di que se poden prorrogar as concesións anteriores a “Ley General de Costas de 1988”, sempre que consten informes medioambientais favorables, pero non cita –descoñezo si os tivo en conta– informes desfavorables e seguro que non contou ren a historia contaminante de Ence.
O Tribunal Supremo na breve nota que da a coñecer a sua decisión afirma que constaban informes favorables da Administración, de cal delas?. Tamén tiña informes favorables da Administración actual?
A continuación expoño algúns datos coido que interesantes sobre Ence.
1. Recoñecemento de contaminación e paso de empresa pública a privada. No 1990 a dirección da fabrica de Pontevedra presenta a opinión pública unha campaña publicitaria na que admite que a contaminación por vertidos de materia orgánica, organoclorados, mercurio e mercaptanos foi extremadamente alta durante case 27 anos de funcionamento.
Ante a mala situación económica da industria no ano 1990 o Goberno propietario desta empresa pública decide captar participación privada e quedarse só co 51% do capital, desta operación a SEPI renta 230 millóns de euros, Galicia, que aporta a Ence preto do 70 % dos beneficios anuais nese momento non sairía ben parada. Frenarianse proxectos para completar o ciclo produtivo cunha fábrica de papel aquí e exclúen a Galicia das inversións ate o 2004, mentres realizan grandes inversións en Uruguai (100.000 millóns de pst) e mesmo ampliación da factoría de Navia (5.540 millóns). O grupo ganador da operación é Caixa Galicia e o perdedor estivo encabezado polo Banco Pastor e Sonae, que afirmaron que o concurso non foi transparente e de libre concorrencia e denunciaron a connivencia de directivos de Ence e a Sepi co consorcio de Caixa Galicia.
2. A saúde non importa. En estudos comparativos de varias cidades levados a cabo nos anos 80, a cidade de Pontevedra superaba a media de enfermidades doutras cidades, tendo 1,67 veces de máis casos de enfermidades respiratorias que nas restantes seis cidades galegas. A comarca de Pontevedra tiña 1,83 veces mais casos de procesos respiratorios – asma, bronquite, catarro– que na media das seis cidades, 1,37 veces ais casos de gripe, co risco de ter gripe para os seus habitantes de 1,85 veces maior, e tiña 1,29 veces mais casos de pneumonías,.. Os organismos sanitarios e a Ence non lle importou que os cidadáns da beira da Ría padeceran sistematicamente malos olores causados polos mercaptanos que desprendía a fábrica. A empresa nunca tivo preocupación nin ela nin os traballadores polos vertidos a Ría de Pontevedra e a súa repercusión na pesca, no marisqueo...
3. Denuncias. No ano 1990 a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) denuncia a Ence por contaminación. Aceptada a denuncia o xuíz instrutor da causa acordara arquivar o caso en canto a vertidos a ría e saúde dos traballadores mantendo unicamente o proceso por emisións a atmósfera. No 2001 a Audiencia ve indicios de contaminación tamén na ría e Ence vai ter que responder polos vertidos e quedan imputados 6 directivos de Ence e 3 de Elnosa. Doce anos despois de iniciado o expediente no ano 2002 Celulosas de Pontevedra é condenada por delito ecolóxico. Nun xuízo con pouco tempo de duración chegan a un acordo entre partes e seis ex directivos son sentenciados a cinco meses de arresto maior e a pagar seiscentos mil euros de multa (433.000 euros ao Estado ou Xunta para sanear a ría). A condena producíase por contaminación atmosférica e vertidos contaminantes entre 1984 e 1997. Quedaba demostrado xudicialmente que Ence contaminaba. O acordo entre partes chegaba cando o fiscal solicitaba penas de 3 anos de cárcel para os encausados.
Ence non perdoará a APDR, denunciaríaa anos máis tarde, no 2012, por dicir no 2010 que Ence contamina e que incumpre a lexislación de augas residuais urbanas que é de aplicación a estas instalacións. A Audiencia de Pontevedra desestima a denuncia de Ence contra a APDR por inxurias e calumnias.
4. Influencia no forestal galego. Ence é a industria que máis inflúe no territorio galego dadas as súas necesidade en madeira de ciclo curto en concreto eucalipto. A capacidade de produción de pasta de celulosa de Ence é 515.000 t, no ano 2021 a produción foi de 431.257 t .
O consumo de madeira alcanza 1,3 millóns de metros cúbicos. Á parte para queimar biomasa precisa 279,1 miles de toneladas . Aproveita madeira de eucalipto para celulosa e e a codia, lignina e licores negros para producir enerxía.
Galicia conta cunha superficie a eucalipto da orde de 600.000 hectáreas delas próximas a 500.000 en monocultivo para abastecer principalmente a Ence de Pontevedra e Ence de Navia, e aparte abastece en moita menor medida a Finsa e celulosas de Portugal.
5. A emisión de contaminantes a atmósfera no 2021. As emisións segundo o Rexistro de Emisións Contaminantes PRTR e o Informe de Sostenibilidad de Ence 2021 non coinciden exactamente son :
- Datos de PRTR: Dióxido de carbono 67.000 t, óxidos de nitróxeno 742 t, dióxido de xofre 73 t e Partículas PM10 87 t. Todo nas proximidades dunha cidade como Pontevedra e vilas próximas como Marín, Poio, ...
- Datos Informe de Sostenibilidad Ence: 746 t para óxidos nitróxeno, 90,6 t de partículas PM10 , monóxido de carbono 152,2 t. Dióxido de xofre 66,3.

6. Vertidos contaminantes a auga. Ence é unha das industrias máis contaminantes de Galiza, especialmente polos seus vertidos a auga, consume máis auga e ten moitos máis vertidos que a cidade de Pontevedra. Ence consume auga da presa de Bora no Lérez : 12.462,4 miles de m3 ( 12,4 millóns de m3) , 28,2 m3/tonelada pasta.
Os vertidos en volume son de 10.744,7 miles m3 (10,7 millóns m3) a Ria Pontevedra a través emisario submarino de EDAR Os Praceres. Con DQO 118,5 mg/l, DBO menos de 8 mg/l . Sólidos Suspensión menos de 19,5 mg/l . AOX menos de 0,01 mg/l . Nitróxeno total menos de 9 mg/l. Fósforo total 0,9 mg/l .
Os vertidos no 2021 son : 93 toneladas (t) de nitróxeno total, 8,61 t de fósforo, 1 Kg de mercurio, 596 Kg de Zinc, e unha COT(carbono orgánico total) de 952 t. Descoñecendo outros vertidos de cadmio, cromo, cobre, níquel, chumbo... porque non dan o limiar de declaración PRTR.
7. Residuos. Xeración residuos perigosos: 143,5 t e non perigosos 40 t . Residuos valorizados 99,9%
8. Contribución tributaria directa e indirecta de Ence no 2021 en Galicia : 17.408 miles de euros. En Asturias supera moito esta cifra e chega a 45.670 mil euros.
No ano 2021 Ence Pontevedra recibe subvencións do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo por consumidor electrointensivo: 699.869 euros
O Goberno galego nunca foi imparcial, hoxe xa saíu a aplaudir a decisión do Supremo, sempre estivo traballando para este fin, antes lexislando ao seu favor – Plan Forestal, vertidos...– e metendo no consello de administración a persoas afíns e ultimamente con proxectos en curso como o Anteproxecto de lei de Ordenación do Litoral e buscando a dependencia de Ence do Porto de Marín para que fose máis fácil seguir no lugar actual. O Goberno galego non foi imparcial, a Xustiza seriao? @mundiario