A Xunta sorprende ao apoiar ás eólicas fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Goberno galego recorrerá porque entende que un parque paralizado tramitábase "conforme a dereito" pero tivo que deter as obras do parque eólico de O Iribio tralo varapalo xudicial. O colectivo que loitou por esta decisión alerta de que a empresa continuaba estes días traballando nas obras.

A Xunta sorprende ao apoiar ás eólicas fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Nova controversia política en Galicia arredor das eólicas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba o xoves 24 de outubro aos medios de comunicación  que vai recorrer o fallo da sala do contencioso administrativo nº 3 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que vén de atender un recurso presentado pola plataforma Salvemos o Iribio (formada por máis de 25 asociacións  e da que fai parte Adega). O TSXG suspende provisionalmente o acordo do Consello da Xunta do 27/06/2019 polo que se aprobaba o  proxecto de Fergo Galicia Vento para construir un parque eólico  de 8 aeroxeradores de 152 m de alto e 136 m de rotor na Serra do Iribio, entre Samos e Triacastela, nunha zona protexida de Rede Natura 2000 e próxima ao Camiño de Santiago.

O TSXG suspende a executividade deste acordo e das súas disposicións normativas “mentres tanto non se actualice a DIA –Declaración de Impacto Ambiental–” realizada fai 14 anos –ano 2005– e se xustifique a prevalencia do uso industrial sobre valores ambientais, paisaxísticos, forestais e culturais. 

A Serra do Iribio forma parte  dos espazos naturais protexidos  de Ancares-Courel e está declarada ZEPVN e ZEC (Zona de Especial Protección dos  Valores Naturais e Zona de Especial Conservación ). No ano 2005 permitíase construír parques eólicos en zonas protexidas e xa no 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada e provocando impactos nestes lugares, pero a presión social obrigou a cambiar a normativa e na actualidade  prohíbese instalar novos parques eólicos en zonas da Rede Natura.

Agora son os tribunais os que obrigan ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados dunha empresa eléctrica  que só busca o rédito económico. A pesar de que durante 5 meses se presentaron multitude de denuncias ante  os concellos de Samos e Triacastela e ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas contra estas obras, estas continuaron apuradamente e puxeron en perigo ( cando non destruíndo xa) a preservación dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais que ten esta serra.

Ante as criticas e denuncias presentadas polo impacto dos parques eólicos o comportamento da Xunta é sempre o mesmo, posicionarse ao lado das empresas eléctricas como sucedeu recentemente con Naturgy no parque eólico Mouriños en Zas-Bergantiños, ou na Serra de Monciro en Castroverde-Pol, por non citar xa os parques de  Coristanco-Santa Comba-Carballo-Tordoia da empresa Greenalia Power. Agora vai máis alá, vai ate o fondo e apoia a empresa Fergo Galicia Vento  fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Todo para implantar un parque en Rede Natural 2000. @mundiario

Comentarios