É responsábel a Xunta das mortes nas residencias da terceira idade pola Covid-19?

Sede del Sergas.
Sede do Sergas.
É responsábel a Xunta das mortes nas residencias da terceira idade pola Covid-19?

Vimos de descobrir que a Administración sanitaria galega impedía a hospitalización das persoas residentes, doentes pola Covid-19,  cualificados como dependentes graos II e III (graves e moi graves), cualificacións onde se atopa a meirande parte da poboación residente con praza concertada. Ao tempo, soubemos que a directora da residencia compostelá de San Lázaro (Domus VI) manifestoulle aos familiares das persoas residentes que o Sergas non axudou medicalizar o centro até semana santa.

É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as residencias de xestión pública non tiveran positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 47 en Barreiro-Vigo e 47 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país. A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa  inspección e  supervisión, fallou evidentemente.

Mais tamén fallou a Xunta como Administración sanitaria. A lei prohibe que ingresen doentes infecto-contaxiosos nesta caste de residencias, o que quere dicir que éstes han ser evacuados tan axiña se detecte a súa doenza. Tamén constitúe unha realidade certa que a meirande parte dos residentes de prazas concertadas son dependentes en grao II (grave) ou III (moi grave). Con menos grao de dependencia tes que pagar entre 1.900 e 2400 € para unha praza privada, porque os baremos legais impiden de feito o acceso a unha praza concertada. Por outra banda, a rede hospitalaria galega estivo lonxe do colapso, cunha ocupación máxima do 50% tanto nos andares  canto nas UCIs.

Velaí o contexto que determina a gravidade do protocolo da residencia integrada compostelá da Porta do Camiño (de xestión conxunta do Sergas e da Consellería de Política Social que constituía a referencia sanitaria intermedia para Galicia Norte, como a de Baños de Molgas para a Galicia Sur), en canto prohibía o ingreso na mesma de dependentes en grao II e III. Dependentes que, como dixemos, constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan as prazas concertadas financiadas pola Xunta. Seica este protocolo era común á outra residencia integrada de Baños de Molgas.

A directora da residencia compostelá de Domus Vi en San Lázaro informou ás familias das persoas residentes que o Sergas non admitiu a evacuación dos primeiros cinco casos de Covid-19, reportados na noite do mércores 18-M, até o domingo 23-M e manifestou que até a Semana Santa non recebiu axuda do Sergas para medicalizar o centro. Durante 25 días coexistiron residentes infectados con negativos, sen presenza das Autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.

A cidadanía e, nomeadamente, as persoas residentes e as familias dos falecidos teñen dereito a coñecer a verdade e a que se depuren xudicialmente as responsabilidades xudiciais que houber. @mundiario

Comentarios