A Xunta presenta os orzamentos máis altos da historia con novas rebaixas fiscais para 2022

Miguel Corgos. / Mundiario
Miguel Corgos. / Mundiario

Galicia disporá de 11.627 millóns para consolidar a recuperación económica, superar os niveis de riqueza prepandemia e atender as familias e aos sectores produtivos.

A Xunta presenta os orzamentos máis altos da historia con novas rebaixas fiscais para 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou trala reunión do Consello Extraordinario da Xunta os Orzamentos de 2022, os máis altos da historia, dixo, para pasar á reactivación e á recuperación, cos maiores recursos para o gasto social e o emprego e con novas rebaixas fiscais.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fixo fincapé en que son unhas contas que apoian ás familias e aos sectores económicos, que baixan os impostos, reforzan o investimento produtivo, inclúen máis dotacións ca nunca para gasto social, controlan a débeda co menor gasto en xuros, modernizan os servizos públicos, e blindan as infraestruturas sanitarias, para superar os niveis de riqueza prepandemia e volver á senda do crecemento san, en definitiva “uns orzamentos para pasar da reactivación á recuperación económica”, sinalou.

Logo de incidir en que estes Orzamentos se aproban “en tempo e forma” para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2022, Alberto Núñez Feijóo aseverou que “aprobamos hoxe unhas contas que se porán ao servizo dunha nova fase económica marcada pola superación da crise sanitaria e coa intención de pasar da reactivación á recuperación: co maior orzamento da historia, cun reforzo sen precedentes no gasto social e no investimento produtivo, cun menor gasto en xuros e cunha nova baixada de impostos”. E salientou que estes orzamentos reflicten e consolidan o modelo que Galicia vén aplicando nos últimos anos, baseado en máis investimento, menos débeda e menos impostos.

Deste xeito, a comunidade gobernada por Alberto Núñez Feijóo disporá de 11.627 millóns de euros para consolidar a recuperación económica, superar os niveis de riqueza prepandemia e atender as necesidades das familias e dos sectores produtivos.

No tocante ao menor gasto en xuros, Alberto Núñez Feijóo subliñou que a Administración autonómica dedicará tan só 74 millóns de euros aos xuros da débeda, un feito que é posible grazas a que Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda desde 2008. “O presuposto manexa un crecemento san que se acredita no menor gasto en xuros da débeda pública”, salientou.

Alberto Núñez Feijóo. / MundiarioAlberto Núñez Feijóo. / Mundiario

Feijóo salienta que estas contas consolidan o modelo que Galicia vén aplicando nos últimos anos, baseado en máis investimento, menos ratio débeda/PIB e menos impostos

Máis polo miúdo, Alberto Núñez Feijóo precisou que o único capítulo de gasto que baixa de novo é o de xuros de débeda: máis dun 25% en comparación co exercicio vixente. Así mesmo, Feijóo destacou que os gastos de persoal chegarán aos 4.327 para dar soporte á suba do 2% dos empregados públicos e a todos os acordos asinados cos representantes dos traballadores; “e manteremos un control de gasto corrente, que medra tres veces menos que os gastos de capital”, engadiu.

Por outra banda, e segundo explicou o presidente da Xunta, este control permite tamén seguir facendo o maior esforzo investidor posible, de xeito que se para os orzamentos vixentes se aumentaron un 53% os gastos de capital -sobrepasando a cifra récord de 2.500 millóns de euros-, para o vindeiro ano vólvese superar esta cifra, o que supón máis de 5.000 millóns de euros en dous anos.

Sobre o reforzo do gasto social, Alberto Núñez Feijóo salientou que este disporá de 8.660 millóns, é dicir, 610 millóns máis que este ao, reforzándose a Sanidade con 269 millóns, a Educación con 179 millóns, as Políticas Sociais con 126 millóns e o Emprego con 37 millóns de euros. “En definitiva, de cada 10 euros do orzamento, máis de 7 se aplican a financiar o incremento do gasto social”, afirmou, a modo de resumo.

Por último, e na liña do comprometido, Feijóo avanzou a aprobación dun paquete de medidas fiscais para baixar de novo os impostos. Así, rebaixarase de novo a tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas, para beneficiar a máis do 90% dos contribuíntes; no Imposto de Transmisión Patrimoniais, rebaixarase un punto -do 10 ao 9%- o tipo xeral, e manteranse os tipos reducidos para os colectivos prioritarios -mozos, familias numerosas, persoas con discapacidade e vítimas de violencia de xénero-, así como o programa de Impostos 0 no rural.

En relación ao Imposto de Patrimonio, Alberto Núñez Feijóo destacou unha bonificación dun 25% da cota, co obxectivo de que este tributo siga baixando de forma progresiva se a situación económica continúa a mellorar. E, no Imposto de sucesións, manteranse as rebaixas para que Galicia siga entre as autonomías con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. “En definitiva, aprobamos uns orzamentos para 2022 que son os máis altos da historia, que non hipotecan o futuro, que garanten como nunca os servizos públicos e que non entorpecen a recuperación das familias, senón que, dalgún xeito, axudan a pagar o incremento de impostos que neste momento están soportando rebaixando os impostos que dependen da domunidade”, concluíu.

Logo da aprobación do proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022 polo Consello da Xunta, entregaranse ao Parlamento para a súa tramitación. @mundiario

Comentarios