Xosé A. Touriñán aporta humor de calidade

Fátima Pego, Noemí Rodríguez, Xosé A. Touriñán e David Perdomo. / Mundiario
Fátima Pego, Noemí Rodríguez, Xosé A. Touriñán e David Perdomo. / Mundiario
A TVG presenta ‘Catro Gatos’ como un divertido formato que mestura o faladoiro cómico cos sketchs humorísticos. Tamén con Fátima Pego.
Xosé A. Touriñán aporta humor de calidade

Televisión de Galicia prepara a chegada dun novo programa de humor á súa grella. En pleno proceso de gravación durante este verán, o espazo que leva por título ‘Catro gatos’ terá como protagonistas catro profesionais galegos do enxeño, da improvisación e da chispa, como son Xosé A. Touriñán, Fátima Pego, Noemí Rodríguez e David Perdomo. A TVG presenta ‘Catro Gatos’ como un divertido formato que mestura o faladoiro cómico cos sketchs humorísticos.

En ‘Catro gatos’, catro amigos reúnense nun bar en que falan da vida, das súas anécdotas persoais e inquedanzas, todo nun ton cómico e primando a espontaneidade dos actores e actrices participantes. Cada un deles lembrará unha anécdota que dará paso os sketchs cómicos, onde interpretarán diferentes personaxes.

Xosé A. Touriñán (Carral, A Coruña), un dos cómicos máis recoñecidos do país, aporta sempre humor de calidade. Actor, produtor e guionista, comezou a súa carreira na TVG coas Cantareiras de Ardebullo, en dúo con Marcos Pereiro. ‘Padre Casares’, ‘Air Galicia’, ‘Tourilandia’, ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Era visto!’ son algunhas das súas aparicións máis recoñecidas. Nos últimos anos participou en series como ‘El desorden que dejas’, ‘Justo antes de Cristo’, ‘Antes de perder’ ou ‘Fariña’ e no teatro en ‘Unha noite na praia’, ‘Somos Criminais’ e ‘Fariña’.

Fátima Pego. / YouTube

Fátima Pego. / YouTube

Fátima Pego (Brión, A Coruña) é cantante, actriz e reporteira, así como unha das artistas máis recoñecidas da verbena galega, onde saltou á fama como cantante das orquestras París de Noia e Panorama, entre outras. Na actualidade está centrada na súa faceta como actriz e reporteira, formando parte do equipo de programas da Televisión de Galicia como ‘Sabadeando’ ou ‘Quen anda aí?’

Noemi Rodríguez (Allariz, Ourense) formouse na ESAD de Galicia e logo realizou un máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts. Actriz, directora e pedagoga, traballou para o Centro Dramático Nacional, o CDG ou a English National Opera, entre outras. No ámbito audiovisual é coñecida polas súas participacións en ‘A esmoga’ (Ignacio Vilar, 2014) e ‘Land Rober Tunai Show’.

E David Perdomo (A Coruña) é músico, guionista, actor e un dos humoristas máis orixinais e arriscados de Galicia. Formado como actor en Casa Hamlet, na compañía Estragón e no festival internacional de Avignon, David acadou a fama cos seus personaxes creados para internet en ‘S Koruño’. Na televisión participou no ‘Land Rober Tunai Show’ da TVG, ‘Ecce Perdomo’ e ‘La noche D’.

Producido por Tex45 Producións para a Televisión de Galicia coa colaboración de Undodez, ‘Catro gatos’ está dirixido por Jairo Iglesias e Xosé A. Touriñán e conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés, David Perdomo e Xosé A. Touriñán. @mundiario

Comentarios