Xeracións perdidas na sustentabilidade social e dez anos de mal camiño ambiental en Galicia

La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato
A refinería de Repsol na Coruña. / Xurxo Lobato

Galicia non está a transformar crecemento económico en desenvolvemento social, segundo este informe para Tempos.

Xeracións perdidas na sustentabilidade social e dez anos de mal camiño ambiental en Galicia

Agora que tanto nos ocupamos da Next Generation, pagaría a pena revisar  o que non fixemos ben nestas dúas derradeiras décadas para cando menos modificar aquelo que non ía polo bo camiño. Antes de fuxir cara adiante con iso da transición enerxética e a dixitalización. Mesmo para que o reto ambiental e tecnolóxico non empeoren aínda máis aquelas cousas que xa non estabamos a facer ben.

Para facer balance das dúas primeiras décadas deste século –daquilo que agora chaman vella normalidade- propóñome revisar unha batería de indicadores económicos e sociais entre os anos 2000 e 2019. Non convén rematar a análise no 2020 por causa de que entrou en escena un feito excepcional –a pandemia do coroavirus- do que neste 2021 aínda estamos a saír con dificultades.

Adianto que se volvemos a vista atrás daquela vella normalidade, comprobaremos que para Galicia foi ben certo aquelo que razono a nivel mundial no meu último libro  (“Riqueza nacional y bienestar social”, Universidade de Vigo): que o crecemento económico pode non vir acompañado de desenvolvemento social, nin de crecente benestar social nin ambiental. E se comprobamos tal cousa, antes de falar do dixital e do verde para a seguinte xeración, deberiamos tomar boa nota de onde e como andabamos perdendo o tempo coas anteriores xeracións (perdidas).

1ª PARTE: RADIOGRAFÍA DA SUSTENTABILIDADE SOCIAL

Se queremos facer de gaiteiros do sistema que nos goberna, temos un bo dato para repetir todas as veces que poidamos. E que o amplifiquen os medios de comunicación. E que o comenten os economistas orgánicos da produtividade. É este: Galicia pasou neses últimos vinte anos dun apenas 78 % da riqueza media por habitante española a algo máis do 90 %. Aínda no chegamos á media, pero ninguén pode discutir que anotamos un achegamento importante.

Xa de entrada hai que dicir, como se observa no segundo dos indicadores que figura no recadro de datos da nosa radiografía económica, que este éxito (por iso poñémolo en cor verde na dereita) non se debe a ter mellorado o noso peso na economía española, que só se mantén, como di o segundo indicador. Senón (obsérvese o terceiro indicador) a que a poboación galega perdeu peso en España.

O noso crecemento económico foise movendo na media do conxunto de España (balance en cor amarelo do segundo indicador) pero como a poboación se mantivo aquí mentres que no conxunto de España aumentou, resulta que é por iso que nos acercamos á media española de riqueza per cápita. Se a poboación se comportase como no conxunto de España, non teríamos avanzado nada. Nin sequera no primeiro indicador.

Aquí temos xa o primeiro síntoma de que Galicia non está a transformar crecemento económico en desenvolvemento social. A nosa parálise demográfica é o resultado dunha natalidade e duns saldos migratorios retraídos. Nin somos atractivos como destino de traballadores de fóra, nin xeramos expectativas de vida para os mozos e mozas galegos.

Medramos ao mesmo ritmo que o conxunto de España, e só gracias ao noso estancamento demográfico conseguimos mellorar a nosa converxencia en riqueza por habitante. Que é o único logro que veremos nesta radiografía. Mal asunto. Xeración perdida.

Pasa outro tanto coa poboación dispoñible para traballar en Galicia (poboación activa): perdemos peso no conxunto de España. E de novo será este o factor determinante de que as oportunidades de emprego, non sendo boas, non teñan sido moito peores. Vexamos. 

OPORTUNIDADES DE EMPREGO

Unha das dimensións polas que se confirmaría que o crecemento económico empurra polo desenvolvemento social é este. Se medramos e as oportunidades de emprego son mellores para unha poboación crecente.

Esas oportunidades serían crecentes se Galicia mantén ou mellora a cota de ocupados no conxunto da economía española. Pero sucede todo o contrario. A economía galega medra ao mesmo ritmo que o conxunto de España, pero o emprego non medra ao mesmo ritmo. Medra menos. Por iso pasamos dun 6,5 a un 5,5 % do total español neses vinte anos. Pode semellar pouco. Apenas un  punto porcentual. Pero é caer un – 15 %.

Mentres na riqueza por habitante gañamos trece puntos, no emprego perdemos quince puntos. Non transformamos crecemento económico en desenvolvemento social. E son estas menores oportunidades de emprego as que están por detrás, repetímolo, da nosa parálise demográfica.

Con este ritmo de creación de emprego, as dúas taxas de paro (total e xuvenil) do recadro se ben algo se reducen (por iso o balanzo poñémolo en amarelo e non en roxo), seguen a ser moi elevadas en parámetros europeos. En vinte anos a redución das taxas de paro é tan cativa, que podemos falar da súa cronificación en niveis de depresión económica.

Oportunidades de emprego menores e probabilidades moi altas de estar en desemprego. Non semella que a vella normalidade fose como para tirar foguetes.

Tampouco é bo o benestar dos ocupados galegos nos dous indicadores que manexamos de salarios baixos e de contratación temporal. Nos dous casos en 2019 superamos a media española. Pero superar a alguén nalgo no que sería mellor non facelo é para pouco presumir. Mesmo crecemento económico pero peor calidade do emprego.

 BENESTAR SOCIAL

Completamos o recadro da nosa radiografía do período 2000- 2019 en Galicia con outros tres  importantes indicadores de benestar social máis en xeral.

No primeiro deles resúmese se os traballadores gañan ou perden peso na distribución da riqueza xerada no país. Claramente se observa que o perden. E iso quere dicir que a maioría da poboación perde recursos que lle puideran permitir mellorar o seu benestar social. Xa a calidade do emprego nos avanzaba que algo así podería ocorrer; tamén a persistencia de altas taxas de paro. Non transformamos o crecemento en benestar social, pois para iso a porcentaxe das rendas salariais no PIB debera manterse. Pero non o fai.

Por se quedase algunha dúbida, os outros dous indicadores remachan o argumento. A rateo de desigualdade (cantas veces o vinte por cento máis rico supera a renda do vinte por cento menos rico da poboación) malia que algo se reduce en relación á media española, faino aumentando en Galicia (de 4,8 a 5,2 veces). E iso non pode considerarse positivo.

E xa no indicador relativo ás persoas xubiladas, a práctica parálise do achegamento á media española na pensión mensual media tampouco pode considerarse un avance substantivo no benestar social neste 20 anos.

RESUMO SOCIOECONÓMICO

Aínda que non houbese aparecido a pandemia en 2020, teriamos que ter cambiado de rumbo respecto do que levamos nos últimos vinte anos (2000-2019). E daquela, tendo claro como mellorar a relación entre crecemento económico e desenvolvemento social, axustar os cambios precisos para a transición enerxética (para min nisto a palabra chave é autodeterminación) e os da transición dixital (aquí a palabra chave é soberanía) a esa nova relación. Aclaraba de vagar como facelo en Tempos Dixital non hai moito.

Recoméndolle a quen chegase ata aquí esa breve lectura. Estou certo de que, de seguir esa folla de ruta, en 2030 o recadro de indicadores que vimos de revisar tería moitas máis cores verdes. Moito máis desenvolvemento social mesmo con menos crecemento. Para non ter outra xeración perdida.

Xusto o contrario do que predican, de novo, a maioría dos chamados expertos: que só hai que facer medrar moito a tarta, porque –desta vez seica si- todos sairemos ganando. E de seguro haberá quen siga a mercar este xarope máxico.

2ª PARTE: RADIOGRAFÍA DA SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

Vimos de comprobar que o período 2000-2019 pode ser cualificado en Galicia como dunha xeración perdida dende o punto de vista socioeconómico. Quere isto dicir que se ben o crecemento da produción de riqueza que mide o PIB fíxoo en Galicia ao mesmo ritmo que no conxunto de España, a súa tradución en desenvolvemento social foi moi problemática. Nin as probabilidades de emprego, nin as rendas da maioría da poboación melloraron respecto do conxunto de España. Pero un crecemento que non é desenvolvemento social é un crecemento socialmente insostible.

Máis, podería ser que tal crecemento fose sustentable ambientalmente?  Para comprobar se así foi, ou non, paga a pena sintetizar o diagnóstico para a derradeira década (2010-2019) coa información oficial dispoñible. Sempre botando man de indicadores que permitan unha comparación directa entre a situación en Galicia e no conxunto de España.

En primeiro lugar, recóllense indicadores que o Instituto Galego de Estatística reúne no seu apartado relativo á Axenda 2030 en relación a algúns dos seus obxectivos, pois para os numerados como 6,7, 14 e 15 (nada menos que auga limpa e saneamento, enerxía non contaminante, vida submariña e ecosistemas terrestres) a páxina web (consultada o 9/7/2021) infórmanos de que “aínda non se dispón de información”. Puidemos xuntar cinco indicadores relevantes desta fonte oficial para Galicia e España. Pero se un se toma a paciencia de rastrexar indicadores relevantes sobre o medio ambiente no resto de apartados da web do IGE, poden engadirse ata media ducia de indicadores máis á táboa que se achega con esta análise.

Contamos, en suma, con once indicadores ambientais cos que ver de contestar a pregunta inicial: o crecemento económico de Galicia foi ambientalmente sustentable os derradeiros dez anos? O dato final en cada caso sinálase no recadro para que ano foi posible rexistralo, sendo o dato inicial sempre o de 2010. E sempre, como queira que o crecemento económico foi moi semellante, avaliando a evolución ambiental de Galicia verbo da do conxunto de España.

Dedúcese, xa de entrada, á vista da última columna do recadro, que só nun dos once a avaliación de Galicia é positiva, mentres que en dous é dubidosa. Galicia anota un suspenso en toda regra para o conxunto da década na mellora da nosa calidade ambiental. Mais vaiamos por partes.

Temos cinco indicadores en cor amarela teñen que ver coa calidade do aire e as emisións á atmosfera. Tres, en cor laranxa, teñen que ver cos residuos e o seu tratamento. E dous, en azul, co consumo de auga e o seu tratamento.

Suman así dez indicadores, quedando fóra dos tres grupos só un indicador –que vai en branco- relativo á habitabilidade das vivendas. Este é claramente adverso para Galicia, pois un dez por cento da poboación reside entre nós en vivendas inaxeitadas por riba da media española. Nunha recente enquisa aos fogares do ano 2020, o IGE concreta eses maiores déficits nas humidades, no illamento térmico e en cheiros vencellados as canalizacións e saneamentos.

 EMISIÓNS

As emisións de gases de efecto invernadoiro -que están por detrás do colapso climático- tanto en relación ao PIB, como por habitante ou en volume absoluto melloran, redúcense, en Galicia entre 2010 e 2019. Non é esta unha mala nova, pero o certo é que nos dous primeiros casos seguimos por riba do conxunto de España nun 140 % e nun 124 %, respectivamente. E iso que a referencia española media non é nada virtuosa. Referencia que tamén superamos na intensidade enerxética (consumo de enerxía por unidade de PIB).

Quere isto dicir que nas emisións industriais, do tráfico, das calefaccións, as derivadas do complexo agrario, etc. temos moito traballo por facer. Moito traballo de transición a unha economía libre de carbono.

Non é menos certo que contamos con recursos renovables (eólico, hidráulico, solar, biomasa, maremotriz) envexables, pero non somos quen de xestionalos cunha autodeterminación enerxética que descanse en iniciativas locais, cooperativas, asociativas á marxe dos oligopolios das enerxías fósiles.

Iso polo lado da oferta de enerxía, pois polo lado da demanda o indicador de uso de transporte urbano colectivo fronte ao particular infórmanos de que a cota galega no total español está moi por baixo da que temos en poboación (un 3,5 % fronte a un 5,7 %).

 RESÍDUOS

A cantidade de residuos xerados por persoa en Galicia está por baixo da media española e ten unha lixeira tendencia minguante. Neste caso a cualificación non é negativa. O que non quita para que se puidese reducir moito máis a cantidade por persoa e ano.

Non sucede o mesmo coa xestión dos residuos. Pois a cota de incineración é moi alta e a de reciclados moi baixa respecto do que sucede no conxunto de España. Temos unha estrutura inversa na xestión dos residuos. E sobra dicir que o ambientalmente máis sustentable é a reciclaxe fronte á incineración.

Topamos aquí cun modelo (SOGAMA) tamén está enfiado por un xigante da economía fósil e que, en consecuencia, definiu un modelo centrípeto e xigante pouco favorable á unha escala local máis resiliente e, o que é máis importante, á redución da xeración de residuos.

En suma: como moito un punto sobre tres. Claramente un suspenso.   

AUGA

Nos indicadores relativos ao subministro das augas, Galicia acada un aprobado: un é positivo e outro negativo.

É positivo o indicador de auga consumida ao día nos fogares, pois é minguante e segue a estar por baixo da cifra media española. É negativo o indicador que cuantifica a evolución dos consumos de auga non domésticos. Consumos que se reducen algo no conxunto de España mentres que en Galicia medran un trinta por cento.

CONCLUSIÓN FINAL

Nas emisións contaminantes á atmosfera Galicia, sempre verbo do conxunto de España, ten un suspenso absoluto. Na xestión dos residuos un claro suspenso. E só no consumo de auga acadamos un aprobado raspado.

Nestas tres dimensións ambientais, a cualificación global de Galicia da derradeira década de crecemento económico é claramente desfavorable. Trátase da década 2010-2019: dende a post crise do 2008 ao ano previo á actual crise da Covid.

Unha década que supón pechar dúas (2000-2019) de xeracións perdidas na sustentabilidade social e  dez anos de mal camiño ambiental.

Todo o anterior témolo argumentado segundo datos oficiais da Xunta de Galicia para indicadores substantivos. O que non quita para que na propaganda oficial –e na dos moitos amigos do poder– se veña sostendo interesadamente o contrario.

Claro que agora os propagandistas deron co novo truco da Next Generation e os seus mutantes: Transición Verde, Ecolóxica, Economía Circular, Economía Libre de Carbono ou economía Guai. Mentres non se demostre o contrario, estamos padecendo unha fuxida cara diante para non facer balance do que, e como, levan estragadono social e no ambiental. @mundiario

Comentarios