Xela Arias e o Xabarín Club sinalaron o camiño para achegar a lingua galega ás novas xeracións

Xela Arias. / Mundiario
Xela Arias. / Mundiario
Visibilizar o galego nos buscadores de internet, Xela Arias e o Xabarín Club sinalan o camiño para recuperar as novas xeracións ao galego.
Xela Arias e o Xabarín Club sinalaron o camiño para achegar a lingua galega ás novas xeracións

Malia que cumpra facermos Día das Letras aos 365 do ano esta data sempre é boa para facermos balance e tentar albiscarmos un futuro. Un futuro dubidoso, marcado pola omnipresenza mediática do castelán, pola ruptura da transmisión xeracional e mesmo polas chatas de coñecemento da lingua por parte dun importante sector da xente nova educada en castelán, como veñen de reflectir os estudos da Real Academia Galega. 

Fronte esta situación cómpre usar das ferramentas usadas con bo suceso noutros países do mundo. Na educación inmersión lingüística para garantirmos un coñecemento abondo da nosa  lingua para todo o alumnado. Na función pública a obrigatoriedade de acreditar un nivel de coñecemento activo abondo, tamén para fornecermos as vacantes na Administración de Xustiza e na Xeral do Estado. Na actividade económica garantirmos os dereitos lingüísticos das persoas traballadoras, consumidoras e usuarias a empregarmos o galego. Na esfera do público a máxima esixencia normalizadora, mesmo a contratistas e concesionarios e no privado a máxima amabilidade e flexibilidade, porqué o peor galego é o que non se fala. E todos estes vectores dotados dun orzamento abondo, no marco dun pacto de País pola lingua que transversalice tamén o achegamento cultural e económico á lusofonía e o coñecemento acaído do padrón portugués.

Mais, con todo, o galego hoxendía precisa doutras ferramentas fundamentais, que pasan pola súa aptitude de contar o que ocorre hoxe, de ser instrumento para que a cidadanía do século XXI faga a súa vida, como foi quen de contar a nosa vida durante os séculos que fomos nomeadamente unha sociedade agraria.  E velaí a necesidade de conectar xeracionalmente coa Galicia urbana e de existir nos contidos audiovisuais e nos buscadores de internet.

Canda os vectores transversais da inmersión lingüística, as políticas de  obrigatoriedade pública e amabilidade privada, a garantía dos dereitos lingüísticos de consumidores e traballadores na vida económica e o uso na publicidade, xustiza e Administracións Publicas todas, neste Día das Letras  cómpre lembrar a necesidade de por cointidos audiovisuais en galego nas canles e plataformas televisivas e nos buscadores de Internet.

 Xela Arias

 A  poeta e tradutora Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) reflicte moi ben na súa obra e mesmo nas súas opinións e xeito de vivir e estar no mundo esta conexión xeracional. Arias constrúe un futuro para a lingua como lingua de prestixio dende o seu traballo editorial e tradución ao galego  de obras senlleiras como o Dracula de Bram Stoker, O derradeiro dos mohicanos de James F. Cooper ou Dublineses de James Joyce . Como autora faise vangarda fusionando os poemas coa fotografía de Xulio Gil (Tigres como cabalos, 1990) ou coa música de Fernando Abreu (Vencerse é cousa de se tratar). Mais a súa vangarda non é só estilística, senón que conecta coas angueiras da súa xeración, ás persoas que éramos novos a fins dos 80 e nos 90, facendo presente a droga  que esnaquizou xeracións anteriores e o desemprego industrial que marcou a historia contemporánea de Vigo. Máis tarde (Darío a diario, 1996) Arias trata a maternidade (pouco presente na literatura galega até entón) dende valores de autonomía persoal propios do seu humanismo feminista.

Porque Xela Arias, muller, moderna, independente, rebelde, pluridimensional… recoñecíase nacionalista e feminista, como lle manifestou a  Manolo Rivas na súa mítica entrevista dun domingo de marzo de 1990 en La Voz de Galicia:  “…Deixarei de ser nacionalista cando as nacións oprimidas non o sexan e cando as mulleres discriminadas non o estean”.

Xela Arias morreu moi nova (como moi novos morreron Manoel Antonio, Lois Pereiro, Luisa Villalta e Begoña Caamaño) en novembro de 2003, case un ano despois do afundimento do Prestige, poucas semanas despois de publicar o seu derradeiro libro de Poemas Intempériome e de contribuir xenerosamente no amplo movemento Nunca Máis que marcou de vez a súa xeración na Galicia.

A necesidade da Canle Xabarín

Si Xela Arias conectou o galego coas angueiras xeracionais da xente nova  dos  80 e 90 o fenómeno Xabarín  foi fulcral para entendermos como un  programa da TVG puido integrar nun relato en galego a milleiros de rapaces e rapazas da seguinte xeración, os millenials, aínda nomeada na Galicia xeración Xabarín. O proxecto de Suso Iglesias, ademáis, serviu para seguer a visibilizar grupos musicais dos 80 (Siniestro Total, Aerolíneas Federales) canda novos grupos de pop, nomeadamente a xeración bravú na que salientaron Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto.

Mais o grande suceso do Xabarín foi a súa estrutura de club (que chegou ter 130.000 socios), que Suso Iglesias inspirou no Cartoon Network e na moi boa doblaxe das mellores teleseries xaponesas, que normalizaron e prestixiaron o galego na xeración dos millenials. Ademáis de algo moi europeo e pouco frecuente no Estado español: tratar ás crianzas como seres intelixentes que son.

O galego hoxe está ausente dos contidos televisivos para o público infantil e xuvenil. E se as nosas crianzas e rapazada non ven e escoitan contidos en galego agravarase aínda máis a percepción da nosa lingua como lingua estranxeira. Reservar espazos infantís e xuvenís por lei na grella da TVE e mesmo das privadas (suxeitas ás regras de Dereito Público de calquera concesión) e potenciar a franxa correspondente na TVG son decisión acaídas, maís para nada son abondo e mesmo tampouco as máis importantes. Porque onde cómpre levar o novo Xabarín, segundo o ronsel da proposta unánime que ven de aprobar o Parlamento de Galicia, é ás plataformas televisivas (Netflix, HBO…) que vehiculizan a meirande parte do consumo  televisivo actual, onde TV series galegas e en galego xa saben o que é o éxito, como O sabor das Margaridas.

Nos vindeiros anos integrar nas plataformas televisivas unha programación infantil e xuvenil moderna e digna será un dos principais obxectivos para a normalización da lingua.

Integrar o galego nos buscadores de Internet

 En termos comparativos sempre houbo importante presenza do galego en Internet, mesmo máis ca na actualidade, onde segue a ser importante, tendo en conta as feblezas do noso modelo normalizador. Mais o verdadeiro problema, como publicaba hai uns meses o Blogue Reizentolo, É que o algoritmo de Google non nos recoñece.

 Google Ads non permite enfocar os anuncios das empresas ás persoas que usan na web o galego, mais tampouco lls permite mesmo escribir os seus anuncios en galego. Se o tentan o sistema espétalles “idioma no disponible”.  Tamén Alexa discrimina negativamente á nosa lingua. Recoñece textos en castelán e en portugués, non en galego.

Hai moitas persoas que opinan que poderíamos resolver esta cuestión redixindo os contidos cara ao portugués. Semella unha solución non moi acaída, mais si podería constituir un comezo cara  unha solución operativa se Google Ads admitise o galego como variante lingüística autónoma vencellada co portugués brasileiro e co portugués europeo, como fai co francés québécois.

De calquera xeito visibilizar o galego nos buscadores de Internet é unha cuestión de País, como tamén é unha cuestión de País traducir todas as aplicacións precisas para navegar por internet e accedermos ás redes sociais. Proxecto que habería constituir unha das prioridades nas TIC a desenvolver polos proxectos galegos Next Generation.  Para ilo cómpren todas as ferramentas; xudiciais, de relacións públicas, promoción económica…

Neste Día das Letras 2021 ás ferramentas de normalización no ensino, na actividade económica, nas Administracións Públicas ou na publicidade haberíamoslle engadir, coas luces longas que amosaron Xela Arias e o Xabarín Club, ás da conexión no estilo e na mensaxe coas novas xeracións, os contidos audiovisuais infantís e xuvenís nas canles e plataformas televisivas e máis a presenza do galego nos buscadores de Internet. @mundiario

Comentarios