O xefe do Goberno galés: O resultado do Brexit sería hoxe diferente

Carwyn Jones, o Ministro Principal de Gales. / CRTVG
Carwyn Jones, o Ministro Principal de Gales. / CRTVG

O Ministro Principal afirmou que Gales se describe coma nación, pero non hai conflito.

O xefe do Goberno galés: O resultado do Brexit sería hoxe diferente

O Bos Días da Televisión de Galicia estivo centrado na política internacional, coa presenza de Carwyn Jones, o Ministro Principal de Gales. O xefe do Goberno galés foi entrevistado por Marcos Sueiro e durante a conversa falou das relacións entre galeses e galegos e das consecuencias do Brexit.

Jones, líder do partido laborista galés, referiuse en primeiro lugar a Galicia como un país moi fermoso e destacou “os vínculos celtas entre Gales e Galicia”. Tamén mencionou a autonomía dentro dun estado ou a lingua propia como nexos común e valorou que “temos completa autonomía en saúde, educación e desenvolvemento e recadamos certos  impostos”.

O Ministro Principal afirmou que Gales se describe coma nación, pero non hai conflito: “Síntome galés, pero iso non impide que tamén me sinta británico”. En relación co problema territorial en Cataluña, sinalou que “lle corresponde á xente de Cataluña e España resolvelo. No Reino Unido existe a secesión, Escocia tivo un referendo e a xente decidiu quedar”. En relación co país que preside, afirmou que “en Gales non hai presión para ser independentes, non sabemos que vantaxes nos daría”.

Arredor do Brexit, afirmou que moitos británicos votaron para protestaren contra o Goberno ou a globalización e afirmou que “se volvese haber un referendo, o resultado sería diferente”. Así mesmo, salientou que “debemos ficar na unión aduaneira e no mercado común, non significa marchar de todo”. Ademais, afirmou que agarda “que as relacións non sufran e que a xente siga vivindo e traballando no Reino Unido”.

Sobre a súa visita a Galicia, explicou que “asinaremos un documento de entendemento para colaborar en diferentes sectores” e manifestou a súa confianza para que “as ligazóns dos galeses e os galegos sigan sendo fortes”. Para rematar, Jones explicou que actualmente existían 500.000 falantes de galés e gabouse do reto de ter unha televisión autonómica galesa. @galiciamundiari

O xefe do Goberno galés: O resultado do Brexit sería hoxe diferente
Comentarios