DE BOLINA

De que xa vai sendo hora de que a Humanidade viva sen holocaustos

Refugiados rohingya. RR SS.
Refuxiados rohingya.
A historia da Humanidade  está impregnada do exterminio físico do diferente e tódolos holocaustos modernos viñeron precedidos de crispación; como agora mesmo na política española onde desapareceu o debate de proxectos e ideas e impera  a frase corta e ou branco ou negro. Un panorama lamentable, primitivo e pobre, pero crispado.
De que xa vai sendo hora de que a Humanidade viva sen holocaustos

Holocausto ten etimoloxía grega cun significado gráfico: queimar todo. Os dicionarios de galego -RAG, Alonso Estravís- dan unha definición distinta do da Real Academia Española e refírense a “un sacrificio relixioso entre os antigos xudeus, no que unha vítima era queimada completamente”, tamén  “vítima así sacrificada”. O castelán e o portugués engaden “gran matanza de seres humanos” e, con maiúscula, “exterminio sistemático de xudeus e doutros grupos humanos levado a cabo polo réxime da Alemaña nazi”. Penso que na nosa fala común non seguimos as acepcións dos dicionarios galegos, porque esta palabra describe o mesmo que en castelán e portugués: utilizamos como nome propio a acción xenocida nazi contra os xudeus e como nome común gran matanza de seres humanos.

Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto

En poucos días está sinalado o Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, para ter presente no recordo ás persoas que aniquilou o réxime instaurado en Alemaña antes e durante a Segunda Guerra Mundial: un exterminio por pertenceren a unha raza ou teren unhas crenzas determinadas. Humanidade sen humanidade. Inexplicable entón e inintelixible hoxe. Seguirémonos a estremecer sempre con fotografías, documentais, películas ou descricións deste xenocidio pero pareceranos que tal monstruosidade ocorreu en épocas remotas. Non foi así. Por exemplo, cando eu nacín pasaran pouco máis de quince anos, un abrir e pechar de ollos, desde a fin da Segunda Guerra Mundial. Así que tal atrocidade sucedeu entre xente con, máis ou menos, conviccións e coñecementos actuais. Por moitas aclaracións que se busquen, por sisudos estudos que se fagan, non existe explicación capaz de esclarecer nin o porqué de tal matanza, nin os silencios coetáneos.

Múltiples e permanentes holocaustos

Tampouco se entende, e aí está negado incluso, que non se rexeite a actuación sistemática e xenocida por cuestións ideolóxicas que o réxime de Franco mantivo corenta anos. Humanidade sen humanidade. E podemos engadir nomes, propios e comúns: Stalin -Holodomor ou Gran Purga-, Mao -Gran Salto Adiante e Revolución Cultural-,  Leopoldo II de Bélxica -Congo-, Pol Pot - autoxenocidio camboiano-, tribus da Amazonía, mapuches arxentinos e chilenos, indios americanos. Humanidade sen humanidade. Facer un listado excede obviamente dun artigo de prensa, pero  estas mencións reflicten claramente que, a pesar do horror, aínda non son leccións aprendidas polo ser humano quen, nin hoxe, asume que matar xente, e menos por pertencer a raza ou a relixión ou a crenza diferentes, é unha monstruosidade. Sen pretender ser exhaustivo e facendo constar que sempre foron precedidos de crispación política, -a crispación política española de hoxe deriva tamén da falta de talla- e convén lembrar exemplos actuais como o xenocidio que houbo, entre 1991 e 2001 na próspera Europa, durante as guerras iugoslavas nas que por conflitos étnicos e relixiosos, con tódolos coñecementos e experiencias acumulados de finais do XX e inicio do XXI,  decidiuse que as cuestións de convivencia se solucionaban -como se o respecto non fose a única solución- matando unhas duascentas mil persoas. Humanidade sen humanidade. No 1994 asistimos ao xenocidio de Ruanda, cando morreron un millón de persoas maioritariamente da etnia tutsi -imposible de diferenciar da hutu-. Humanidade sen humanidade.

Ser distintos, incluso polo idioma de seu, ponse no punto de mira dos xenocidas

E nestes días, mentres segue a haber millóns de desprazados, atentados, guerras relixiosas e persecucións, aí temos, á vista, aos rohinyás, a minoría máis perseguida do planeta, sen cidadanía, padecendo desde 2017 unha limpeza étnica, á que non lle é allea falar un idioma diferente do birmano, e con miles de mortos, mutilados e violadas. Falan un idioma distinto, coma nós. Humanidade sen humanidade. O próximo día 27 recordarase un dos holocaustos, porque o mundo non deixa de estar inzado deles, por ver se nos facemos racionais, eliminamos a crispación e instauramos o respecto, para poder sentirnos Humanidade con humanidade, esta nunha acepción común dos dicionarios de galego e castelán:"comprensión, compaixón e benevolencia cara aos demais".

Non me pregunten de onde vén esta polisemia de humanidade: non o sei, da historia e da realidade parece que non. @mundiario  

Comentarios