Buscar

Xa podemos tirar da pandemia algunhas ensinanzas (provisionais)

Estamos a pagar as retalladas da Grande Depresión no I+D+i. Galicia inviste só o 0,87% do seu PIB en I+D+i. A investigación e a innovación non se poden inventar en quince días.

Xa podemos tirar da pandemia algunhas ensinanzas (provisionais)
I+D+i. / Cetem
I+D+i. / Cetem

Desta pandemia podemos xa tirar algunhas conclusións, malia que certamente provisionais, porque aínda faltan moitos capítulos por vivir. Valorar o servizo público de saúde, o persoal dos servizos esenciais, apostar pola xestión descentralizada en rede, pola reindustrialización, polo I+D+i e a autonomía alimentaria son algunhas delas.

Ensinanzas –provisionais– da pandemia

1. Os esenciais.- Moitas das persoas que están a fornecer os servizos esenciais (sanitarios, dependencia e maiores, sociais, seguranza, mantemento e limpeza, produción e distribución alimentaria...) foron cualificadas no próximo pasado como xente doadamente substituíbel que non achegaban valor e, xa que logo, non xustificarían a actualización do salario mínimo. Agorta constitúen parte substancial da nosa capacidade de resposta social. No 1945 as clases medias e traballadoras de USA, Reino Unido ou Francia acadaron un “new deal”, un novo pacto social. A tensión social será, de seguro, unha constante no próximo futuro, para determinarmos de que xeito se distribúen os custos da reconstrución.

2. A saúde é o o primeiro.- A máis prezada conquista do Estado do Benestar é a saúde pública, universal, gratuíta e de calidade. As retalladas austericidas degradaron dende 2008, de xeito moi substancial, a capacidade de resposta das sanidades europeas, nomeadamente, para o que nos importa, da sanidade galega. Para pandemias futuras cumprirán reservas estratéxicas de recursos para emerxencias sanitarias. E, sobre todo, máis respecto e máis diñeiro para o persoal sanitario.

3. Xestión de proximidade e gobernanza en rede vs centralismo radial.- Alemania e Suiza están a atender a emerxencia dende a coordinación en rede, consensuando as actuacións na escala federal. O Goberno do Estado non se decatou das vantaxes comparativas do Estado plural e descentralizado e quixo impór un Mando Único e unha emerxente militarización cando as solucións eficaces son as de proximidade e a gobernanza máis resiliente é a horizontal en rede. Velaí a deficiente recentralización da merca de material sanitario, mesmo con requisas contraproducentes. Os Ministerios até descoñecen onde están as infraestruturas e recursos esenciais dos territorios.

4. Investigación, innovación, tecnoloxía!  Estamos a pagar as retalladas da Grande Depresión no I+D+i. Galicia inviste só o 0,87% do seu PIB en I+D+i. A investigación e a innovación non se poden inventar en quince días. Só se recolle cun traballo de semente e desenvolvemento continuado, avaliado e eficaz. A pandemia actual amosa a importancia das tecnoloxías para manter conectada unha sociedade, extender o teletraballo e garantir o fornecemento de enerxía. Como di o empresario galego Ferreira Dapia, “tecnoloxizarse ou   morrer”.

5. Reindustrialización de proximidade e autonomía alimentaria.- Non podemos depender nas nosas actividade esenciais de liñas de fornecemento lonxanas e de poucos territorios-factoría. Temos níveis de formación, enxeñería e teconoloxías abondo como para tentar un grande salto reindustrializador. Cómpre apostar pola máxima conectividade física e de telecomunicacións e a enerxía máis barata posíbel para este repto. Non é viábel nin económico depender de producións alimentarias esóxenas. A autonomía alimentaria garantirá a calidade e regular fornecemento dos mercados e inxectará no tecido produtivo, nomeadamente no galego, os beneficios da economía circular, que inviste aquí o que aquí xera. @mundiario