Vixencia da loita obreira 45 anos despois da legalización dos sindicatos en España

Marcha obrera en Vigo en los primeros años de sindicatos en la democracia.
Marcha obreira en Vigo nos primeiros anos de sindicatos na democracia.
Fronte ao "non toca", CC OO sairá o 1.º de Maio ás rúas para defender solucións. A situación require subir os salarios para non afogar as familias.
Vixencia da loita obreira 45 anos despois da legalización dos sindicatos en España

Dez meses despois de legalizar os partidos políticos, o Consello de Ministros de Adolfo Suárez aprobaba o decreto que regulaba o depósito dos estatutos dos sindicatos, medida imprescindible para legalizar as organizacións obreiras. Foi un 22 de abril de 1977, hai xa 45 anos. Cinco días despois, CC OO depositaba os seus estatutos, foi o primeiro sindicato en facelo.

Esta longa demora explícase pola natureza do movemento obreiro, que naquela época era o verdadeiro motor do cambio dunha cruel ditadura cara á democracia. Se a legalización se fixo de rogar foi, xa que logo, por mor das resistencias do vello aparato represor que se resistía a caer. De feito, case ao mesmo tempo que CC OO iniciaba o camiño da legalización, o Ministerio da Gobernación —a cargo dun ‘demócrata de toda a vida’, Rodolfo Martín Villa— anunciaba a prohibición de todos os actos con motivo do Primeiro de Maio, coa ameaza de reprimir con dureza calquera manifestación pública que preténdese esquivar a prohibición. E abofé que cumpriu coa súa palabra.

A brutalidade da represión non impediu materializar a legalización e que os sindicatos, con CC OO á cabeza, nos converteramos en pezas claves para a chegada da liberdade ao país, para sentar as bases dunha democracia homologable coas máis avanzadas de Europa. Tal é a importancia que a liberdade sindical forma parte do Título I da Constitución, o que recolle o conxunto de dereitos fundamentais e de liberdades públicas.

A democracia, igual que chega, pode recuar e corremos o risco de perdela. Temos exemplos a eito por todo o mundo, de América Latina ao corazón de Europa, tamén no Estado español. Non vale a equidistancia; non podemos banalizar nin normalizar a extrema dereita. Baixo ningún concepto, nin sequera argüíndo a "gobernabilidade".

A democracia non só se estraga polo auxe do populismo neofascista; tamén o fai se os partidos democráticos desvían o foco das cuestións principais, nomeadamente o benestar social, que é tanto como dicir a calidade de vida da xente dun país.

Non é casual que a extrema dereita poña a mira nos sindicatos, como un dos albos predilectos dos seus ataques. Desprézanos porque levamos décadas facéndolle cara. Antes recorría á violencia física, agora prodíganse na verbal e na desinformación. Gustaríalle que non houbese sindicatos, porque dese xeito non habería contrapoder nas relacións laborais nin freo posible aos abusos empresariais. No fondo, o que lles desgusta é a democracia.

Vixencia da loita obreira

Mentres haxa inxustizas, os sindicatos seguiremos sendo necesarios. Nos momentos de crise é evidente. Por exemplo, durante os peores momentos da pandemia, garantímoslle á clase traballadora a atención precisa. Só en Galicia, CC OO atendeu unhas 28.000 consultas durante o estado de alarma. Coa forza que nos dá sermos unha organización de ámbito confederal, negociamos medidas de protección como os ERTE, cos que se salvaron millóns de postos de traballo en toda España.

Agora batemos de cara con outra crise, a desencadeada por unha inflación descontrolada e un contexto internacional incerto e convulso pola guerra en Ucraína. Cada vez máis familias teñen dificultades para chegaren a fin de mes, pero as empresas néganse a arrimar o ombreiro: non queren oír falar de subir os salarios, porque «non toca». Para algúns parece que nunca toca asumir a cota de responsabilidade que lles corresponde cando veñen mal dadas, pero son os primeiros en pedir a axuda do Estado a cargo do diñeiro de todas e todos.

Fronte ao "non toca", CC OO sairá o 1.º de Maio ás rúas para defender solucións. A situación require subir os salarios para non afogar as familias; que os poderes públicos interveñan para conter os prezos e así parar a inflación e a especulación; e máis igualdade, porque iso significa máis xustiza social, imprescindible para unha democracia con boa saúde. @mundiario

Comentarios