A visíbel carreira electoral

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Non ten moito sentido o presunto dilema entre convocar -por exemplo- para o 19 de Xullo ou facelo para o 13 -ou 20- de Setembro, a menos que existan razóns fundadas vinculadas á situación epidemiolóxica.
A visíbel carreira electoral

Aínda que non existen -ou non son coñecidos- inquéritos sobre o estado de opinión da sociedade galega a respecto da convocatoria electoral inicialmente prevista para o pasado 5 de Abril e posteriormente aprazada, tendo a pensar que esa cita coas urnas non forma parte do catálogo de preocupacións prioritarias presentes no corpo social. Loxicamente, a cabeza das persoas está ocupada na atención ao desenvolvemento da pandemia e as graves consecuencias que está provocando no benestar colectivo.

Poren, a conxuntura preelectoral si está condicionando o comportamento do actual presidente da Xunta. Antes de nada, convén lembrar que o adianto na data estivo motivado por un cálculo -habitual, polo demais, nos sistemas democráticos- realizado polo actual inquilino de San Caetano para obter os maiores rendementos posíbeis na fixación do calendario. A pandemia alterou radicalmente os escenarios previstos e orixinou unha importante anomalía no funcionamento das institucións de autogoberno: nun momento de máxima transcendencia para a gobernanza dos asuntos públicos, o Parlamento galego deixou de funcionar no seu formato ordinario, debilitando o imprescindíbel labor de impulso e control da acción do Executivo e imposibilitando o traballo lexislativo propio do órgano que emana da soberanía popular galega.

O aprazamento da cita electoral multiplicou o clima de confrontación entre as formacións políticas, provocando unha dificultade adicional na obtención dun desexábel -aínda que fose parcial- denominador común no tratamento dos importantes efectos da crise sanitaria. Coas urnas no horizonte, os incentivos para buscar acordos por parte do PPdG -que ven dispoñendo dunha contundente maioría absoluta nos últimos anos- diminuíron fortemente. Dous exemplos relevantes foron as reducidas comparecencias de Feijóo na Deputación Permanente da Cámara do Hórreo e o incumprimento da súa promesa inicial de encontros periódicos cos voceiros da oposición. Dende hai varios días, o presidente da Xunta actúa coa lóxica propia dunha campaña electoral. Por exemplo: a focalización sistemática no goberno do Estado das deficiencias na xestión da crise sen asumir as responsabilidades que lle corresponden no desastre acontecido nas residencias de maiores ou no caos rexistrado na contabilización dos datos. Ou tamén: esixir un comportamento ao executivo de Pedro Sánchez que non se practica, simetricamente, no ámbito competencial galego. Ao cabo, a pretensión resulta moi evidente: construír un relato que atribúa todos os erros ao goberno PSOE-UP e agache todos os déficits acumulados na xestión realizada dende San Caetano.

No contexto que se está a vivir, non resulta pertinente facer xogadas de póker coas circunstancias asociadas a esta convocatoria electoral. Teimar na coincidencia co que decida Urkullu non ten sentido a menos que concorran circunstancias sanitarias que aconsellen tal circunstancia. En termos estritamente partidarios, o que está en xogo para o actual lehendakari e para a Alberto Núñez é significativamente diferente: o primeiro ten practicamente asegurada a continuidade do goberno de coalición PNV-PSE (só está en cuestión o peso de cada socio) mentres que o segundo corre o risco de perder o poder porque non ten opción de pactar unha equipa gobernamental alternativa.

Tampouco ten moito sentido o presunto dilema entre convocar -por exemplo- para o 19 de Xullo ou facelo para o 13 -ou 20- de Setembro, a menos que existan razóns fundadas vinculadas á situación epidemiolóxica. Certamente, estamos nunha situación tan singular que o presidente da Xunta podería facer unha pedagoxía política construtiva e acordar explicitamente cos partidos da oposición a data destes comicios tan atípicos. @mundiario

Comentarios