Buscar

Virus global antes da economía (e II)

Veñen novos tempos de política monetaria. Acollemos favorabelmente este cambio porque se hai novidades en política monetaria tamén poderá habelos noutros campos da política.
Virus global antes da economía (e II)
Banco Central Europeo. / Pixabay.com
Banco Central Europeo. / Pixabay.com

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

La autora, MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO, es columnista de MUNDIARIO. Es doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera. @mundiario

A declaración de pandemia por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS) conseguiu oficializar nunha boa parte do mundo os estados de alerta, alarma, calamidade pública, emerxencia sanitaria, emerxencia epidemiolóxica…, que así é como foron denominados nos distintos estados da Unión Europea. Nalgúns casos –España, por exemplo– tarde mal e de má vontade tómanse decisións conducentes á evitación dun grande desastre sanitario, e pola mesma razón tratar de conter o tsunami económico –desastroso tamén– que virá a continuación.

A Unión Europea reaxiu pola parte do diñeiro. O Banco Central Europeo (BCE), tamén tarde, o dia 12 de marzo en primeiro termo,  anunciaba as primeiras medidas, realmente moi cativas, o que explica que a primeira reacción dos mercados producise o afundimento das Bolsas que en caída libre perdían en valor máis do 10% de forma xeneralizada.

O 19 de marzo e despois dunha reunión de urxencia, a señora Lagarde comunica que o BCE lanza un programa de 750.000 millóns de euros para compra de bonos públicos corporativos e de entidades financeiras de aquí a fin de ano. Trátase de impedir a especulación sobre a débeda soberana dos estados máis vulnerábeis, en concreto España e Italia, pero significa tamén unha emenda á totalidade das actuacións anteriores –de toda a historia– do banco do euro.

Parece que hai un cambio total de cometido do BCE até agora coa única misión de garda e vixía do control do prezo do diñeiro e por suposto da ortodoxia da tendencia cero nos déficits públicos.

Isto rematou. Veñen novos tempos de política monetaria. Acollemos favorabelmente este cambio porque se hai novidades en política monetaria tamén poderá habelos noutros campos da política.

Esta crise vírico-contaxiosa deu a ver de forma nítida as grandes debilidades da Unión Europea, mesmo a súa incomparecencia en asuntos de interese xeral europeo como pode ser o caso dunha pandemia. Europa non se inteirou. Non usou nengún dos órgaos de goberno e de coordenación dos estados para tomar medidas conxuntas, ou polo menos en paralelo diante do máis importante asunto comunitario desde o seu nacemento.

Para pensar ben da demora do Goberno español en tomar decisións, é posíbel que se estivese esperando pola iniciativa europea, polas directrices europeas ou polo plan europeo para se enfrontar ao coronavirus, e mentres medraban en progresión xeométrica os contaxios, afectación e hospitalizacións.

A Unión Europea impasíbel, pero Alemania, Francia, Portugal… ían tomando medidas de política conducentes ao control de contaxios da forma máis eficaz posíbel. Quedou en evidencia que os tempos non foron os mesmos: aquí saían as fotos do novo goberno e en Alemania estaban estudando o seu plan para antes de rematar xaneiro comezar cos tests de detección en extenso como medida preventiva e garantía do menor número de contaxios posíbel. Aquí aínda non se comezou. Cando os primeiros cidadáns –mesmo persoas vulnerábeis– pedían hai tres semanas unha análise para se descartaren como portadoras (por sospeita fundada de contaxio), eran despedidas cun saúdo e unhas palabras tranquilizadoras: non estaba previsto facer probas de detección de forma masiva. @mundiario