Parecía un país tranquilo

A violencia comunitaria en Galicia

Juan Viaño. / Mundiario
Juan Viaño. / Mundiario
Hoxe, a violencia verbal está xa nas Cortes, igual que a falla de entendemento e confrontación sobre territorios que ata hai pouco eran comúns. / Ao fío dun relato de Juan Viaño.
A violencia comunitaria en Galicia

A Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Santiago (Alumni USC) entregou o pasado luns, día 12, a o premio de relatos curtos 2022 (que convoca anualmente esta agrupación) ao ex-reitor e catedrático de matemáticas, Juan Viaño, no decurso dun acto ben deseñado por la directiva de Alumni ao que axudou moito a dinámica e perspicaz presentación a cargo do xornalista Manolo Fraga.

Gabaron ao galardoado, o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; o vicerreitor de profesorado da USC, Ernesto González, e a  escritora Rocío Leira entre outros. As poetas Ester Gamallo e Olga Novo recitaron poemas de gran beleza e altura literaria da súa autoría.

Juan Viaño leu o seu relato no que narra unha liorta ocorrida na feira de Rodiño (Boqueixón)  na tarde do 11 de maio de 1947, protagonizada por bandos de mozos das parroquias de Gastrar, Sergude e Lamas (as tres de Boqueixón) despois de que ao longo da xornada fosen subordinado a razón ao instinto mediante a tradicional inxestión de viño da Ulla a esgalla en dúas tabernas da localidade.

A lea terminou en dous mortos e un bo número de feridos de distinta consideración por arma branca, pedradas e apeiros de labranza. O motivo inmediato deste enfrontamento parece ser que foi a decisión dun mozo de Lamas de mocear con perspectivas nupciais cunha garrida rapaza de Sergude, cousa non ben vista polos veciños dela.

A atmósfera

O autor do relato mestura ficción con descrición periodística dos feitos co fin de recrear a atmósfera da brutal batalla. Na súa intervención, Viaño, veciño da última parroquia citada de Boqueixón, rematou facendo unha reflexión sobre a importancia que tiveron no final das liortas rurais a educación e os cambios tecnolóxicos no campo galego e, en definitiva, os avances rexistrados na segunda metade do século pasado.

A violencia verbal e física foi algo habitual na historia rural de Galicia e de outros pobos de España e do resto do mundo que viviron circunstancias semellantes. Non fomos mais salvaxes que outros como a burguesía galega pensaba dos labregos, nin tampouco o país tranquilo e atrasado con que adoitaban percibilo as miradas foráneas.

Os historiadores chámanlle ao tipo de feitos, coma o que nos ocupa, violencia  comunitaria, diferenciándoa de outros conflitos que desencadearon enfrontamentos contra ás elites locais e autoridades foráneas (tumultos, motíns, sabotaxes...) así como a criminalidade común.

Estas leas eran bastante habituais en feiras, romarías e foliadas, onde nun momento dado se iniciaba unha feroz loita entre dous grupos de mozos nas que se utilizaban paus, pedra e navallas e, en ocasión, armas de fogo. A maior parte das veces non remataba con mortos pero si con feridos de variado prognóstico, quedando algúns con minusvalías para a vida.

As causas foron, desde o século XVIII e ata finais dos cincuenta da pasada centuria, os dereitos sobre a terra, discrepancias sobre pago de foros, rendas sobre o gando; demarcación de leiras (colocar os marcos), servidume de paso, reparto de augas, ligazóns matrimoniais, herdanzas, entre outras. En definitiva, o medo e a cobiza que conviviron nunha sociedade na que unha parte moitas veces temía caer na pobreza e a outra, que xa estaba nela, quería saír sen outros horizontes que non fose a terra que lle ofrecesen unha alternativa.

Un factor importante foi a superpoboación do campo galego moi superiores ás posibilidades agrarias de ofrecer unha vida económicamente decente á maioría. No século XIX a xente rural en Galicia non baixou do 86 por cento e en 1950 era aínda do 72 do total. A combinación de hiperpoboación e escaseza de terra (incluímos neste concepto o monte, insubstituíble na economía agraria tradicional) constituíu unha fonte de conflitos coma o das herdanzas e, o que poderíamos chamar, o mercado do casoiro.

A matanza desatada en Ruanda no ano 1994, non só foi causada por enfrontamentos étnicos e unhas elites desexosas de permanecer no poder, se non pola escaseza da terra para tanta poboación que vivía dela

Insistimos que isto non é algo particular de Galicia. Por exemplo, a matanza desatada en Ruanda no ano 1994, non só foi causada por enfrontamentos étnicos e unhas elites desexosas de permanecer no poder, se non pola escaseza da terra para tanta poboación que vivía dela. Nun país cunha explotación media equivalente á praza da Quintana en Santiago e cunhas terras cultivadas que cubrían todo o país agás os parques nacionais. Os economistas e investigadores belgas Catherine André e Jean Philippe Plateau, que levaron a cabo investigación de campo no país africano, consideran que a excesiva poboación e división da terra en parcelas moi pequenas foi un xermolo de conflitividade cotiá e factor decisivo na explosión dos feitos de 1994.

A parroquia (tamén as aldeas mais poboadas) era a institución coa que se identificaban os labregos, xa que, entre outras razóns, se desenvolvía ao redor da igrexa (sen que faltase preto unha taberna) a vida relixiosa e social. Polo tanto definía a identidade do grupo social rural e, na maior martes das veces, o marco da violencia entre bandos socialmente iguales, diferenciada da que se exercía contra as elites locais ou foráneas.

Aínda que estas liortas eran protagonizadas por mozos, detrás deles estaba toda ou parte da comunidade parroquial ou, en casos, a de unha aldea. Cando xurdía un conflito, os maiores animábanos ás pelexas, desfacendo romarías ou feiras, neste último caso cando terminaba a parte do mercado que ocupaba a mañá, e se entraba na social, que se desenvolvía pola tarde. Ao estar relativamente estendido o malestar dos veciños dunha parroquia con outra, antes dunha foliada xa había xente que o sabía ou ventaba que non ía rematar ben.

Evidentemente, as liortas non sempre respondían á incitación dos maiores. Moitos xoves exercían a súa masculinidade mediante a provocación. No interior de Galicia era famosa a frase atribuída aos de Lalín e bisbarra: “quen me dea un pau doulle un peso e o que me dea dous, 30 reás”. A partir desta fanfurriñada podía desfacerse a paus a romaría.

Causas materiais e natureza antropolóxica

Os historiadores Cabo Villaverde e Vázquez Varela entenden que, ademais das motivacións por causas materiais, había outros de natureza antropolóxica: o reforzamento da identidade da parroquia e a dos propios mozos solteiros, canalizando a súa agresividade e conformando a identidade de adulto. Non tiña unha finalidade de alterar o estado das cousas, se non ao contrario, mantelo. Unha expresión do inmobilismo rural galego.

Este sentido de pertenza superaba outras motivacións máis esperanzadoras. Cando o crego Basilio Álvarez quixo xuntar nunha federación a todas as organizacións agrarias para empoderar aos labregos, nun dos seus mitins multitudinarios, celebrado en 1912 na Estrada, desatouse una lea entre mozos de dúas parroquias, resultando un morto e varios feridos. O mesmo ocorría ás veces no eido laboral moderno. Si os traballadores dunha freguesía se apuntaban a un sindicato os de outra facíano a un distinto. Mesmo cando emigraban a América seguían mantendo a aldea ou parroquia (rara vez o concello) coma o seu lugar de orixe, de xeito que todos temos coñecido a netos ou bisnetos de aqueles emigrantes preguntando por estas localidades con nomes que se repiten abondo en Galicia.

A prensa  recollía estas confrontacións a maioría das veces en breves notas, xa que a burguesía se avergonzaba do comportamento dos labregos aos que consideraba xente incivilizada, salvaxe e pouco racional, empregando apelativos como moro e cafre utilizados polas burguesías española e europeas a respecto do pobos colonizados en África e Asia. Segundo os historiadores mencionados, este xuízo negativo era tamén un xeito, por parte de este sector social, de construír a súa propia identidade malia compartir cos labregos a idealización campesiña, ideoloxía política entre outras cousas.  Non tocante ao idioma, foi pasándose ao castelán dos funcionarios vidos de fóra e aínda agora segue esa inercia con factores engadidos.

Ao longo da primeira metade do século pasado a violencia comunitaria foi medrando e trocándose mais cruenta, aínda que ben puido ser que cambiase a percepción social a medida que avanzaba (lentamente iso si) a alfabetización da poboación e a prosperidade.  De tal xeito que si no século XIX  podería parecer normal, na terceira década do XX, non.

Galicia e a Guerra Civil

A Guerra Civil segou o exercicio desta violencia substituída por outra inmensamente maior e de distinta natureza. Na represión xeneralizada  non sempre é posible delimitar que asasinatos foron levadas a cabo por vinganzas que viñan de vello e cales con fins políticos e de aterrorizar a poboación.

Despois a da conflagración foron anos de abatemento social: fame, estraperlo, o regreso ao rural dunha pequena parte da poboación das cidades que xa levaban outros costumes; veciños das parroquias caídos ou feridos no campo de batalla, a conmoción psicolóxica dos que volveron vivos. A agresividade xuvenil quedou esgotada, e xa non quedaba sitio para a fachenda masculina. Polo demais, había cousas mais urxentes para sobrevivir e seguir adiante.

Cando pasaron uns anos, volveron pouco a pouco as liortas comunais ás romarías coma a que relatou Juan Viaño, pero xa nunca esta forma de violencia chegou cuantitativamente ao que fora. A guerra deixou moi malos recordos. Despois a emigración masiva ás cidades españolas e a Europa deixaron ás vellas xenreiras sen tropa. Os avances sociais e a educación xeneralizada déronlle o estoque final.

Hoxe apenas se lembra esta práctica brutal porque tanto aquí coma noutros países é un recordo vergoñento. Non estaría mal unha maior investigación académica e divulgación porque así nos enterariámonos todos de que algunhas cousas que nos ocorren agora teñen raíces profundas e valoraríamos mais a paz. A violencia verbal está xa nas Cortes igual que a falla de entendemento e confrontación sobre territorios que ata hai pouco eran comúns. @mundiario

Comentarios