Violacións sen importancia

Campaña contra la violencia de género. / asesoriamadridgesys com
Campaña contra a violencia de xénero. / asesoriamadridgesys com

Referímonos á  existencia dunha dupla moral que, por un lado, é de absoluta permisividade ante o machismo cotián e, por outra, ilustra as nosas mentes, mesmo as das mulleres...

Violacións sen importancia

Non imos tratar da sentenza do xuízo coñecido por mal nome da Manada senón do asombro que nos produce contemplar unha parte do tecido social –neste caso unha parte do poder xudicial–,  tamén unha parte dos machos, desenvolvéndose en rabaño e argumentando que van de festa  e, máis en xeral, todas aquelas manifestacións cotiás que desembocan na grande eclosión de violencia e agresión que é unha violación.

Por unha parte é normal, por esperábel, desde a perspectiva da historia social, que haxa reticencias, resistencias e loitas para o abandono do poder e das expresións de poder dos homes sobre as mulleres. Mesmo semella que en determinados campos danse recruamentos de actitudes machistas, ou  cavernícolas. Cavernícolas, no sentido literal do termo, é dicer, pertencentes a épocas precivilizadas. O que causa pavor é que exista posibilidade lícita de interpretar a lei de acordo cuns anteollos ideolóxicos, preconceptuais, que deitan sentenzas asustativas no marco do máis absoluto facer diario da función de xulgar. Denominamos normal no sentido de entender normal por habitual, corrente, participado por moitos, admitido, mesmo até hai moi pouco ben visto como signo de varonía rampante. 

Canto tempo hai que se considera delito na lexislación española a violación? En que ámbitos se define? Cantas violacións no seo do matrimonio se denuncian? Cantos admiten que non se pode violar a ninguén, en nengunha circunstancia, en nengún caso, en nengún territorio?

Referímonos así mesmo á  existencia dunha dupla moral que, por un lado, é de absoluta permisividade ante o machismo cotián e, por outra, ilustra as nosas mentes, mesmo as das mulleres, para solicitar ampliar penas, condenas, xuízos e castigos de todo tipo a uns que máis que actores son vítimas da propia hipocrisía social.

Esta onda de asombro programada, nesta campaña dos do rabaño, que conta cun garda “civil” entre eles, parece buscar o linchamento social duns individuos marcados para que penen ben e así quedar vacinados  de calquer outra acción realmente modificadora das condicións sociais de desenvolvemento diario do machismo.  Por exemplo, por que nas televisións públicas e mais nas privadas se exhiben en programas de moi cativa calidade artística nenas e mulleres en panos menores e homes vestidos? Por que ha ser admisíbel que as mulleres de idade elevada sexan albo de bulra de cativos, infantes, adolescentes e case todos os que tratan ao público?. Por que as mulleres sempre atopan varóns voluntarios para  lles dirixir as manobras cando están ao volante, e se fose  un home nen se lles ocorrería?. Por que a un home, mesmo o último da escala dun cadro de persoal dun centro de traballo, se lle ocorre sempre que pode rifar a unha muller, sexa cal for a súa categoría profisional?. Por que cando hai dúas persoas, home e muller, en compra dun coche, o vendedor (só hai homes vendendo)  se dirixe só ao home aínda que sexa a compradora a muller e así o manifeste? Por que as profesoras de universidade somos “a tía” que dá clase e o noso colega varón é “o profesor”?… En fin, como diciamos arriba, violencias sen importancia. @mundiario

Comentarios