Velaiquí as ensinanzas que nos aprenderon as Tanxugueiras

Tanxugueiras. / @tanxugueiras
Tanxugueiras. / @tanxugueiras
O proceso de escolla do tema que representará ao Estado español no vindeiro certame da Eurovisión aprendeunos seis ensinanzas moi nidias.
Velaiquí as ensinanzas que nos aprenderon as Tanxugueiras

Unha parte moi importante da cidadanía galega está a medrar substancialmente na súa autoestima, síntese solidaria coa súa lingua e cultura e convirte a pertenza á galeguidade na súa referencia no mundo. A identidade nacional mantense e evolúe malia o proceso de globalización ou mesmo canda él.

A música das Tanxugueiras, canda moitos outros  produtos musicais e culturais galegos, son creacións dunha moi grande calidade, calquera que sexa a referencia (estatal, europea ou universal) coa que fagamos a comparanza. Elas amosaron que a música tradicional galega é unha creación popular e viva, que é quen de evoluir e se actualizar en interacción (que non mestizaxe) con outras achegas. Esta calidade comparativa é moi evidente, polo que no próximo futuro non haberíamos precisar da aprobación exterior para encher os concertos das nosas artistas e mercar a música e os libros das nosas creadoras.

A lingua, cultura e música galegas son ben recibidas pola grande maioría da cidadanía do Estado español, como tamén no ámbito europeo e universal. O rexeitamento á nosa lingua e cultura, canda o encaixe nunha España plurinacional dunha Galicia de seu, non xurde dos pobos, senón da aparataxe do Estado, das estruturas do Deep State, das elites do palco do Bernabeu, do establishment cultural, musical e do espectáculo.

O problema non é só político, senón económico. O xuri nomeado pola RTVE, expresión dese establishment do espectáculo, serviu aos intereses de determinadas produtoras do Madrid artístico. Chanel non tiña dereito a percebir diñeiro pola explotación económica dos dereitos de autor (que van ir para esas produtoras), mais as Tanxugueiras si. Un trunfo das Tanxugueiras, ademáis, amosaría o bo acollemento do público español a produtos culturais e musicais en galego, catalán , euskera ou asturiano e iso non lles encaixa aos que só acreditan na España unilingüe, uninacional e unicultural que serve aos seus intereses económicos e á difusión dos seus produtos culturais.

O Estado e as súas Institucións (tamén a RTVE) son moi difícilmente reformábeis e non dubidan, quer de mudar as regras de xogo á metade do partido, quer de revirar a aplicación destas normas, como fixeron as dúas persoas do xuri que votaron Tanxugueiras coas puntuacións de “2”  e “4”, reservadas para a peor e a segunda peor escolla.

O vivido habería valer para que centos de milleiros enxergaramos como funcionan tanto as institucións do Estado como as elites e conexións do Deep State e comprenderamos que a dificultade real de compatibilizarmos a galeguidade coa españolidade baséase só no concepto discriminador e supremacista co que a ideloxía dominante  define España. @mundiario

Comentarios