A Valedora do Pobo insiste en situar o feminismo "no centro do debate"

María Dolores Fernández Galiño na Radio Galega. / Mundiario
María Dolores Fernández Galiño na Radio Galega. / Mundiario
Este luns, a xornalista María Xosé Porteiro –colaboradora de MUNDIARIO– foi nomeada Valedora adxunta, o que supón que por primeira vez en Galicia haberá dúas mulleres á fronte desta institución.
A Valedora do Pobo insiste en situar o feminismo "no centro do debate"

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, insiste en situar o feminismo "no centro do debate", segundo se desprende da entrevista con Xosé Valiñas no programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega. Na que foi a súa primeira entrevista tras a súa toma de posesión, hai menos dunha semana, declarou que a Valeduría do Pobo “é unha institución que realmente esta moi próxima ao pobo, non perde tempo en procedementos formais” e que “esta moi apegada aos problemas da xente”.

María Dolores Fernández Galiño afirmou que “era preciso” situar o feminismo “no centro do debate” porque “a discriminación contra a muller é unha discriminación sistémica que se deu en todos os tempos e dáse en todo o mundo”. Ademais, engadiu que “a violencia de xénero é a forma mais brutal de manifestación desa desigualdade”. A nova Valedora do Pobo defendeu na entrevista un “feminismo que suma” e que o que “ten que perseguir é que todos sexamos libres”.

A valedora Fernández Galiño recordou que desde o ano 2003 van “máis de 1.000 mulleres asasinadas” e este ano “levamos máis de 50 mulleres” e apuntou que en realidade “son máis”, pois “hai vítimas que se escollen aleatoriamente por ser mulleres, que non hai unha relación previa entre o asasino e a vítima e esas non computan como violencia de xénero, pero son violencia de xénero”.

Por outra banda, María Dolores Fernández Galiño sinalou que “hai que loitar contra o acoso”, xa sexa sexual, laboral ou escolar. Sobre o acoso nos centros educativos explicou que “sitúa a vítima nunha situación de aniquilación moral que pode chegar ao suicidio (...) incluso en nenos”.

Este luns, María Xosé Porteiro –colaboradora de MUNDIARIO– foi nomeada Valedora adxunta, o que supón que por primeira vez en Galicia haberá dúas mulleres á fronte desta institución. “Penso que imos traballar ben xuntas”, asegurou Fernández Galiño, e “iso vai a redundar no ben da propia institución e, en definitiva, no ben da cidadanía”.

Sobre a institución á que acaba de chegar dixo que “se está traballando ben” e que “hai un equipo comprometido, competente”. “O que vexo é que alí se traballa duro, ao pé de servir a cidadanía que ten un problema e que acode á Valeduría moitas veces como último recurso”, relatou. @mundiario

Comentarios