Vai asumir Ence a responsabilidade social empresarial?

Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime
Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime

Coa chegada do goberno bipartito (PSdG-BNG) a San Caetano houbo un intento para acordar un traslado das instalacións da papeleira a outro lugar no que se provocaran menores impactos medioambientais.

Vai asumir Ence a responsabilidade social empresarial?

A última polémica sobre Ence non será, sen dúbida, a derradeira. Ademais da dimensión estritamente xurídica -a negativa da Abogacía do Estado a certificar a legalidade da prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy- este episodio recente contén case todos os ingredientes económicos e políticos que avalarían a pertinencia do debate público.

Existen, de entrada, dúas circunstancias indiscutíbeis que convén lembrar. Unha: a pesar da evidente relevancia da decisión tomada pola Abogacía do Estado non estamos ante a definitiva resolución xudicial que finiquite o recurso presentado polo Concello de Pontevedra e pola Asociación de Defensa da Ria. Outra: a prórroga aprobada polo Executivo de Rajoy tivo lugar despois da celebración das eleccións xerais de Decembro de 2015 e moito antes de que se constituira o novo goberno do PP, despois da repetición dos comicios en Xuño de 2016. Situación que, obviamente, non admite comparación coa que se vive na actualidade, a mais dun mes da convocatoria do 28-A.

Coa chegada do goberno bipartito (PSdG-BNG) a San Caetano houbo un intento para acordar un traslado das instalacións da papeleira a outro lugar no que se provocaran menores impactos medioambientais.Tal iniciativa -promovida dende as consellerías pilotadas polo BNG- non foi viábel porque a empresa non quixo asumir custe algún na realización de semellante deslocalización. Despois do 2009 non consta a existencia de propostas análogas realizadas polo goberno de Núñez Feijoo a pesar de contar con sucesivas maiorías absolutas no Parlamento galego.

Ence sabe perfectamente que se hoxe quixera iniciar as súas actividades no lugar onde está ubicada, non podería facelo. E coñece, tamén, a chamada Responsabilida Social Empresarial (RSE), unha corrente doutrinal -asumida oficialmente polos referentes principais do universo empresarial- que aposta polo necesario compromiso das corporacións coas sociedades na que fican inseridas. A RSE non significa, só, cumprir a legalidade vixente en cada conxuntura histórica. Representa algo mais: sintonizar coas demandas que se formulan dende a contorna social. No caso de Ence debería implicar asumir a débeda histórica que ten contraída coa maioría da sociedade pontevedresa que desexa, dende hai tempo, o cambio de localización desas instalacións.

A solución da prórroga dos 60 anos constitúe un insulto ao raciocinio que debería presidir o desenvolvemento das actividades industriais nun pais democrático do mundo mais avanzado. A menos que se manteña o vello criterio de que a maximización do beneficio privado está por riba de calquera outra consideración. @mundiario

Comentarios