UPTA: Os autónomos deberían cotizar segundo os seus ingresos

Presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia (UPTA), Jesús Diéguez. / CRTVG
Presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia (UPTA), Jesús Diéguez. / CRTVG

O presidente de UPTA Galicia sinalou que “autónomos que cobren máis de 40.000 euros teñen que facer un esforzo e pagar máis e aqueles que cobren menos de 10.300, só unha cotización simbólica”.

UPTA: Os autónomos deberían cotizar segundo os seus ingresos

A situación e reivindicacións dos autónomos galegos foron os temas principais da entrevista que esta mañá lle ofreceu ao programa Bos Días da TVG o presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia (UPTA), Jesús Diéguez.

O presidente da UPTA destacou en primeiro lugar que o número de autónomos en Galicia continúa a medrar, situándose xa nos 214.000 na actualidade. Segundo Diéguez, “imos recuperando os datos de antes da crise, será unha moi boa noticia se estes datos se manteñen”.

O presidente de UPTA Galicia amosouse completamente a favor de que os autónomos coticen en función dos seus ingresos, de feito, sinalou que “parécenos ben e lóxico, somos os principais impulsores desta medida”. Argumentou que, ao igual que no caso dos traballadores por conta allea, os autónomos deberían cotizar por tramos en función do que gañen cada mes. Diéguez sinalou que “autónomos que cobren máis de 40.000 euros teñen que facer un esforzo e pagar máis e aqueles que cobren menos de 10.300, só unha cotización simbólica”. Tamén sinalou que non é posible manter un sistema de pensións deficitario, xa que “a maneira de resolvelo é co incremento de ingresos”.

Arredor da presión fiscal sobre o diésel, Diéguez sinalou que “cómpre estar en alerta porque en Galicia estarían 30.000 autónomos afectados directamente” e pediu que se beneficie a nivel fiscal a aqueles que dependan do seu vehículo. Tamén se referiu ao fraude fiscal e sinalou que “é unha lenda urbana que o maior fraude fiscal está nos autónomos”. Diéguez explicou que “o 70 % da fraude está nas grandes fortunas, nas empresas participadas en bolsa e en grandes corporacións” e manifestou a necesidade de incrementar as inspeccións e “ non centrarse na hostelería ou no pequeno comercio”.

Para rematar, o presidente da UPTA remarcou a importancia de crear un plan de autónomos integral, “unha antiga reivindicación para xuntar todas as medidas illadas e implicar a todas as administracións”. @galiciamundiari

Comentarios