Ucraína e a Política Agraria Común coa guerra de Putin de trasfondo

Cereales. / RR SS.
Cereales. / RR SS.
Tormenta perfecta: deficitarios en cereais, dous anos de pandemia, crise enerxética, crise na cadea de subministro, subidas  acumuladas de preto do 40% nos prezos de  cereais, electricidade, fertilizantes, abonos ... e ademais seca.
Ucraína e a Política Agraria Común coa guerra de Putin de trasfondo

Todos parecen coincidir en que o encarecemento das materias primas e o risco de escaseza  de cereais pola guerra en Ucraína provocarán cambios na política agraria común. Polo de pronto o Ministro de Agricultura  quere que Bruxelas asegure os subministros de cereais e flexibilice  os requisitos fitosanitarios  e a entrada de importacións de cereais transxénicos (de Arxentina, Estados Unidos...). Ao final a rendibilidade política prima sobre o impacto que podan ter na saúde humana, animal ou no medio ambiente que parece non importar.

O cultivo de cereais  adaptouse no Estado español aos mandatos da PAC: diminuír  os excedentes cerealistas existentes. A reforma da PAC  no 92 con axudas ao comercio exterior e reducindo drásticamente o prezo dos cereais, foi acompañada de subvencións ao abandono de terras agrícolas  e o aumento da silvicultura (piñeiros e eucaliptos aquí). Cumpríase así unha dobre tarefa que interesaba a Europa, por un lado reduce os excedentes comunitarios de cereais e por outro fabrícase celulosa e papel do que a Comunidade era deficitaria. Na Galiza pagamos as consecuencias, o  Estado e o Goberno galego adoptaron totalmente estes presupostos de Europa, quedando o noso país sen deseño e directrices propias agro-gandeiras. Diminuiu o emprego e os habitantes no rural a medida que se industrializaba a agricultura, volvéndose este máis dependente en insumos  do exterior e ao mesmo tempo esta política fixo desaparecer a gandeiria extensiva (saudábel) e diminuír o gando en liberdade dos montes.  

En maio do 2019, o autor deste artigo escribía en MUNDIARIO: “En Galicia falta millo e sobra eucalipto” e denunciaba que a produción na Galiza e no Estado  de cereais-grao  era insuficiente para consumo humano, gandeiro e industrial mentres na Galiza estaban 600.000 has adicada a eucalipto para fabricar pasta de celulosa e papel para a exportación.  O Ministerio de agricultura calculaba nese ano que se precisaría importar  millo, trigo, avea, sorgo... por un total de case 15 millóns de toneladas e nos portos galegos  entraban anualmente máis de 3 millóns de toneladas de cereais procedentes  principalmente de Ucraína, ademais de Moldavia, Brasil, Estados Unidos, Canadá... Ao non existir  unanimidade nos diferentes países da UE permitían a entrada “silenciada” de cereais transxénicos aínda que dezasete países europeos prohibiran o cultivo con transxénicos. 

As enquisas sobre superficies do Ministerio de Agricultura  indican que no 2021  Galiza ten a situación seguinte: 31.627 ha adicadas a cereais grao: millo, centeo, trigo, cebada e avea, mentres no 2002 tiñamos 55.542 ha. En cereais grao de inverno a superficie galega representa case nada, 0,2% do Estado. No ano 1982 a superficie cultivada para millo grao era de 160.000 ha e para millo forraxeiro  40.000 ha. No 2021  eran 13.118 ha adicadas a millo grao e 71.287 ha  a millo forraxeiro.  Onde están as hectáreas de cultivos que se retiraban? . Dende a entrada de España no Mercado Común Europeo no 1986 á década pasada transfórmanse na Galiza polo menos 265.000 ha de superficie agraria útil para outros destinos principalmente forestal  de especies foráneas de crecemento rápido.

Na actualidade temos a tormenta perfecta: deficitarios en cereais, dous anos de pandemia, crise enerxética, crise na cadea de subministro, subidas  acumuladas de preto do 40% nos prezos de  cereais, electricidade, fertilizantes, abonos ... e ademais seca. Todo isto  cando Ucraína e Rusia como importantes provedores veñen de deixar de selo. A PAC impide que se poñan a producir inmediatamente superficies que tecnicamente están en barbeito e neste momento regresar inmediatamente a  poñer terras a cultivo onde se plantaron eucaliptos parece tarea difícil. Todo demostra que a PAC é inadecuada no noso país, o abandono das terras agrícolas e axudas a forestación e silvicultura diminuíndo a produción agraria propia (cereais...)  nun pais con grandes potencialidades agro-gandeiras e con preto de un millón de cabezas de vacún  demostran que foi un autentico despropósito. @mundiario

Comentarios