Buscar

A TVG, líder absoluto de audiencias na xornada electoral en Galicia

A programación especial da Galega acadou unha cota de pantalla do 21,6% e no  prime time a cota ascendeu ata o 25,3%, superando en 14 puntos a seguinte canle. A audiencia total do día estivo por riba das 900.000 persoas, un 35% dos galegos maiores de 4 anos.

A TVG, líder absoluto de audiencias na xornada electoral en Galicia
María Cadaval, Santiago Martínez, Marta Darriba, José Luis Gómez e Ana Pardo de Vera na TVG. / Mundiario
María Cadaval, Santiago Martínez, Marta Darriba, José Luis Gómez e Ana Pardo de Vera na TVG. / Mundiario

Redacción

Análisis de @mundiario

A CRTVG foi a referencia informativa para os galegos na xornada electoral de onte, na que o despregue dos equipos da TVG ao longo do día foi recompensado pola audiencia cunha cota de pantalla do 25,3% no prime time, superando en máis de 14 puntos o seguinte competidor privado (La Sexta, 10,8%) e case 19 puntos por riba do público (TVE 6,3%).

O “Especial Eleccións” de cinco horas de directo desde o Estudio 5 de San Marcos, presentado por Marta Darriba, acadou o seu “minuto de ouro” ás 22.58h, cunha audiencia de 277.000 telespectadores conectados coa Televisión de Galicia, nunha xornada na que dos 5 programas máis vistos en Galicia os 4 primeiros foron da TVG. Segundo recolle o informe de audiencias que elabora a empresa Kantar Media, a TVG contou cunha audiencia total neste 12-X de 922.000 galegos e galegas, isto é, o 35,2% dos galegos de máis de 4 anos.

Para a análise da noite electoral, a TVG contou con dúas mesas de analistas formadas por: Arturo González (director de Quadernas Consultoría), Matilde Massó (profesora de Socioloxía da UDC), Nacho Capeáns (xornalista e director de Onda Cero Galicia), Miguel Anxo Bastos (profesor de Ciencia Política da USC), Ana Pardo de Vera (xornalista e directora corporativa de Público), Xosé Luis Gómez (xornalista e editor de MUNDIARIO), María Cadaval (profesora de Economía Aplicada da USC) e o consultor político Santiago Martínez.

Máis dun millón de impresións en redes sociais

A Radio Galega desenvolveu durante toda a xornada un amplo dispositivo de cobertura con ducias de puntos de conexión polas catro provincias ao longo de todo o día. Tamén a web crtvg.gal foi un punto de referencia para os galegos neste domingo electoral, cunha infografía específica desenvolvida para o seguimento da xornada e do escrutinio en tempo real.

As redes sociais da CRTVG acadaron máis de 1.400.000 impresións, nunha interacción coa audiencia dixital liderada desde as contas corporativas dos medios públicos en Twitter @TVGalicia, @RadioGalega e @G24noticias, onde se acadaron 829.500 impresións, e no Facebook, onde se chegou ás 572.000.

O despregue técnico e humano da Corporación Radio e Televisión de Galicia, levado a cabo polos traballadores da Televisión de Galicia e a Radio Galega, cumprindo coa súa misión de servizo público de comunicación, estivo marcado neste 12-X polas especiais medidas de seguridade imprescindibles na actual situación sanitaria, tanto dentro como fóra das sedes dos medios públicos. @mundiario