Turismo en peche perimetral: stay-cation en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Desde Cabo Prior podemos divisar a inmensidade do mar.
Desde Cabo Prior podemos divisar a inmensidade do mar.

Cumprindo con tódalas medidas de prevención, desfrutemos de maneira segura das diferentes ofertas turísticas que nos brinda a área sanitaria de Ferrol.

Turismo en peche perimetral: stay-cation en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Sei que viaxar é especialmente difícil neste momento. Pero quero seguir inspirándovos con novos contidos para que coñezades cada recuncho desta fermosa comarca e valoredes cada un dos seus espazos que non desmerecen dos que podemos atopar noutros lugares do país.

Atrevédevos a ser turistas nos vosos propios concellos! Na área sanitaria de Ferrol, ademáis das Fragas do Eume, a Fervenza do Belelle, a cinematográfica Redes, Santo André de Teixido, a Serra da Capelada ou "o banco máis bonito do mundo"..., hai outra vida, outras escapadas posibles que vos enumero a continuación. 

1. Ría entre castelos: Na entrada da ría de Ferrol están as fortificacións defensivas do Castelo de San Felipe e o de A Palma, que se alzan dando a benvida á persoa visitante. Desde Montefaro, en Ares, podemos ver unha panorámica 360 sen obstáculos, xa que é un dos puntos máis altos da zona.

Na entrada da ría de Ferrol están as fortificacións defensivas do Castelo de San Felipe e o de A Palma.

Na entrada da ría de Ferrol están as fortificacións defensivas do Castelo de San Felipe e o de A Palma.

2. Baterías e fortificacións militares: Todas estas baterías desvinculadas de usos militares teñen unhas vistas impresionantes, pois están ubicadas en puntos estratéxicos. Sexa pola súa altura, cantís ou posición relativa á ría, estes improvisados miradoiros permitiranvos obter unhas panorámicas de grande calidade paisaxística. Exemplos diso son as de Montefaro e Prior.

3. Ruta dos faros, de Mañón a Ferrol: Podedes partir do faro máis ao norte do destino, e o máis septentrional da Península: Estaca de Bares (Mañón). Seguindo cara ao sur, o faro Cabo Ortegal (Cariño). E xa no municipio de Cedeira chegaredes ao faro Punta Candieira.

No concello de Valdoviño está o faro de Punta Frouxeira, coñecido como faro de Meirás. Desde alí vese a ermida da Virxe do Porto, que é unha estampa fascinante.

E en Ferrol, contamos con dous faros, o de Cabo Prior, en Covas, desde onde podemos divisar a inmensidade do mar, e o de Cabo Prioriño, que vixía a ría de Ferrol.

4. Presumindo de praias: Multitude de areais de gran beleza destacan nesta contorna privilexiada. Doniños, San Xurxo, Ponzos, Santa Comba, A Frouxeira, Vilarrube, Pantín, A Madalena ou Morouzos, son algunhas das praias máis coñecidas. Moitas delas gozan de moi boas condicións para o surf, aínda que é Pantín a máis popular para a súa práctica, e onde ten lugar o evento deportivo Pantín Classic de carácter internacional.

5. Unha ruta Modernista polo centro histórico de Ferrol: O arquitecto Rodolfo Ucha é a Ferrol o que Antoni Gaudí a Barcelona. Seus son os deseños do teatro Jofre, o Casino, o chalé Antón, as casas Pereira e Romero, a peixaría do mercado municipal de A Magdalena, o hotel Suizo,  a Cociña Económica, etc. As súas obras apórtanlle ao Ferrol ilustrado un carácter modernista moi particular.

Se ben é certo que estes non son nin de lonxe tódolos lugares para visitar no espazo xeográfico que comprende a área sanitaria de Ferrol, podedes ter por seguro que si merecen a pena. Desfrutádeos,  coidádevos e coidade das e dos demais! @mundiario

 

Comentarios