O turismo en Galicia non ten quen lle escriba

Restaurante tradicional de Galicia. / Mundiario
Restaurante tradicional de Galicia. / Mundiario
O sector terá posible solución de futuro se o Goberno galego, depositario de todas as competencias neste ámbito, inicia un programa de modernización, adaptación e dinamización para acompañar ao ámbito empresarial nesta nova etapa. Isto non vai só de axudas. Isto vai de rescate e reconversión.
O turismo en Galicia non ten quen lle escriba

Asistín hai uns dias a unha mesa redonda online sobre o presente e futuro do sector turístico e as consecuencias da pandemia da Covid-19 en Galicia. Entre outros, falou un representante do sector que deixou sobre a mesa unha afirmación estarrecedora: “O 30% do sector turístico de Galicia desaparecerá con motivo desta pandemia”.

O sector turístico de Galicia, como media das fontes consultadas, supón o 11% do PIB do país e emprega unhas 124.000 persoas. Só en hostaleira e restauración temos 20.900 locais. De cumprirse o vaticinio estariamos a falar da desaparición de 6.240 centros de traballo e da destrucción de mais de 37.000 empregos.

O mais chocante da situación foi que os representantes da Xunta presentes nese encontro (Presidente, Conselleiro de Cultura e Turismo, Conselleiro de Economía e Secretaria Xeral de Turismo) non desmentiron nin contestaron tal afirmación.

Durante esta crise, creo que as asociacións de Hostaleira se equivocaron reclamando “abrir canto antes” e pedindo unicamente miudezas non acordes co estado dramático do sector (non pagar a taxa do lixo, condonar o IBI, que nos atrasen o IRPF….). Non é que isto non sexa importante, pero son cuestións case irrelevantes en comparación co “problemón” ao que se enfronta o sector en Galicia. Temos tuberculose e piden aspirina. O Goberno central tomou decisións importantísimas que paliaron a situación ao principio do estado de alarma (ERTEs), pero agora está a tomar unicamente decisións sanitarias conxunturais (condicións para a reapertura) sen enfrontar o caos estrutural da hostaleira en Galicia. E para mais angustia, resulta desesperante comprobar o papel de comparsa asumido pola Xunta en todo este proceso.

Cando as minas de carbón non poden seguir traballando a pleno rendemento aos traballadores non se lles perdoa o recibo do lixo. As administracións fan prexubilacions, pagan indemnizacións ás empresas, incentivan os empresarios para o mantemento dos postos de traballo… Rescátase o sector.

Cando o sector naval non pode seguir traballando a pleno rendemento non se lle quita o IBI aos estaleiros. Faise unha reconversión que implica fortes inversións públicas para prexubilar xente, manter as empresas que se poidan manter, subvencionar a creación de novas actividades empresariais … Rescátase o sector.

Pode que o sector turístico en Galicia non sexa unha peza estratéxica da nosa base produtiva como o é o sector primario ou o industrial. Pero é sen dubida un sector laboral e socialmente imprescindible para o mantemento da nosa economía e do benestar do conxunto do país.

Un sector que agora, polo necesario cumprimento dunhas medidas de protección sanitaria que nos afectan e interesan a todos, terá que traballar nunhas condicións tremendamente difíciles que farán imposible en moitos casos a súa viabilidade.

O problema do sector turístico en Galicia non se vai solucionar con subvencións mais ou menos avarentas ou xenerosas. O sector terá posible solución de futuro se o Goberno galego, depositario de todas as competencias neste ámbito, inicia un programa de modernización, adaptación e dinamización para acompañar ao ámbito empresarial nesta nova etapa. Con importante inversión publica, sí, pero tamén con decisiva dirección política. Isto non vai só de axudas. Isto vai de rescate e reconversión.

Ao pé das súas innumerables virtudes, o sector turístico en Galicia ten mostrado nesta crise algunha das súas carencias. Temos un sector no que a representatividade sindical dos traballadores é escasa e no que a representación empresarial, agás honrosas excepcións, está anquilosada e vive mais preocupada por sentarse na mesa do poder que de analizar e responder á situación que estamos a vivir. Só así se pode entender que se anuncie o desastre certo e que a continuación non pase nada. O turismo en Galicia non ten que lle escriba. Polo menos ata de agora. @mundiario

O turismo en Galicia non ten quen lle escriba