Trocear a realidade

Bandera de Galicia. / Xurxo Lobato
Bandeira de Galiza. / Xurxo Lobato

Como non nos decataremos de que a negación constante é signo elocuente da identidade diferenciada? Canto máis cumprirá esperar para que as evidencias flagrantes se abran paso entre nós? O consentido e o con sentido: velaí o dilema.

Escrebo este artigo no día en que se formalizou a aprobación dos orzamentos xerais do Estado, mercé  –para alén dos apoios xa comprometidos–  aos cinco votos do PNV. Tal actuación foi xustificada por “pragmatismo” e por favorecer a “inminente” caída do artigo 155. O PNV trocea a realidade político-orzamentaria cando así se pronuncia, xa que non se limita a aprobar as partidas consignadas para aumentar os investimentos en Euskadi senón os orzamentos no seu conxunto e, con eles, o partido e o goberno que os sustentan. Prisión preventiva para todos os encarcerados-as cataláns e política preventiva: mellor que continúe o PP, ante a ameaza de que tome o mando Ciudadanos: mellor os xenerais Berenguer e Aznar que o xeneral Primo de Rivera. Acaso non é previsíbel a alianza de PP e C’s no futuro, en beneficio mutuo e apoio recíproco para aplicaren a mesma política represiva?

Trocea a realidade o PP cando simula ignorar que, no mesmo día do apoio recebido do PNV, este partido asina con EH-Bildu un acordo que define Euskadi como nación, como suxeito político, abranxente de sete territorios pertencentes a dous Estados e, en nome disto, proclama a lóxica defensa do dereito de autodeterminación. Por algo semellante, están imputados, procesados, acusados, acosados, humillados, perseguidos e submetidos políticos cataláns nacionalistas: no cárcere, no exilio e impedidos de formaren goberno.

O goberno español, o PSOE, Ciudadanos  –a macro-troika represivo-españolista–  non é que troceen a lexislación que eles mesmos impuxeron pro domo sua senón que a manipulan, retorcen e aniquilan ao servizo da persecución, do castigo e da represalia pura e dura de quen ousa defender os dereitos políticos da súa nación, exercelos, tratar de negociar vías pacíficas de interlocución co Estado e formar goberno a partir de resultados favorábeis nas eleicións catalás que o permiten. O goberno español non é que trocee, é que aniquila bases mínimas de respeito á súa propria legalidade cando impede a constitución dun Executivo catalán con elementos posuidores de todos os dereitos cívicos.

Mutatis mutandis, o feminismo á moda trocea a realidade histórica de opresión do sexo feminino, de sexismo secular acumulado e vixente, cando, en nome da “transversalidade”, renuncia a denunciar o capitalismo como matriz esencial de toda discriminación, queréndoo dotar talvez dun “rosto humano”. Eu non dou visto como se pode comprar unha parte do lote e se esixe, asemade, civilizar o resto: cousificación e prostitución feminina por toda a parte, porque manda o deus lucro, para logo pretender bon trato do sistema que as promove e das que vive.

O mesmo sistema que practica con eficacia a atomización, a fragmentación de conflitos, para entorpecer ou dinamitar a conciencia de nación, a conciencia de clase, a través da glorificación do individuo e do cidadán, como se fósemos seres a-nacionais, asociais, como se non houbese sociedades solidificadas nos Estados e nos imperios correspondentes de identidade indiscutida e indiscutíbel para quen non se recoñece nela. Nada de horizontalidade, nada de convivio entre distintos: hexemonía, propriedade e uniformización. A pax romana. A política?: Roma locuta, causa finita.

E nós, galegas e galegos? Troceados en catro provincias e trescentos e trece concellos, esfarelados en localismos estéreis, invisíbeis para o goberno español e domeados polo pseudogoberno da Xunta ad maiorem gloriam da submisión da Galiza autoanémica. Como non nos decataremos de que a negación constante é signo elocuente da identidade diferenciada? Canto máis cumprirá esperar para que as evidencias flagrantes se abran paso entre nós? O consentido e o con sentido: velaí o dilema. @mundiario

Comentarios