“Triste y sola” (A Tuna Cifuentes)

Cristina Cifuentes.
Cristina Cifuentes.

Esta clase política profesional e sen escrúpulos decidiu que a vida democrática e institucional se convirta nunha frívola tuna.

“Triste y sola” (A Tuna Cifuentes)

Fun un odioso alumno de matrículas antes de entrar na universidade. Fíxenme protestón porque son da primeira promoción que nos tocou iso da selectividade. A primeira vez que fixen algo contra a “orde pública” foi manifestarme contra o repentino anuncio de que nos tocaba examinarnos desa inefable materia (a selectividade). Se cadra, por iso cando cheguei á facultade alá foi a miña brillantez académica. Cheguei mesmo a “copiar” para obter o título. Tardei sete anos e licenciarme e lograr liberarme do traballo físico  nun almacén familiar.

Non vos son un fan da universidade como institución, pero, alomenos, na miña época, aquilo servía para mellorar na vida. Estes días, co escándalo da señora Cifuentes, volvo sentirme solidario coa institución.

A degradación que supón a trampa do maldito “máster” implica maís outro ataque a iso que perdemos con Lehman Brothers: o estado do benestar.  Cando tiven o título, enmarqueino e regaleillo á miña nai. Un título supuña unha certificación de cultura e un pasaporte para unha certa calidade de vida. Xa nin me deteño en valorar o coñecemento real e as habilidades sociais que un conseguía. Xa confesei que copiei, pero debo aclarar que foi en quinto de carreira, unha soa vez e para iso tiven que botarlle a “caradura” de achantar un manual de gramática histórica no WC. A señora Cifuentes, nin por iso pasou.

O que permite que pasen estas cousas é unha cuestión estrutural: o estigma da desigualdade e a putrefacción da universidade. O acceso á universidade xeneralizouse. Dalgunha forma, cómpre dicir que se democratizou. Por iso é especialmente grave que o aumento parello da oferta e da demanda universitarias conleven a ruína ética da calidade científica e da dinamitación do principio de igualdade de oportunidades.

Esta clase política profesional e sen escrúpulos decidiu que a vida democrática e institucional se convirta nunha frívola tuna. E a igualdade, velaí queda: “triste y sola”. @mundiario

Comentarios