O transporte marítimo e a eólica como alternativa

Energía eólica marina. / Iberdrola
Enerxía eólica marina. / Iberdrola
A enerxía eólica representa o 15% do mix enerxético de Europa, pero a maioría é de parques eólicos terrestres e só son o 2% aeroxeradores mariños.
O transporte marítimo e a eólica como alternativa

A enerxía eólica mariña vai en aumento  e xa é unha parte importante da industria navieira europea. Cos avances tecnolóxicos neste campo pronto podemos vela tamén ganando postos no transporte marítimo. Aproveitar a forza do vento para facer que un barco se mova non é unha idea nova, dende a antigüidade utilizouse este sistema e si no seu momento tivo éxito, quen pode negar que pode telo hoxe? Pero necesitaría un forte empuxe.

Coa crise do petróleo  na década dos 70 instaláronse velas ríxidas en algún petroleiro (Shin Aitoku Maru)  e nos 80 fixo o mesmo algún graneleiro  (Usuki Pioneer) pero estes e outros intentos decaeron cando baixou o prezo do petróleo e as empresas chegaron á conclusión que a nivel económico non eran de moito aforro  utilizar enerxía eólica, aínda  comprobando que aumentaban a eficiencia nun 10% . Quen non viu ou escoitou falar do buque oceanográfico da Sociedade  Cousteau  (Alcyone, construído nos anos 80)  equipado con  dúas turbovelas que permitían un aforro do 35% da enerxía diésel.

O futuro e a enerxía eólica

Hay intentos para que no futuro a enerxía eólica  avance no transporte marítimo. Vexamos:

Algúns iates e cruceiros de luxo  levan tempo utilizando a enerxía do vento como enerxía auxiliar dos motores tradicionais  que permiten aumentar a velocidade nun 25-30% grazas a enerxía das velas triangulares convencionais controladas por ordenador (buque Wind Spirit, Wind Star, Wind Surf... ), ou  iates  con  velas orientables  (DynaRig)  con mastros de cerca de 60 m.

No ano 2015 comprobaron que un barco deseñado por un arquitecto naval noruegués aforraba o 60% en combustible e reducía as emisións de gases contaminantes nun 80%, cando combinaba enerxía eólica e gas natural licuado, xunto con deseños aerodinámicos e novos materiais  na construción do barco mercante.

Proximamente unha navieira xaponesa, a principios do 2022, terá un novo graneleiro para transportar carbón  de 235 m de eslora e incorporará unha vela telescópica ríxida  situada a proa que converte a enerxía eólica en forza de propulsión.  Espera reducir entre 5-8%  as emisións de gases de efecto invernadoiro nas súas rutas marítimas. Outros intentos evidencian que velas multi-alas en buques portacontedores de cabotaxe poden reducir  nun 6% os requirimentos de enerxía e supoñen aforros de custos diarios do 27-33%. 

Aproveitamento eólico

Pero as velas ríxidas non son única alternativa no aproveitamento eólico, outros barcos  utilizan  dende hai anos rotores (mercante fines Estradem) para navegar polo mar do Norte seis veces por semana, é un barco hibrido con rotores que xiran  - a diferencia de presión fai mover o barco-  e ao tempo ten propulsión con combustibles fósiles. Outro barco alemán de transporte  de compoñentes de  turbinas eólicas ( E-Ship 1 ) de 134 m  de eslora e 22 m de manga,  construído no 2008,  ten  rotores de 25 m de altura e 4 de ancho o que permite reducir o consumo de combustible nun 30%.

Tendo en conta que  dende 1992 Dinamarca financia estudios para explorar posibilidades eólicas  en buques comerciais ( desenvolveu  o Modern Windship), que Xapón interesouse no tema dende o ano 2003, que Tokio Universidade  xa no 2009 deseñou  buques propulsado polo vento e asistido por motor con nove velas ríxidas e que no ano pasado  buques  portacontedores de cabotaxe saen da Universidade Southamptom  e alcanzan 25 nudos, mesmo algún buque experimental utiliza cometas de axuda a propulsion, podemos preguntarnos:

Ten Galixa un papel?

Ten Galiza algo que ofrecer neste campo? Ten estaleiros preparados? Ten rutas internacionais de tráfico marítimo próximo? Ten experiencia e preparación en eólica? A contestación é coñecida por todos: os estaleiros de Ferrol e Vigo e as empresas auxiliares con tradición e bo facer demandan traballo e están preparadas, xa construen buques e compoñentes eólicos para países extranxeiros, temos tamén unha das rutas internacionais máis importantes de tráfico fronte a nosa costa, Fisterra, ruta que non sabemos aproveitar, e con relación a enerxía eólica fomos pioneiros no século pasado e o pouco que queda está en crise... Que nos falta ?, algo tan sinxelo e importante como é o compromiso e axuda económica do Goberno galego e do Goberno central, algo tan importante como apoio decidido a investigación e aplicación do eólico ao transporte marítimo.  Faltannos “proxectos tractores para o transporte marítimo” e os fondos europeos adecuados, pero sobretodo falta perspectiva de futuro para ver que o transporte marítimo pode remover parte da nosa industria actual e crear novos postos de traballo, porque non partimos de cero . 

Barcos con velas, cometas, rotores, aeroxeradores.... serán o futuro no transporte maritimo mundial para utilizar como fonte principal ou auxiliar no camiño da sostenibilidade, diminución das emisións, aforro de combustible, incremento de velocidade, descarbonización... Oportunidade  si que temos, Europa seguro que aprobaría  proxectos neste sentido, pero parece difícil de explicar e entender aquí, nun país como Galiza onde o transporte de mercancías de cabotaxe e transporte de viaxeiros nas rías ou no litoral está por baixo de mínimos ou non existe e parece que a nade importa. @mundiario

Comentarios