'Transición a pé de rúa' recordará na Casares Quiroga o proceso da instauración da democracia

Carlos Etcheverría y Xesús Alonso Montero, retratados por Xurxo Lobato.
Carlos Etcheverría e Xesús Alonso Montero, retratados por Xurxo Lobato.
A exposición, que se inaugurará este venres, incide na prioridade de traballar pola recuperación da memoria histórica e dar a coñecer ás novas xeracións o esforzo e o risco que asumiu a sociedade da época en prol da liberdade.
'Transición a pé de rúa' recordará na Casares Quiroga o proceso da instauración da democracia

O Concello da Coruña inaugurará este venres a exposición 'Transición a pé de rúa. Discurso político e mobilización social da ditadura franquista á democracia (1975-1979)', na Casa Museo Casares Quiroga, que poderá visitarse ata o 28 de novembro e que incluirá, esa mesma tarde, ás 19.30 horas, unha mesa redonda sobre o proceso de transición democrática en que participarán Hortensia (Tensi) Álvarez Folgar, Carlos Etcheverría –colaborador de MUNDIARIO– e Demetrio Vázquez Martínez, así como os comisarios da exposición, Emilio Grandío e Miguel Gutiérrez.

Desde o Concello sinalan a importancia de iniciativas coma esta para lembrar e dar a coñecer ás novas xeracións o que pasou hai moi pouco no noso país. Inciden en que a mocidade debe saber a loita social e política por conseguir a estrutura básica do réxime actual e os riscos que asumiron moitas persoas para acadar esa liberdade que a ditadura negaba. Neste sentido, a recuperación da memoria histórica é unha prioridade para o Goberno de Inés Rey co fin de garantir un presente e un futuro máis conciliador e máis xusto.

A mostra, organizada polo Concello e o Grupo de Investigación Hispona da USC, revisa o arquivo privado do coleccionista Miguel Gutiérrez de entre 1975 e 1979. Componse de carteis, publicacións, pasquíns, panfletos, fanzines, panos, vinilos, caixas de mistos... achegas de mercadotecnica dunha vintena de partidos e organizacións que dan conta da publicidade e a propaganda da época. Todo este material aborda dúas cuestións principais como son a mobilización popular e os restos do 'franquismo' agrupados en sete apartados ordenados cronoloxicamente.

Sucederanse así obxectos e deseños relativos ás primeiras reivindicacións sobre os dereitos das mulleres, carteis das reivindicacións a favor do retorno de presos políticos ou o referendo sobre a Reforma Política de 1976 -a primeira chamada ás urnas da cidadanía tras a ditatura- as reivindicacións da volta a un sistema de goberno republicano, as primeiras eleccións xerais de xuño de 1977, o referendo da Constitución Española de 1978 ou as eleccións municipais do 1979.

Neste aspecto, poderase gozar de documentación gráfica pertencente a aquelas campañas constantes de información e formación en valores democráticos. Desde carteis de ceos abríndose como símbolo de que agromaban novas esperanzas, ás asembleas multitudinarias e graffitis improvisados, os comisarios destacan os diferentes aspectos que farán que saltemos no tempo para comprobar fitos como a xestación de líderes de barrio ou a creación e disolución de partidos. No acto presentarase tamén o catálogo que recolle en formato postal parte destes materiais expostos. @mundiario

Comentarios