DE BOLINA

A toponimia é un libro que hai que saber ler para entender a Historia

Topónimos de Galicia castellanizados.
Topónimos de Galicia castelanizados.
O abandono e esquecemento do rural está a servir para a perda dunha fonte de coñecemento e comprensión da Historia, a significar tamén o esquecemento da microtoponimia. É necesario, estase aínda a tempo, recoller, sinalizar e facer viva e comprensiva a microtoponimia.
A toponimia é un libro que hai que saber ler para entender a Historia

Na toponimia quedan as raíces de cada un e de todo, escritas. Vale a pena, é imprescindible lela: é Historia documentada. Mais non esa Historia de relatos grandilocuentes que, por mor de simplificar, falan de personaxes. Por poñer: lembramos ao franquismo como se Francisco Franco fora quen, el soíño, de impor un sistema político e aguantalo corenta anos; o mesmo ocorreu, tamén, por exemplo, co rei García, Fernando de Andrade ou Pedro Álvarez de Soutomaior. Ou se o dicimos doutra maneira: sería ata deprimente que os tempos que estamos a construír vaian recordarse como os dos feitos de Felipe VI. A Historia, se se quere coñecer, non se pode reducir a biografías de individuos.

Eu teño un punto de vista profano neste campo, pero ao meu entender a Historia tería que ser a ciencia dos colectivos, da xente, da vida diaria. Loxicamente, esa ciencia precisa apoiarse noutras como Xenética, Arqueoloxía, Arquivística, que se configuran como achegadoras de datos para que os historiadores compoñan unha visión e completen un relato que nos permita saber o ocorrido, tamén para entender o hoxe. E, así, a Lingüística forzosamene debe aparecer como complemento da Historia. O estudo da evolución das linguas permite entender as influencias duns pobos sobre outros e a propia configuración deles. Na actualidade maniféstase o predominio do inglés precisamente pola incorporación de vocábulos dese idioma.

Pero temos palabras aínda de uso diario que son memoria viva de tempos pasados: celtas, como Cambados, -si celta-, romanas, suevas, árabes. Son pegadas que moitas veces non teñen apoio na arqueoloxía -por exemplo non sobran restos arqueolóxicos celtas nin suevos- pero permanecen na lingua. Por iso é tan importante a Toponimia. Pensemos na súa formación: pode que recorden un feito, Alargos ou Tomadas, unha batalla, Gondar, ou digan de quen era ese espazo, Vilagarcía, ou que producía, Reboredo, ou características de seu, Barcela.

Pero sempre se refiren ao que observaban dese concreto emprazamento os seus habitantes e iso dá lugar a descifrar que coñecementos tiñan, que percibían, que viviron nese lugar. Non importa tanto saber deste ou doutro persoeiro -o Marqués, o Conde, o Xeneral- senón descubrir o día a día da xente común que é o xeito de que se nos poidan explicar feitos pasados e os porqués do presente. Esa riqueza toponímica, transmitida de xeración en xeración, que é documental, está en grave perigo co abandono actual do medio rural; e a súa conservación resulta vital dun xeito que vaia máis alá dun exercicio escolar. A Xunta de Galicia e diversos servizos municipais levan tempo a facer unha recompilación de micro topónimos accesible en internet.

O traballo está a ser minucioso e compón unha ferramenta esencial. Pero non é suficiente esa recollida virtual: É imprescindible trasladala xa fisicamente ao territorio: non suporía unha gran inversión que cada Concello acometese o labor de colocación de rótulos cos micro-topónimos e cunha explicación da orixe e do significado de seu. Sería ata un xeito de visualizar que a Historia non é a simpleza de compoñer biografías dos podentes, senón un proceso común e colectivo. @mundiario

A toponimia é un libro que hai que saber ler para entender a Historia
Comentarios