Toma de posesión no Colexio Notarial de Galicia, que ten nova xunta

Xunta directiva do Colexio Notarial de Galicia. / Mundiario
Xunta directiva do Colexio Notarial de Galicia. / Mundiario
“Estamos preparados para afrontar os cambios lexislativos na protección ás persoas con discapacidade e os avances na dixitalización notarial”, di José María Graíño
Toma de posesión no Colexio Notarial de Galicia, que ten nova xunta

O novo decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño (Ponteceso, 1958), tomou posesión do seu cargo na sede colexial da Coruña, apuntando como principais retos para os próximos anos “os cambios lexislativos na atención ás persoas con discapacidade e a dixitalización da función notarial”. Xunto a Graíño, tomou posesión a nova Xunta do Colexio, que queda integrada por María José Gil, notaria da Coruña ( vicedecana); Jaime Romero, notario de Vigo (censor primeiro); Montserrat Trigo, notaria de Lugo (censora segunda); José Mª Rilo, notario de Rianxo (tesoureiro) e Mª del Carmen Carreira, notaria de Melide (secretaria).

O decano, que exerce como notario en Caldas e substitúe no cargo a Isabel Louro despois de 8 anos de mandato, subliña “o alto contido ético e  equilibrador da intervención notarial”, informando os cidadáns do alcance e significado dos documentos que subscriben “e prestando especial atención a quen, por diversas causas, sofren unha situación de vulnerabilidade”. Graíño sostén que “a protección da liberdade e dignidade do individuo, como valor supremo, constitúe a esencia” da actividade cotiá dos notarios, que prestan “especial atención aos dereitos das persoas maiores ou con algunha discapacidade, asesorándolles, en cada caso, das medidas de apoio que poidan adoptar”, anticipándose así a unha eventual situación de indefensión.

O representante do  notariado en Galicia subliña o “cambio radical” que suporá a reforma da lexislación civil e procesual referida ás persoas con discapacidade. A nova normativa acabará co vello concepto de tutela, que privaba de autonomía aos tutelados, para avanzar na regulación da curatela, “que supón a asistencia, apoio e axuda á persoa para que poida exercer a súa capacidade xurídica”.

José María  Graíño sinala tamén que, como consecuencia da pandemia, experimentaron un aumento actos notariais como testamentos, pactos sucesorios, poderes preventivos, vontades anticipadas (o denominado testamento vital) e escrituras de  autotutela ou  autocuratela.

O decano subliña así mesmo o compromiso do notariado na implantación da dixitalización e o desenvolvemento de novas tecnoloxías. A este respecto, apunta á inminente transposición da directiva europea que permitirá constituír sociedades a través de medios electrónicos, nos que a indispensable presenza notarial producirase mediante sistemas seguros de videoconferencia ou outros, que garantan os principios de control de legalidade, neutralidade e asesoramento persoal e individualizado”.

Por último, José María  Graíño expresa o seu apoio á divulgación da mediación e ao desenvolvemento eficaz dos expedientes de xurisdición voluntaria, “non só no ámbito do dereito de familia e o sucesorio, senón tamén no contractual”. @mundiario

Comentarios