De que todo quedou atado e ben atado

Congreso de los Diputados.
A reforma da Coroa esixe a disolución das Cortes.
A Coroa é unha institución constitucional, moi difícil de reformar, aínda que existise abdicación. Pode que non se afronte esa reforma constitucional por existiren moitos problemas, particularmente sociais, aos que buscarlle solucións.
De que todo quedou atado e ben atado

Esta cuestión de que o rei xubilado se marche de vacacións a non se sabe onde, tenche máis de volta e media. Tiven ocasión de falar con el -escribirase El?- en varias ocasións e saquei unha conclusión moi persoal: Nin a Transición foi o que se nos dixo, nin como se nos contou; aínda que, efectivamente, o que importa é que a Constitución de 1978 está aí e no seu abano de recoñecemento de dereitos fundamentais resulta unha norma suprema moderna, e, realmente, significou un avance na consideración dos dereitos individuais, absolutamente homologable a nivel mundial.

Outra cousa diferente son diversos títulos desta Lei de leis. E, particularmente, o referido á Coroa e á figura do Rei. Empezando por este, en relación co status xurídico de seu, temos que ler o artigo 56.3 da CE, do que se fan moi diversas interpretacións. O texto é sinxelo. Di, literalmente: “A persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade. Os seus actos estarán sempre refrendados”. Non pon máis, nin menos. Hai expertos neste ámbito do Dereito que consideran que esa dicción impide xulgalo e castigalo en calquera caso. É dicir, que goza de irresponsabilidade absoluta -non vai con retranca- para actos da súa vida pública como órgano do Estado pero tamén da súa vida privada; e de inmunidade diante dos tribunais.

Para min, un desiderátum sobre o contido deste precepto significaría que o Rei é inviolable ou irresponsable só polos actos refrendados polo Presidente do Goberno ou polos Ministros. Unha cuestión que parece lóxica porque o Rei non ten facultades de goberno e que asine normas non quere dicir que sexa responsable do contido delas, responsabilidade que corresponderá aos membros de goberno competentes -serán estes os culpables-.

Os actos delituosos

O que non me parece que encaixe é que non responda polos actos privados. Hai que dicir que parece claro que para os feitos cometidos despois da abdicación xa non goza de inmunidade porque a Lei Orgánica do Poder Xudicial permite expresamente que sexa xulgado polo Tribunal Supremo. A pregunta é se se poderá, ou puido, xulgar polos actos delituosos, se os houbo e non están prescritos, cometidos na súa vida privada durante o tempo que exerceu a Xefatura do Estado. A iso hai que engadir que é un home casado sometido ás regras do Código Civil e non se sabe moi ben se eses fondos tan inxentes son, ou non, gananciais. Tampouco me parece que a inmunidade alcance á consorte, con tódolos respectos para a súa presunción de inocencia.

A inmunidade do Rei xubilado non se pode dicir, en todo caso, que sexa inconstitucional porque a Constitución non pode conter normas inconstitucionais. E, en relación con isto, estase a propor por diversos sectores políticos a instauración da República.

Na teoría todos, por moito pragmatismo que se lle bote por diante, somos conceptualmente republicanos porque, falar, como se vén falando, de que temos unha monarquía moderna é un oxímoro e interpretar esta institución con criterios actuais sempre xerará un certo estupor.

A instauración da República 

O problema para a instauración da República, que se torna imposible pola cantidade de temas prioritarios, particularmente sociais, que hai que afrontar, tamén está na composición das Cortes.

Para suprimir o réxime monárquico da Constitución, incluso no caso de abdicación, Congreso e Senado terían que aprobar esa reforma por dous terzos e disolvérense. Ademais, as novas Cortes haberían de ratificar a decisión, aprobar o novo texto por maioría de dous terzos, sometelo a referendo e gañalo.

Non vexo que a actual composición das Cortes estea polo labor, por moito que os ideais sexan os ideais. Nin hai iniciativa parlamentaria nese senso. @mundiario

De que todo quedou atado e ben atado
Comentarios