Todas as eivas do mercado laboral galego teñen rostro de muller

Personas ante un servicio de empleo. / UGT Galicia
Persoas diante dun servizo de emprego. / UGT Galicia
Ante esta crúa realidade, UGT estará sempre ó carón das mulleres traballadoras, loitando polo dereito a unha igualdade efectiva. Demostrámolo nesta fonda crise sanitaria.
Todas as eivas do mercado laboral galego teñen rostro de muller

Celebramos outro 8-M denunciando que as mulleres galegas soportan en maior medida as eivas que presenta o noso mercado laboral. Un ano máis no que as frías estatísticas condúcennos a unha realidade diaria que soportan as mulleres galegas pola que aínda asoman moitos nubarróns.

Taxas de actividade e de emprego máis baixas; taxas de paro, temporalidade e parcialidade máis altas; moitas máis reducións de xornada e excedencias por coidado de familiares. Este é o mapa invariable, ano tras ano, dun mercado laboral que xa de por si presenta moitas eivas pero no que estas agudízanse aínda máis no caso das mulleres.

Ante esta crúa realidade, UGT estará sempre ó carón das mulleres traballadoras, loitando polo dereito a unha igualdade efectiva. Demostrámolo nesta fonda crise sanitaria.

Traballamos arreo no marco do diálogo social para sacar adiante os ERTE, que chegaron a protexer 120.500 empregos nos momentos máis duros da pandemia, un 50,8% deles correspondentes a mulleres, chegando nalgúns meses ó 65%. Sacamos adiante as subas do SMI, o que vai beneficiar ós traballadores e traballadoras con salarios máis baixos, mulleres e mozos, sobre todo. Estivemos aí cando se acordou o IMV ou o complemento de redución e brecha de xénero nas pensións. Colaboramos na articulación de dúas ferramentas decisivas para avanzar na igualdade, os plans de igualdade e o seu rexistro e o Real Decreto 902/2020 de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

A isto súmaselle unha reforma laboral cun gran impacto de xénero, xa que se lle poñen límites á temporalidade e ó encadeamento de contratos, onde as mulleres tamén están á cabeza.

Pasos estanse a dar pero aínda queda moito por facer. A poboación activa feminina é inferior á masculina en 49.800 persoas; das persoas que non buscan emprego polo coidado de familiares, o 91,3% son mulleres; e a pandemia agudizou aínda máis esta tendencia de facer da muller a coidadora. Resulta evidente que non existe, ou estase moi lonxe, dunha corresponsabilidade plena entre homes e mulleres e aquí, ademais de resolver as carencias nas infraestruturas públicas para os coidados, hai un traballo educativo que temos que facer todos e todas tamén na nosa esfera máis privada e xa cos nosos rapaces e rapazas dende ben pequenos.

As trabas coas que se atopan as mulleres para acceder ó mercado laboral e permanecer nel tamén provocan nelas un efecto de desánimo

As numerosas trabas coas que se atopan as mulleres para acceder ó mercado laboral e permanecer nel tamén provocan entre elas un efecto de desánimo evidente. De feito, en Galicia de todas as persoas que din que non buscan emprego porque cren que non van atopalo, 5.500 son mulleres, fronte a 3.600 homes. O paro tamén ten rostro de muller, cunha taxa do 12,8%, fronte ó 10,6% no caso dos homes.

A tan nomeada segregación horizontal e vertical e o teito de cristal persisten. Non son meras frases feitas, son realidades palpables. Son o reflexo dun mercado laboral pouco amable coas mulleres. As mulleres seguen a ser maioría no sector servizos, tan só o 32% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só representan o 25,4% dos órganos de dirección das empresas do IBEX 35. Por que hai que seguir vendo isto como algo natural cando as mulleres son a metade da poboación e xa hai máis mulleres con nivel formativo superior que homes?

Precisamente, neste senso temos que denunciar, tamén un ano máis, que a igual nivel formativo, sempre son mellores as taxas de ocupación para os homes.

A precariedade, outra das constantes

A precariedade tamén é outra das constantes que tingue o mercado laboral feminino, con taxas de temporalidade do 26,8%, aínda que nestes dous últimos meses isto vaise atenuando grazas á reforma laboral, e cunha parcialidade totalmente feminizada. Hai 112.100 mulleres con contratos a tempo parcial en Galicia, fronte a 34.200 homes, unha brecha na parcialidade que supera os 21 puntos.

Como xa denunciaba anteriormente, a corresponsabilidade aínda está en cueiros. De novo hai que recorrer ás frías estatísticas, que son reflexo da realidade, e que amosan que o 76,4% das reducións de xornada por coidado legal son solicitadas por mulleres e as excedencias para o coidado dos maiores son solicitadas no 74% dos casos tamén por mulleres. Isto lévanos a denunciar as carencias que hai en materia de servizos públicos para atender estas necesidades básicas da sociedade.

E, neste contexto, tamén como factor de arrastre de todas estas variables, as mulleres galegas soportan unha brecha salarial de 19,3 puntos, uns 5.000 euros menos ó ano.

Quedar de brazos cruzados e asumir esta realidade, que teimudamente repítese ano tras ano, non é para nós unha opción. Como xa apuntei, nesta pandemia fixemos un arduo traballo de concertación que contribuíu a mellorar a situación sociolaboral dos traballadores en xeral, pero sobre todo, a das mulleres e os máis mozos. Pero non é suficiente, hai que seguir traballando a prol dunha igualdade real e efectiva. Por unha banda, en materia normativa hai leis pero tócalles ás empresas cumprir, como cos plans de igualdade, e tócalles ás administracións poñer enriba da mesa os recursos necesarios para vixiar o cumprimento da lexislación. Nete senso, insisto na necesidade de reforzar a Inspección de Traballo.

Tamén queda moito por facer no camiño da eliminación das brechas que teñen que ver coa conciliación da vida laboral e persoal e a corresponsabilidade na tarefa de coidados; hai que acabar coas violencias machistas que cada ano se cobran vidas de mulleres e menores; mellorar as políticas activas de emprego dende unha perspectiva de xénero; investir en infraestruturas públicas suficientes, accesibles e de calidade para o coidado dos menores e maiores con necesidades; ou acelerar o proceso de ratificación dos convenios 189 da OIT sobre o traballo digno das traballadoras do fogar e o 190 sobre a eliminación da violencia e o acoso no eido laboral. @mundiario

Comentarios