Toda a información do 12-X, na CRTVG, en tempo real e con directos en toda Galicia

O 12-X na CRTVG. / Mundiario
O 12-X na CRTVG. / Mundiario
Os xornalistas Marta Darriba, Ana Celia Vázquez e Carlos F. Amado presentarán, desde as 19.30 horas deste domingo, un ‘Especial eleccións’. Ás 20.00 horas, a Galega ofrecerá os resultados dunha enquisa, realizada por GFK á pé de urna en 120 colexios electorais de Galicia.
Toda a información do 12-X, na CRTVG, en tempo real e con directos en toda Galicia

Os medios públicos galegos ofrecerán o domingo unha cobertura informativa especial con motivo das eleccións autonómicas en Galicia. Esta programación comezará na TVG xa ás 9.00 horas para informar da apertura dos colexios electorais. Durante toda a xornada haberá conexións en directo con puntos de toda Galicia e co centro de datos. A media tarde (18.30 h), ofrecerase un adianto informativo, e ás 19.30 horas comezará un ‘Especial eleccións’. Este espazo, presentado por Marta Darriba, Ana Celia Vázquez e Carlos F. Amado, achegará ás 20.00 h os resultados dunha sondaxe encargada pola Corporación a GFK, e elaborada cun mínimo de 14.400 enquisas a pé de urna en 120 colexios electorais e 1.400 consultas telefónicas. Desde ese momento, será o tempo para ofrecer datos do escrutinio en tempo real e unha análise dos mesmos por parte de expertos, nun espazo que se realizará desde o Estudio 5 de San Marcos.  

Ao longo das cinco horas previstas de duración do ‘Especial eleccións’ estableceranse roldas de conexións con xornalistas desprazados en 9 puntos de directo, entre as sedes das forzas políticas, o centro de datos e colexios electorais. Recolleranse tamén as reaccións no País Vasco, onde se celebran tamén eleccións autonómicas.

Para a análise da noite electoral, a TVG contará con dúas mesas de analistas formadas por: Arturo González (director de Quadernas Consultoría), Matilde Massó (profesora de Socioloxía da UDC), Nacho Capeáns (xornalista e director de Onda Cero Galicia), Miguel Anxo Bastos (profesor de Ciencia Política da USC), Ana Pardo de Vera (xornalista e directora corporativa de Público), Xosé Luis Gómez (xornalista e editor de MUNDIARIO), María Cadaval (profesora de Economía Aplicada da USC) e o consultor político Santiago Martínez.

Cobertura na Radio Galega

A Radio Galega realizará tamén un amplo despregamento nesta xornada, desde as 8.00 horas e con edicións especiais do ‘Galicia por diante’ e ‘A crónica’ (14.00 h). A partir das 19.45 horas dará comezo un programa especial de eleccións, coa participación dos analistas Lalo Pavón, Luis Pérez, Ana Luisa Bouza e Arturo Maneiro, onde se contactará tamén cun amplo equipo de colaboradores habituais da Radio Galega para coñecer máis interpretacións sobre os resultados das urnas.

Portal web e redes sociais

Un equipo de profesionais da CRTVG traballará nesta xornada para achegar desde as canles dixitais toda a información en tempo real, tanto na web crtvg.gal como nas redes sociais. Nestas canles poderanse consultar os datos oficiais que vaia facilitando, minuto a minuto, o Centro de Datos da Xunta de Galicia. Este escrutinio será accesible desde calquera tipo de soporte.

O despregamento de profesionais da CRTVG estará marcado sempre polas medidas de prevención adoptadas pola corporación para os seus traballadores e traballadoras e manter así a liña de seguridade que esixe a actual situación sanitaria provocada pola Covid-19. @mundiario

Comentarios