Toda Galicia celebra o Día das Letras Galegas

María Victoria Moreno paseando aos seus cans por Pontevedra. / Ana Seoane
María Victoria Moreno paseando aos seus cans por Pontevedra. / Ana Seoane

Iniciativas que abranguen dende pezas musicais, até percorridos pola cidade que foi o fogar galego da autora, queren homenaxear a María Victoria Moreno este 17 de maio.

Toda Galicia celebra o Día das Letras Galegas

Este xoves, 17 de maio, homenaxéase á escritora estremeña María Victoria Moreno polo Día das Letras Galegas. Moreno é a cuarta muller á que se lle dedica este día festivo para a lingua galega, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño. En 1963, María Victoria Moreno chegou a Pontevedra para exercer coma escritora, docente, e activista da lingua galega e, ademáis dos actos e as iniciativas programados pola Real Academia Galega (RAG) para todo o ano 2018, diversas entidades optaron por mostrar o seu respecto pola autora.

Na cidade de Pontevedra, onde María Victoria Moreno escolleu establecer o seu fogar, a escritora e académica Fina Casalderrey e a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña organizaron as chamadas Camiñadas con María Victoria Moreno, un proxecto posto en marcha ao abeiro da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que botou a andar o pasado 6 de abril. O obxectivo deste reto é trazar un itinerario pola traxectoria vital da autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018 a través dos espazos desta cidade que marcaron tanto o seu día a día, coma a súa obra.

As Camiñadas con María Victoria Moreno súmanse ás xa realizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística sobre outros autores das nosas letras como Castelao, Pintos ou Sarmiento. Co gallo do Día das Letras Galegas dedicado á autora, o departamento tamén realizou un documental que recolle testemuños que retratan a súa personalidade e a súa obra. A peza audiovisual estreouse o pasado xoves 26 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.

A que comezou sendo a cidade de acollida de María Victoria Moreno e rematou sendo o seu fogar, quixo tamén renomear a antiga avenida que recordaba ao ministro franquista José María Fernández Ladreda en honor á escritora, cambio que se fixo efectivo o pasado 28 de abril, segundo o acordado por unanimidade pola corporación municipal. A cidade de Pontevedra tamén quixo recordala coa instalación dunha placa ás portas do edificio onde viviu, o número 15 da avenida de Vigo, que foi inaugurada o 1 de maio.

Por outra banda, a emblemática formación folk Fuxan os ventos rendiu homenaxe a María Victoria Moreno musicando o seu poema "Cantiga", recollido en Elexías de luz (Xerais, 2006), a obra póstuma que recopila a poesía para adultos da escritora. "Lúa de prata", a adaptación musical da peza, foi difundida por diversas canles de vídeo para lembrar a autora "que tan fonda pegada deixou nas nosas letras, especialmente na literatura infantil e xuvenil".

"Lúa de prata", a adaptación musical de "Cantiga". / Fuxan os ventos

Seguindo na liña das iniciativas audiovisuais, a colección As miñas primeiras Letras Galegas da serie infantil "Os Bolechas" foi dedicado este ano á autora homenaxeada. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, declarou que "a iniciativa dos Bolechas non é nova", pero este ano "cadra moi ben co espírito da autora a quen este ano a RAG dedica o Día das Letras: unha escritora, editora e mestra preocupada por fornecer de material aos rapaces e rapazas máis novos, que empezan a descubrir a lectura e a lingua como unha festa, na que podemos participar todos e todas".

Por outra banda, tanto a obra da autora, coma os textos dos que esta é protagonista ocupan estes días os espazos centrais das librarías e bibliotecas de Galicia. Varias propostas son biografías para público máis novo pero tampouco faltan outras para o adulto que profundan na vida persoal, na análise do seu legado literario e tamén no seu activismo cultural, desde o labor docente ata o de editora. Todas elas son un convite para reler, ou descubrir, a escrita dunha autora que, malia nacer e medrar fóra de Galicia,  axiña fixo súa a lingua do país no que se estableceu definitivamente. Entre elas podemos atopar títulos. @galiciamundiari

Comentarios