Rigor e veracidade

Unha protesta de CC OO. / Mundiario
Unha protesta de CC OO. / Mundiario
En Galicia, os arranxos faranse nos locais do patrimonio sindical de Pontevedra, Ferrol e Lugo; por certo, este último, un local relativamente novo no que non se instalou calefacción.

Nestes últimos días chegáronnos por varios medios escritos, estatais e locais, artigos sen rigor ningún sobre ese regadío de cartos que, segundo os asinantes, lles embolsou o Goberno central ás organizacións sindicais co fin de arranxar as súas sedes.

Ao mesmo tempo, noutro medio escrito galego tratábase o escaso ou nulo incremento afiliativo que se está a producir nos sindicatos, relacionándoo de xeito sucinto co devandito regadío gobernamental.

Hai unha idea filosófica en Occidente, vixente desde hai máis de dous séculos, que di que non coñecemos o mundo de forma obxectiva. Todo coñecemento é interpretación. Ninguén che pode servir unha análise "obxectiva" porque tal obxectividade non existe. Isto non significa que esteamos condenados a vivir atrapados nunha subxectividade sen pontes coa realidade. O que significa é que a realidade (a súa interpretación) é unha construción e que, coma calquera edificio, hai construcións máis sólidas, equilibradas e funcionais ca outras.

Como suxeriu nalgún momento o mestre Iñaki Gabilondo, a única clave para superar os desafíos informativos do presente é afirmarse na solvencia e na independencia

Ou, como suxeriu nalgún momento o mestre Iñaki Gabilondo, a única clave para superar os desafíos informativos do presente é afirmarse na solvencia e na independencia.

En vista de que estes medios non ponderaron o valor da solvencia e a independencia que resaltaba Iñaki Gabilondo ao non contrastaren a información, e seguindo nesa idea secular de equiparar a realidade cunha construción sólida, equilibrada e funcional, imos achegar claridade e rigor a estas cuestións.

Os edificios aos que se refiren os distintos artigos na prensa non son propiedade dos sindicatos. Son edificios de patrimonio sindical. O patrimonio sindical intégrano inmobles cuxa titularidade corresponde ao Estado e que, de acordo co disposto na Lei 4/1986, do 8 de xaneiro, de cesión de bens do patrimonio sindical acumulado, cédense en uso ás organización sindicais e empresariais para desenvolveren as funcións que lles recoñece o ordenamento xurídico (art. 7 CE). Polo tanto, as organizacións sindicais non podemos facer neles ningunha actuación de calado.

Ante a situación calamitosa dalgúns destes edificios, o Goberno central tomou a iniciativa de realizar renovacións enmarcadas na chegada dos Fondos Next Generation, destinadas á mellora e eficiencia enerxética: cambio de fiestras, cambio de luminarias e mellora nos sistemas de calefacción.

Concretamente, en Galicia, os arranxos faranse nos locais de Pontevedra, Ferrol e Lugo; por certo, este último, un local relativamente novo (edificouse hai uns vinte anos) no que non se instalou ningún sistema de calefacción.

Para reafirmarnos na veracidade da proba, convidamos a todos os medios que queiran a visitar estes locais e que comproben en por si as condicións en que se atopan.

Doutra banda, quero referirme, como sinalaba ao principio, a esa información que poñía o acento na falla de medra de afiliación nas organizacións sindicais.

Unai Sordo, secretario general de CC OO. / Twitter

Unai Sordo, secretario xeral de CC OO. / Twitter

No Estado, ata o 26 de novembro de 2021, as Comisións Obreiras teñen 970. 937 afiliados e afiliadas ao corrente de pagamento

Eu vou argumentar, ou facer a miña "construción sólida", evidentemente, en nome das Comisións Obreiras. Primeiro, dicindo que os nosos datos de afiliación están no apartado de transparencia da nosa web; e en segundo lugar, confirmando que si medramos: no último ano, un 1,33 %. Pero apuntarei algún dato máis. O 28 de marzo do 2019 aprobábase no Consello Confederal o plan de desenvolvemento afiliativo; dende esa data ata marzo do 2021, a afiliación medra nas CC OO de Galicia un 6,42 %. No Estado, ata o 26 de novembro de 2021, as Comisións Obreiras teñen 970. 937 afiliados e afiliadas ao corrente de pagamento. Esta é a nosa solvencia.

Nunha parte deste país segue proendo que a principal organización social sexa unha organización de clase, como é CC OO; por iso prefire vivir atrapada nunha subxectividade sen pontes coa realidade.

E a realidade é que para a construción máis sólida, equilibrada e funcional da clase obreira seguimos considerando imprescindible estar organizados e organizadas nunha organización sindical de clase. Para que? Para disputar a riqueza, para acadar melloras sociais e laborais, para loitar por un traballo decente… En definitiva, para mellorar a estrutura social e seguir transformando este país. Aí nos atoparán.

Por ir rematando, e como reflexión final, os medios de comunicación son fundamentais, o seu papel é crucial no noso país e en calquera outro, no funcionamento do Estado de dereito e das democracias, e ese papel crucial, como dicía Iñaki Gabilondo, esixe solvencia e independencia. @mundiario

Comentarios