Teñen as dereitas algún trauma de perderen o poder político?

Pablo Casado y Albert Rivera.
Pablo Casado y Albert Rivera.

A estratexia de estender bosta por todas partes esquece algo xa coñecido na loita de mercado que protagonizan as multinacionais: xamais fales mal do produto do teu competidor porque pos en cuestión o conxunto do mercado dese ben, e con el o teu.

Teñen as dereitas algún trauma de perderen o poder político?

Temos entretemento circense. Queremos dicer entretemento amarelo, do que se usa como escándalo para distraír e allear. Tardaron un pouco en se recuperaren. Andaron, como Lázaro no chiste –medio idiotas– só uns días, pero logo xa espeliron, e, agora que acordaron despois do letargo producido polo trauma de perderen o poder político no Goberno do Estado, xa rexorden con forza nova (e non quixen facer unha brincadeira) e comezan a disparar a sinistro sen tino nen puntaría. Porque, de que se trata cando se fala da calidade dunha tese?

Quen se erixe en autoridade para xulgar un traballo de investigación que se presenta nun centro público cumprindo os requisitos legais pertinentes? A que fin serve revolver ao persoal xulgando nos medios de entretemento as características científicas da tese de doutoramento do Presidente do Goberno español?

Con case total seguridade, os intereses das persoas non se sitúen en coñeceren a calidade científica da tese dun gobernante, xa que, ben se viu neste caso, está fóra dalgún dos tipos de delito que se poden cometer ao longo da carreira universitaria.

Sucede tamén que hai unha grande cantidade de xente que vivía con certa esperanza a chegada dos cambios sociais promovidos por un goberno que, desde a alternancia, podía tomar o relevo da pura e dura dereita, e co cambio mudar algo as políticas económicas, para mudar tamén o rumbo do empobrecemento.

Sucedía tamén que é moi distinto ser un/unha ‘chourizo/a’  que, simplesmente, non destacar na profesión particular e non ter chegado perto dos premios Nobel, meta á que non chegou ningún proprietario dos medios de creación de opinión.

Como estamos no medio e medio dos conflitos creados arredor da legalidade de certos mestrados, e aproveitando que o Miño pasa por Lugo, alguén, moi aleuto (e declaradamente gardador das esencias da dereita reaccionaria), polo que se viu, bota un pouco máis de corda na procura dunha peza de caza maior. É un pouco noxento. E é tamén un xogo perigoso xa que, nos grupos da oposición, a dereita e mais a extrema, a profundización no exame con lupa de cada un dos títulos académicos que figuran no curriculum dos chamados líderes, pode converter a lupa en boomerang e, deixando de ser lupa,  queimar o papel de cada candidato á presidencia do goberno, por certo algún sen estrear.

Desde o noxo e o asombro

Non hai nada mellor que esperar e ver, porque neste xogo, como noutros, as armas  pódense volver contra quen as emprega sobre todo se son de dobre gume. Pero aínda desde o noxo e o asombro, resta contemplar a grande desvergoña, o enorme arroallo, para ser quen de facer tal ataque partindo da defensa –mesmo tapando os vicios ocultos– das alternativas dos partidos da dereita na oposición.

Ao pior, hai algún lúcido ‘discorredor’ (non confundir con ‘escorredor’) que deseñou unha estratexia de estender bosta por todas partes, esquecendo algo xa coñecido na loita de mercado que protagonizan as compañías multinacionais: xamais fales mal do produto do teu competidor porque pos en cuestión o conxunto do mercado dese ben, e con el o teu. @mundiario

Comentarios